Resumo da resolución
Nesta resolución, o Tribunal Superior de Xustiza da Rexión de Murcia, homologa o despedimento procedente dun traballador, despois de terse probado a actitude constante e grave de acoso LGTBI-fóbico cara un compañeiro, ao que se chegou a proferir ameazas de morte.
As persoas traballadoras non poden ver limitada a súa liberdade de expresión por estaren suxeitas a un contrato laboral. Agora ben, esta liberdade non é un “dereito ao insulto” e debe ter límites.
Feitos
O demandante foi despedido pola súa empresa, na que tiña máis de 20 anos de antigüidade, após ter acosado un compañeiro pola súa orientación sexual.
Ademais de se dirixir a el mediante insultos e faltas de respecto graves, tamén manifestaba comportamentos homófobos de carácter xeral, comentarios e vexacións ao colectivo LGTBIQA+, con manifestacións que non imos reproducir neste comentario, pero que chegaban ás ameazas de morte. A empresa cataloga os seus comportamentos como:
- “actuacións que constitúen un maltrato de palabra e falta de respecto moi grave cara un compañeiro, así como tamén un quebrantamento do Código de Integridade da Compañía, todo isto en tempo e lugar de traballo”.
O agora demandante proseguiu cos insultos e vexacións en varios momentos e varias xornadas, mesmo cando algunha outra persoa traballadora lle advertía que se estaba excedendo. O demandante reaccionou ás chamadas de atención ríndose.
O Código de Integridade da empresa recollía:
- “[A EMPRESA] comprométese a crear un entorno de traballo no que todos os empregados se sintan incluídos e sexan tratados con dignidade e respecto. Todas as relacións no lugar de traballo deben ser profesionais e libres de prexuízos e acoso. Prohibimos expresamente a discriminación ou o acoso baseados nas características protexidas dunha persoa. Calquera conduta deste tipo vai en contra da política da empresa, podería ser unha forma de discriminación ilegal e non será tolerada”.
Tras isto, decidiu demandar á súa empresa considerando que o seu despedimento fora improcedente, mais o Xulgado do Social de Cartaxena desestimou a súa demanda e o despedimento foi declarado como procedente.
Dado que non estaba conforme coa resolución xudicial, recorreu esta decisión perante o Tribunal Superior de Xustiza da Rexión.
Argumentos das partes
Por unha banda, o demandante pretende que se revisen os feitos probados por parte do Tribunal: considera que non existiu unha actitude constante de acoso cara o compañeiro afectado, senón que os comportamentos que se describen nos feitos teñen carácter exclusivamente puntual.
Por outra, alega que a carta de despedimento non estaba o suficientemente fundamentada.
Un dos requisitos formais da carta de despedimento1 é que os motivos do mesmo sexan claros para que a persoa traballadora teña a información suficiente sobre as causas do seu despedimento e que non se lle provoque indefensión.
Ademais, considera que a súa sanción foi desproporcionada posto que algúns feitos da sentenza non ficaran debidamente acreditados.
Decisión do Tribunal
O Tribunal desestima o primeiro dos motivos de recurso por razóns formais, xa que o recurso de suplicación impide modificar os feitos probados derivados das declaracións das testemuñas2.
O Tribunal Superior segue a doutrina do Tribunal Supremo para decidir sobre a suficiencia ou non dos motivos que aduce a empresa na súa carta de despedimento. Tras a súa análise, constata que a empresa detallou correctamente o comportamento reprochábel do demandante que, despois dunha investigación, considerou inadmisíbel.
Sobre a proporcionalidade da súa sanción, neste caso o despedimento, considera que é proporcionada dada a actitude hostil e insultante coa que tratou ao seu compañeiro de traballo.Insultos e expresións denigrantes múltiples determinaron que o Tribunal considere proporcionado o castigo, xa que ten en conta a gravidade dos feitos sen que as circunstancias persoais do demandante eliminen ou reduzan os seus efectos.
Reflexiona tamén o órgano sobre a liberdade de expresión, na que pretendía ampararse o actor. Indica que esta non pode protexer nin recoñece o dereito a proferir expresións “ultraxantes e ofensivas”, que non teñen relación con ideas ou opinións. A liberdade de expresión, indica o TSX, non é un “dereito ao insulto”. Os límites desta liberdade, que non é un absoluto, deben ser “o dereito á honra, a intimidade e a propia imaxe dos demais”.
Por todo o anteriormente exposto, o Tribunal Superior de Xustiza de Murcia desestima o recurso de suplicación interposto e confirma a sentenza que declara o despedimento do demandante como procedente.
1. A carta de despedimento debe cumprir uns requisitos de forma, tanto se esta é consecuencia dun despedimento disciplinario como dun despedimento obxectivo. Os requisitos da carta de despedimento disciplinario contéñense no artigo 55 do Estatuto dos Traballadores.
2. Os únicos medios de proba que poden ser empregados para apoiar a revisión dos feitos probados son as probas documentais e as periciais, tal e como se desprende do artigo 193.b) da Lei Reguladora da Xurisdición Social.