Resumo da resolución
O Tribunal Superior de Xustiza das Illas Canarias confirma unha sentenza de acoso laboral nun traballador, que realizou acoso sexual e acoso LGTBI-fóbico (por erro) a unha compañeira.
O TSX colócanos diante de dous elementos de interese: a empresa pode ser responsábel do acoso dunha persoa traballadora a outra, se non cumpre a súa obriga de vixilancia e control; e, ademais, a data para comezar a contar o prazo de prescrición duns feitos continuados non é a do primeiro episodio, senón a do derradeiro.
Feitos
María Milagros traballaba como limpadora para FCC Medio Ambiente, S.A. no aeroporto de Gran Canaria.
Casimiro prestaba servizo na mesma empresa, como condutor do transporte das persoas empregadas ao lugar de traballo, sendo tamén responsábel do grupo e ascendido posteriormente a encargado de zona.
A situación chega a Xulgados cando Casimiro comeza a realizar comentarios, de índole sexual, cara María Milagros. Entre estes comentarios se atopaban insinuacións sobre a orientación sexual de María Milagros (detectada “por erro”, pois María Milagros non era unha persoa lésbica). Aproximadamente a finais de setembro do ano 2000 aparece un anónimo na taquilla de María Milagros, con debuxos explícitos e alusións, aínda máis fortes, á suposta orientación sexual da traballadora; chegando a insultos e ofensas directas.
Malia que a empresa tomou medidas para que Casimiro e María Milagros non coincidisen nas súas quendas, a traballadora presenta novas queixas por non realizar Casimiro o seu traballo, e discriminala en comparación coas súas compañeiras. Chegou mesmo a precisar atención de saúde mental por un cadro de depresión e ansiedade.
María Milagros presenta demanda contra da empresa e Casimiro polos feitos descritos e aludindo a unha lesión continuada dos seus Dereitos Fundamentais no traballo. A sentenza de Primeira Instancia recoñece e dá a razón á traballadora, apreciando acoso sexual en Casimiro, e condenándoo a pagar unha indemnización de 901,52€; mais desestimando a pretensión con respecto á empresa.
Preséntase recurso de suplicación diante desta resolución.
Argumentos das partes
Casimiro, que é quen recorre, alega en primeiro termo que os feitos descritos non teñen natureza laboral, senón que se encadran na relación persoal e íntima entre el e María Milagros. Di que proba disto é a absolución da empresa en Primeira Instancia. En segundo termo, e con relación a esta primeira liña de defensa, defenderá que a Orde Social non é competente para coñecer dos feitos. En terceiro lugar argumentará a prescrición dos feitos.
Decisión do Tribunal
O Tribunal vai desestimar, un a un, todos os argumentos de Casimiro, dun xeito taxante.
No que nos resulta de maior interese refire que os feitos que alegou María Milagros teñen pleno cariz laboral, pois sucederon non só no tempo de traballo, senón no entanto ambos os dous estaban prestando servizo e durante as súas tarefas. Así, a actitude de Casimiro é acoso, pero co “apelido” laboral.
Dedica o TSX unhas verbas tamén á responsabilidade da empresa, que resultan de máximo interese. Indica que aínda cunha conduta que se dá entre dúas persoas traballadoras, a empresa ten obrigas e responsabilidade de vixiar e efectuar dirección e organización do espazo e tempo de traballo. Se non empregou toda a dilixencia debida en cortar este tipo de comportamentos ou en previlos, será responsábel tamén das condutas lesivas de Dereitos Fundamentais.
Neste caso, si se considerou acreditado que a empresa fixo todo o posíbel por previr as condutas, a través da realización de actuacións de mediación e adaptación de quendas. Tamén se investigaron os feitos postos en coñecemento por María Milagros.
Destaca tamén o desbotar do TSX ao argumento da prescrición: ao se tratar de feitos repetidos e continuados, o prazo de prescrición non empeza a correr co primeiro acto de acoso, senón a partir “da data na que o traballador desistiu da súa conduta infratora” (neste caso, dende a aparición da infame nota na taquilla de María Milagros).
Tras sinalar o deficitario da argumentación de Casimiro, o Tribunal Superior de Xustiza desestima integramente a súa pretensión, e confima a condena de Instancia nos termos do acoso laboral.