• Inicio
  • Sentenzas
  • Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña 4739/2018, do 19 de xuño de 2018 (rec. 2042_2018)

Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña 4739/2018, do 19 de xuño de 2018 (rec. 2042_2018)

Resumo da resolución

Esta sentenza do TSX de Catalunya declara probado que o despedimento dunha traballadora lésbica se produciu por causa da súa orientación sexual.

A empresa, tan pronto se enterou da súa orientación, apresurouse a despedila, conduta que se fixo evidente, entre outros factores, nos defectos da carta de despedimento.

Feitos

Dona Lorena, que traballaba como administrativa para a empresa Loomis Spain S.A., foi despedida pouco despois de se someter a un tratamento de fertilidade (que, de aí a uns meses, deu lugar ao nacemento do seu fillo) e casar coa súa parella, unha muller.

Presentou recurso a este despedimento diante do Xulgado do Social de Barcelona, que estimou parcialmente a demanda mais declara o seu despedimento como “improcedente” e non nulo, extinguindo a relación laboral entre as partes.

Os despedimentos ou sancións impostas pola empresa poden ser nulas cando, entre outros motivos, teñan por móbil algunha causa de discriminación contemplada na Lei e na Constitución, ou se produza por vulneración de Dereitos Fundamentais (art. 55.5 do Estatuto dos Traballadores).

A consecuencia desta declaración é a readmisión no posto de traballo coas mesmas condicións, incluíndose os salarios de tramitación -aqueles salarios derivados desde a data do despedimento até a notificación da sentenza-; ou a revogación da sanción, noutro caso.

Cando un despedimento se declara como “improcedente”, é a empresa quen ten a potestade de decidir se readmite ou non, mais a persoa traballadora sempre recibe unha indemnización (33 días de salario por ano traballado, cun máximo de 24 mensualidades).

Desta maneira, Dona Lorena presenta recurso a esta decisión diante do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya, impugnando o recurso a empresa.

 

Argumentos das partes

Lorena alega que se produciu unha vulneración dos seus Dereitos Fundamentais ao ser discriminada por razón de sexo (polo sometemento a un tratamento de fertilidade) e por¡la súa orientación sexual (ao casar cunha muller).

A empresa deféndese das argumentacións da traballadora indicando que non tiña coñecemento de que Dona Lorena estaba asistindo a tratamentos de fertilidade, polo que non podía saber se esta ía quedar embarazada ou se xa o estaba.

O Xulgado de Barcelona considerou que Lorena non aportara indicios abonda para invertir a carga da proba, polo que non podía haber lugar a un debate sobre unha posíbel discriminación. Foi o feito da empresa eludir algúns requisitos de forma na carta de despedimento, o que fixo catalogar o despedimento como improcedente.

A carga da proba, con carácter xeral, é de quen formula unha pretensión. Porén, cando existen situacións discriminatorias, a persoa traballadora debe aportar indicios razoábeis de que a empresa puido vulnerar un Dereito Fundamental ou tratou de maneira desigual, sen xustificación, a esa persoa; sendo que, achegados estes indicios e como acontece en varias das sentenzas xa comentadas, é a empresa quen debe probar que non se discriminou (a isto chamamos “inversión da carga de probar”).

Desta maneira, era a empresa quen debía probar, non que non se produciu unha conduta discriminatoria (porque isto daría lugar á coñecida como “proba diabólica”: probar o que non se fixo), senón que houbo un motivo, distinto á discriminación, polo que se realizou esa conduta ou se tomou unha decisión (como por exemplo, despedir por ausencias reiteradas ao traballo).

Dona Lorena considera que si aportara indicios suficientes como para invertir a carga da proba e, deste xeito, a súa demanda tería que ser estimada.

Decisión do Tribunal

O Tribunal, tras un exame exhaustivo dos feitos, conclúe que a empresa non era coñecedora da circunstancia de que Dona Lorena estivese cun tratamento de fertilidade e tampouco de que esta estaba embarazada, polo que non era posíbel invertir a carga da proba neste suposto.

Porén, si considera que houbo indicios razoábeis que fan pensar que a empresa despediu á traballadora con base na súa orientación sexual. Así se desprende do feito que a empresa, ao pouco de casar Lorena, remitira a carta de despedimento “ás présas”, con demasiada premura, segundo o Tribunal.

A ollos do órgano xudicial, esta conduta foi demasiado sospeitosa, ao que se lle suma a ausencia de proba doutros motivos para o despedimento (non se probou que foi feito por outras causas alleas á discriminación).

Descarga a sentenza en pdf