Un ano máis, a Federación Estatal LGTBI+ celebra o evento “Working for Diversity” para promover a defensa dos dereitos laborais das persoas do colectivo, e a posibilidade de vivir a súa identidade abertamente na contorna laboral.
A Federación Estatal LGTBI+, FELGTBI+, celebrou este pasado mes de maio no Museo de América en Madrid a edición de 2025 de Working for Diversity. Este evento reuniu representantes do ámbito empresarial, administracións públicas e organizacións da sociedade civil co obxectivo de impulsar contornas laborais máis inclusivas e libres de discriminación para as persoas LGBTI.
Durante a xornada presentouse o novo Índice de Confianza nas Empresas, elaborado en colaboración coa consultora 40dB, que revela que o 74,6 % das persoas enquisadas valora de forma positiva a entrada en vigor do Real Decreto 1026/2024. Con todo, só un 26 % das persoas traballadoras LGBTI están “fóra do armario” co resto do persoal e apenas un 12 % fronte aos postos xerarquicamente superiores na súa empresa. Estes datos evidencian que, a pesar dos avances normativos, a visibilidade LGBTI no ámbito laboral segue a ser un reto pendente.
Nunha liña similar, a presidenta da Federación, Paula Iglesias, destacou a importancia de que as persoas LGBTI poidan ser elas mesmas no traballo, sen ter que ocultar a súa identidade como mecanismo de supervivencia. Necesítanse estratexias coordinadas entre administracións, empresas e sociedade civil para transformar de forma real os espazos de traballo en contextos seguros e igualitarios.
Segundo comunica a FELGTBI+ na súa web, a nota máis inspiradora do evento foi a conferencia central impartida por Inès Duckit, directora de comunicación para Legrand en Francia e una muller trans pioneira en postos de liderado corporativo. No seu discurso puxo especial relevancia na necesidade de contar con persoas referentes nestes espazos, sinalando que “non se pode ser o que non se ve”.
O evento tamén incluíu a entrega dos recoñecementos EMIDIS e Yes We Trans a empresas que demostraron un compromiso real coa diversidade, e a primeira edición do Premio Working for Diversity, que recaeu en Andrés Gutiérrez, director do Museo de América, en recoñecemento ás boas práticas nos espazos culturais.
Con esta iniciativa, a Federación volvía a insistir na necesidade de que, alén de cumprir coas obrigas legais, as empresas adopten políticas de diversidade que sexan transformadoras, estruturais e firmes.