As políticas inclusivas co colectivo LGBTI non só fortalecen os dereitos das persoas traballadoras, senón que tamén melloran os resultados empresariais. Estudos internacionais demostran que reducen a discriminación, incrementan o compromiso laboral e atraen talento, converténdose nunha aposta estratéxica para a competitividade.
Cada vez máis compañías recoñecen que a diversidade non só é unha cuestión de xustiza social, senón tamén unha oportunidade para mellorar os resultados empresariais. Os datos aválano. Un grupo de investigación da Universidade de California UCLA levou a cabo un estudo comparado no que analizaron máis de trinta investigacións internacionais nesta materia, e que conclúe que as políticas laborais inclusivas co colectivo LGBTI teñen efectos moi positivos tanto para as persoas traballadoras como para as organizacións que as aplican.
Entre os principais beneficios identificados destacan:
- Maior satisfacción e compromiso laboral: As persoas empregadas en contornas que respectan a diversidade sexual e de xénero mostran maiores niveis de motivación, lealdade e disposición a permanecer nas súas empresas. Isto tradúcese en menor rotación de persoal e aforro nos custos asociados á substitución de traballadores e traballadoras.
- Mellora das relacións interpersoais e do clima laboral: A existencia de políticas inclusivas reduce a discriminación e facilita que as persoas LGBTI poidan ser abertas sobre a súa identidade, o que promove un ambiente de traballo máis cooperativo e produtivo.
- Impacto positivo na saúde e no benestar: O estudo constata que a redución do acoso e da ocultación mellora a saúde mental, diminuíndo o estrés e o absentismo, e repercutindo nunha maior produtividade.
- Reforzo da imaxe corporativa e da capacidade de atracción de talento: As empresas que amosan un compromiso claro coa igualdade son mellor valoradas por clientela, fontes de investimento e potencial persoal traballador, o que amplía tanto a base de clientes como o acceso a perfís profesionais cualificados.
- Innovación e creatividade: Os equipos diversos que se desenvolven en contornas inclusivas xeran novas ideas con maior facilidade, favorecendo a capacidade de innovación das organizacións.
A investigación tamén sinala que os custos iniciais de poñer en marcha prestacións específicas, como a cobertura sanitaria a parellas do mesmo sexo ou a atención sanitaria para transición de xénero, son relativamente baixos e poden verse compensados polos aforros derivados dun persoal máis san, motivado e produtivo.
Deste xeito, a evidencia dispoñible apoia que as políticas inclusivas LGBTI son unha estratexia empresarial intelixente: fomentan o benestar das persoas, fortalecen a cultura corporativa e contribúen a mellorar a rendibilidade. As empresas que apostan pola igualdade non só cumpren cun principio ético, senón que tamén gañan en competitividade e sostibilidade.
Porén, o propio equipo investigador sinala que queda un longo camiño por percorrer na loita pola inclusividade no marco laboral, xa que os datos recollidos nos estudos que foron analizados amosaron que os grupos máis vulnerables dentro do colectivo LGBTI aínda non teñen unha presenza suficiente nas empresas. Así, a maior parte dos datos recollidos fan referencia a persoal homosexual, sendo moi escasos os relativos a persoal bisexual ou trans. Do mesmo xeito, tamén sinalan a necesidade de poñer o foco nas persoas LGBTI que tamén pertencen a outros grupos vulnerables, como persoas potencialmente discriminadas por motivos raciais ou de discapacidade.