Resumo da resolución
Unha traballadora, ademais delegada sindical, fora despedida polas constantes humillacións e acoso a compañeiras e compañeiros pertencentes ao seu departamento, no que ela era a superior xerárquica. Entre outros ataques, eran numerosos os episodios de homofobia.
A creación dun clima laboral insufríbel, situación á que denominamos “acoso discriminatorio”, é sancionable por vía disciplinaria. Neste caso O TSX de Castela – A Mancha ratifica esta valoración do caso.
Feitos
A traballadora prestaba servizos como encargada de azafatas en varias empresas subcontratadas á súa vez por RENFE. Era ademais delegada sindical na empresa.
As condutas que motivaron a decisión da empresa son múltiples e van dende xeración e espallar de dixomedíxomes, até insultos, sendo que a responsable creara realmente un clima laboral extremadamente tenso.
Segundo consta nos feitos probados da sentenza, humillaba de maneira constante a unha compañeira insinuando que exercía a prostitución e cuestionando a paternidade do seu fillo. Amais disto, comezou a iniciar o rumor de que un compañeiro era homosexual, insultándoo e vexándoo por tal motivo.
Unha vez foi destituída como delegada de persoal por CCOO, as persoas demandantes demandantes atrevéronse a denunciar tales comportamentos, xa que alegaron en sede xudicial que “tiñan medo” das represalias que puidesen sufrir.
Este medo parecía ter fundamento, xa que a traballadora abusaba acotío da súa posición, mesmo manifestando abertamente a outras persoas traballadoras que “era intocable” e que “levaba 15 anos na empresa”; ameazando ao restante cadro de persoal co despedimento.
Decisión do Tribunal
As ofensas da traballadora sobrepasaban calquera límite, impoñendo un clima laboral de tensión extrema, atentando contra a dignidade, intimidade, liberdade sexual e dereito á honra dos compañeiros e compañeiras. Diante destes comportamentos, o castigo máis severo que a empresa pode adoptar é o despedimento.
Como temos visto noutras sentenzas relativas ao fin da relación laboral, a carta que entrega a empresa á persoa traballadora debe fixar concreta e pormenorizadamente os feitos que se lle imputan, a fin de xustificar a decisión disciplinaria e así poder obterse un total coñecemento das condutas que se lle atribúen. Esta comunicación non ten porqué ser desmesuradamente
exhaustiva, senón que debe conter de maneira fiable e concreta os actos polos cales se lle extingue o contrato de traballo de maneira disciplinaria.
Neste caso concreto, ficaban completamente acreditados os motivos que se lle imputaban na carta. O tribunal recolle entre eles os insultos cara un compañeiro por mor da orientación sexual, chegando mesmo a chamar ao seu domicilio familiar para o insultar directamente pero tamén cando era outra persoa da familia quen contestaba ao teléfono. Nunha destas chamadas, tal
era o nivel de hostilidade que chegou a provocar un ataque de pánico á nai do seu compañeiro.
Perante esta situación, o Tribunal Superior de Xustiza de Castela-A Mancha desestima a demanda e confirma o pronunciamento de instancia, que declarara o despedimento coma procedente.