A bisexualidade segue a ser unha das orientacións sexuais máis invisibilizadas, tamén no mundo laboral. No Día Internacional da Visibilidade Bisexual cómpre lembrar que moitas persoas bi en Galicia aínda afrontan prexuízos, falta de recoñecemento e obstáculos no traballo.
Cada 23 de setembro celébrase o Día Internacional da Visibilidade Bisexual, unha data que lembra a importancia de recoñecer e apoiar ás persoas bisexuais en todos os ámbitos da sociedade. No laboral, esta cuestión segue a ser unha das grandes materias pendentes: a bisexualidade continúa sendo unha orientación sexual infravisibilizada e malentendida, mesmo en empresas que xa deron pasos cara á diversidade LGBTI.
As persoas bisexuais adoitan atoparse cunha realidade complexa, na que son vistas como heterosexuais ou homosexuais dependendo do xénero da súa parella actual no caso de tela, ou de outros factores como a expresión de xénero. No traballo, isto pode traducirse nunha presión constante por ocultar ou simplificar a súa identidade.
Naquelas empresas nas que se conta con recursos específicos para o persoal LGBTI, grupos de apoio ou eventos dirixidos a este colectivo, as persoas bisexuais que teñen unha parella de outro xénero poden non sentirse lexitimadas a participar ou facer uso destes recursos. Este sentimento non carece de base, estudos internacionais abalan que as persoas bisexuais adoitan ser excluídas de espazos LGBTI e poden chegar a sufrir LGBTIfóbia por parte de persoas do propio colectivo.
A falta de visibilidade e recoñecemento ten consecuencias directas. Leva ás persoas traballadoras a vivir nunha situación de estrés e autocensura, evitando falar da propia vida persoal por medo a ser cuestionado; xera dificultades de integración, cunha sensación de non encaixar nin no grupo maioritario nin no propio colectivo LGBTI da empresa; e leva a ter un menor benestar laboral, as persoas bisexuais presentan maiores índices de ansiedade e depresión vinculados á contorna laboral que outros grupos do colectivo.
En Galicia, os últimos informes sobre diversidade no emprego mostran que, a pesar de avances nalgúns sectores, non existen apenas datos específicos sobre persoas bisexuais. A falta de estatísticas é en si mesma un indicador da invisibilidade.
As empresas poden xogar un papel clave para cambiar esta realidade. Algunhas medidas que se están a impulsar son:
- Formación en diversidade que inclúa exemplos e realidades bisexuais.
- Campañas internas de comunicación coincidindo co 23 de setembro.
- Protocolos contra a discriminación que fagan referencia expresa á bisexualidade.
- Creación de espazos seguros e redes de apoio dentro da organización.
Dar visibilidade ás persoas bisexuais no ámbito laboral non é só unha cuestión de xustiza social, senón tamén unha oportunidade para construír contornas de traballo máis saudables, creativas e produtivas. As empresas galegas que aspiren a ser inclusivas teñen como reto entender que a diversidade non é completa se a realidade bisexual segue a quedar nun segundo plano.