Bulos en redes e emprego: cando a desinformación alimenta a LGBTIfobia

Nos últimos anos, as redes sociais convertéronse nunha das principais canles de desinformación sobre os dereitos das persoas LGBTI. O discurso de odio non se mantén uniforme ao longo do tempo senón que se adapta ao contexto histórico e aos medios ao seu dispor. Na actualidade, a LGBTIfobia espállase a través de mensaxes curtas, memes e vídeos que se fan virais en cuestión de horas, nos que se presenta unha versión distorsionada ou directamente falsa da realidade co fin de fomentar un sentimento de enfado e indignación entre o público.


Segundo o informe Discursos de odio en X (2025) da Federación Estatal LGTBI+ (FELGTBI+), os bulos son unha das ferramentas máis efectivas para difundir o odio en liña. O estudo analiza máis de 18.000 publicacións na rede social X (antigo Twitter) e constata que boa parte dos contidos LGBTIfóbicos se articulan arredor da falsa percepción de privilexio. Esta narrativa constrúe a imaxe das persoas LGBTI como un grupo “favorecido” polas políticas públicas, fronte a unha cidadanía “normal” supostamente discriminada.


Un dos exemplos máis recorrentes é o bulo de que as persoas LGBTI terán acceso preferente a ofertas laborais ou axudas públicas, unha idea completamente falsa pero eficaz á hora de sementar malestar e desconfianza.


O informe destaca que, igual que ocorre co bulo das chamadas “paguitas”, se utilizan mentiras sobre subvencións ou medidas de apoio institucional para alimentar un sentimento de agravio. No caso laboral, esta estratexia transfórmase no bulo de que as empresas estarían obrigadas a contratar persoas LGBTI, ou de que existen cupos de emprego reservados para este colectivo. Ningunha destas afirmacións ten base legal nin factual.


As políticas de igualdade LGBTI no ámbito laboral —incluídas as que se impulsan desde o Consello Galego de Relacións Laborais e a Xunta de Galicia— non teñen como obxectivo outorgar vantaxes, senón corrixir desigualdades e previr a discriminación. As medidas que promoven a inclusión da diversidade sexual e de xénero nas empresas non supoñen trato de favor, senón que buscan garantir que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades para acceder, permanecer e progresar no emprego.


Os datos de organismos como a Axencia dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea mostran que unha de cada tres persoas LGBTI oculta a súa identidade no traballo por medo á discriminación. Unha expresión de xénero non normativa ou unha mención dunha parella do mesmo xénero durante unha entrevista laboral poden resultar na perda dunha oportunidade de emprego. A desigualdade real, polo tanto, non está no acceso “preferente”, senón no temor e nas barreiras invisibles que seguen a condicionar moitas traxectorias profesionais.


Estes discursos non son inofensivos. Tal e como sinala o estudo da FELGTBI+, os bulos reiterados crean un clima social hostil que facilita a aparición de mensaxes abertamente de odio e mesmo de agresións. A desinformación xera desconfianza cara ás políticas públicas e dificulta o traballo de sensibilización que moitas empresas galegas están a facer para promover espazos laborais inclusivos.


O bulo de que as persoas LGBTI teñen acceso prioritario ao emprego non é só unha mentira: é unha estratexia calculada para facer retroceder os avances sociais e laborais acadados en igualdade. As políticas públicas e empresariais en Galicia demostran que a inclusión non resta, senón que suma cohesión, benestar e innovación. Combatelos require información veraz, compromiso institucional e a implicación de todas as persoas no ámbito laboral. Porque unha contorna libre de discriminación tamén é unha contorna libre de mentiras.