O verán galego gaña cores cada ano coa emerxencia de proxectos como o Festival Agrocuir da Ulloa ou a Romaría Ponte Farruca. Estes eventos lúdicos e culturais amosan como a diversidade pode ser un elemento dinamizador exitoso no rural.
Nos últimos anos, diferentes iniciativas culturais e comunitarias están a contribuír a visibilizar esta a diversidade sexual e de xénero no rural galego, creando espazos de encontro nos que a diversidade se integra na vida social e cultural do territorio.
O Festival Agrocuir da Ulloa e a Romaría Ponte Farruca, en Laza, son dous exemplos destas iniciativas. Con traxectorias e características propias, ambas as propostas combinan a reivindicación coa cultura, a participación comunitaria e a posta en valor do territorio. O seu percorrido permite reflexionar tamén sobre o papel que poden desempeñar as iniciativas emerxentes dos movementos sociais na dinamización social e económica do medio rural.
O Agrocuir naceu na comarca da Ulloa a partir dun pequeno grupo de persoas que quería crear un espazo de celebración e reivindicación da diversidade sexual e de xénero no territoriono que vivía. O que comezou como un encontro entre amizades foi medrando ata converterse nun festival multidisciplinar que en 2026 celebrou a súa 11ª edición en Monterroso.
A propia organización define o festival como unha iniciativa que pretende abordar, ademais da sexualidade, cuestións como a defensa do bosque autóctono, a equidade de xénero, a integración interxeracional, o despoboamento rural ou a recuperación da memoria e do patrimonio. A súa programación combina música, poesía, obradoiros, baile, deporte, cinema e outras actividades, cunha clara vocación de participación comunitaria.
Esta dimensión comunitaria é especialmente relevante. O festival non se concibe unicamente como un acontecemento lúdico para atraer turistas, senón como unha ferramenta para crear redes, favorecer o encontro entre persoas de diferentes xeracións e procedencias e contribuír á construción dunha comunidade na que a diversidade teña un lugar visible.
O mesmo sucede coa Romaría Ponte Farruca, que este ano celebra a súa quinta edición en Laza. Nacida en 2022 e impulsada pola asociación local Enlazados, a iniciativa combina música, cultura popular, actividades para diferentes idades, artesanía e outras propostas arredor da igualdade, a diversidade e a posta en valor do rural. Entre os seus obxectivos figuran expresamente o fomento do desenvolvemento sostible do medio rural, a recuperación da memoria histórica e a posta en valor do patrimonio material e inmaterial.
A programación de Ponte Farruca exemplifica tamén unha concepción aberta do que é un festival. A proposta busca facilitar a participación de familias, persoas novas e maiores, locais e de fóra da vila, incorporando actividades culturais e de lecer nun espazo compartido. A organización define a romaría como un proxecto comunitario no que colaboran persoas voluntarias, colectivos locais e profesionais do ámbito cultural.
A dimensión social destas iniciativas ten unha conexión directa coa actividade económica do territorio. A organización dun festival ou dunha romaría implica mobilizar profesionais da cultura, artistas, persoal técnico, empresas de servizos e outros axentes económicos. Ao mesmo tempo, a chegada de persoas participantes e visitantes pode repercutir en sectores como a hostalaría, o comercio ou o aloxamento.
Non se trata de reducir o valor destas iniciativas ao seu impacto económico. Pola contra, a súa capacidade para mobilizar actividade é unha consecuencia máis dun modelo baseado na cultura, na participación e na creación de comunidade.
No caso de Ponte Farruca, a propia organización destaca a súa intención de apoiar artistas emerxentes e dinamizar a cultura local, que non sempre ten cabida ou visibilidade nos grandes festivais. A proposta incorpora tamén unha feira de artesanía e espazos vinculados ao mundo agrícola.
O Agrocuir, pola súa banda, ten desenvolvido unha reflexión específica sobre a sustentabilidade do seu propio modelo. Despois de experimentar un importante crecemento da asistencia tras a pandemia, a organización abordou a necesidade de decrecer e manter unha dimensión compatible cos seus obxectivos e coa capacidade do territorio. Esta decisión resulta especialmente interesante porque introduce unha cuestión pouco habitual no debate sobre os eventos culturais: o éxito non ten por que medirse exclusivamente polo número de persoas asistentes.
Neste sentido, iniciativas como estas permiten pensar na sustentabilidade desde unha perspectiva máis ampla, que inclúe as dimensións ambiental, económica e social. Un proxecto cultural pode ser sostible tamén cando fortalece as redes comunitarias, apoia o tecido económico local e contribúe a que o territorio sexa un lugar no que diferentes persoas poidan desenvolver os seus proxectos vitais.
Esta realidade ten implicacións para as empresas e entidades que desenvolven a súa actividade nestes territorios. A creación de comunidades máis inclusivas non depende exclusivamente das administracións ou das entidades especializadas en diversidade. Tamén as empresas, os negocios locais e as organizacións poden contribuír a construír espazos nos que todas as persoas poidan participar en condicións de igualdade.
Isto implica, por exemplo, garantir contornas laborais libres de discriminación, formar o persoal para previr situacións de acoso LGBTIfóbico, revisar a comunicación e as políticas internas e favorecer unha cultura organizativa na que as persoas poidan expresar a súa identidade con seguridade.
Ao mesmo tempo, a existencia dun territorio no que as persoas LGBTI se sintan seguras, recoñecidas e parte da comunidade contribúe á creación dun contexto máis favorable para desenvolver proxectos profesionais e empresariais. A diversidade forma así parte das condicións sociais que permiten construír comunidades vivas e atractivas para diferentes perfís de persoas.
O percorrido do Agrocuir resulta ilustrativo neste sentido. O colectivo explica que parte das persoas que participaron no seu desenvolvemento chegaron ao rural desde outros territorios para establecer nel os seus proxectos de vida. A iniciativa acabou creando unha rede na que se combinan persoas oriúndas da comarca e novas poboacións, e na que a diversidade de orixe se converte nun elemento máis da identidade comunitaria.
A inclusión das persoas LGBTI no medio rural non se limita, polo tanto, á celebración de determinadas datas ou á organización de actividades específicas. Tamén ten que ver coa capacidade das comunidades para crear espazos de participación, oportunidades e relacións nos que a diversidade sexa unha realidade integrada na vida cotiá ao longo de todo o ano.
Desde a perspectiva laboral, isto supón entender a diversidade como un elemento que forma parte do propio desenvolvemento dos territorios. As empresas e entidades non son alleas a esta realidade: forman parte das comunidades nas que desenvolven a súa actividade e poden contribuír, desde os seus propios ámbitos de actuación, á construción de contornas máis inclusivas.
A experiencia destas iniciativas permite así ampliar a mirada sobre as políticas de diversidade. Garantir os dereitos das persoas LGBTI implica tamén favorecer que poidan vivir, traballar, participar e desenvolver os seus proxectos vitais nos territorios que escollan. Cando cultura, comunidade, actividade económica e diversidade se entrelazan, a inclusión deixa de ser unha cuestión exclusivamente sectorial e convértese nunha parte da construción dun rural vivo, plural e con futuro.