Este é o nome que reciben as conductas de illamento, acoso e discriminación no ambiente laboral dirixidas cara as persoas LGBTI polo feito de pertencer ao colectivo. Este fenómeno segue a estar moi presente na sociedade e causa graves danos tanto ás vítimas directas como á sociedade no seu conxunto.
O acoso laboral ou “mobbing” por LGBTIfobia é un fenómeno que, aínda que menos visibilizado, ten consecuencias devastadoras tanto a nivel individual como colectivo. O termo “mobbing” refírese a unha serie de condutas abusivas e repetitivas dirixidas a unha persoa na súa contorna de traballo que resultan no seu menosprezo, illamento ou impacto psicolóxico. Cando esta situación ten como base a LGBTIfobia, estamos diante dun caso específico de acoso que se fundamenta na discriminación por razóns de orientación sexual, identidade de xénero ou expresión de xénero.
Se ben o mobbing é un problema que afecta a moitas persoas, as persoas pertencentes ao colectivo LGBTI son especialmente vulnerables a este tipo de acoso debido á estrutura social e marco cultural patriarcal e cisheteronormativo. A LGBTIfobia no traballo pode manifestarse de diversas maneiras, desde comentarios e chistes ofensivos ata a exclusión deliberada ou a imposición de tarefas degradantes. Este é un tema que merece atención tanto a nivel individual como organizativo, xa que as súas repercusións van máis aló do ámbito laboral, afectando a saúde mental, o rendemento profesional e a calidade de vida das persoas afectadas.
Formas de manifestación do mobbing por LGBTIfobia
O mobbing por LGBTIfobia pode manifestarse de moitas maneiras, desde comportamentos sutís ata agresións máis evidentes. Estas formas de acoso poden clasificarse en varias categorías:
1. Exclusión ou illamento
A exclusión é unha forma común de mobbing por LGBTfobia. As vítimas poden ser ignoradas ou deliberadamente excluídas de actividades sociais ou profesionais, como reunións, xantares de equipo ou proxectos importantes. Esta exclusión non só afecta a súa vida social no traballo, senón que tamén pode ter consecuencias no seu desenvolvemento profesional, xa que a participación en proxectos clave adoita ser esencial para o progreso na carreira.
2. Comentarios ofensivos e chistes
Os comentarios despectivos e os chistes sobre a orientación sexual ou identidade de xénero dunha persoa son outra forma común de mobbing. Estes comentarios, que poden parecer “inocentes” ou “inofensivos” para quen os fai, son en realidade unha forma de violencia verbal que mina a autoestima e a dignidade da persoa afectada. Este tipo de acoso pode ser especialmente insidioso, xa que moitas veces é disfrazado como “humor” ou “bromas”, facendo que sexa máis difícil de denunciar.
3. Críticas inxustificadas e sobrecarga de traballo
Outra forma de mobbing consiste en criticar inxustificadamente o traballo da vítima ou asignarlle unha carga de traballo excesiva e imposible de manexar. Este tipo de acoso busca desestabilizar á persoa, facéndolle crer que non é capaz de realizar o seu traballo correctamente, ou ben castigándoa co exceso de tarefas. No contexto da LGBTIfobia, estas críticas ou sobrecargas poden estar motivadas por prexuízos sobre a suposta falta de profesionalidade ou competencia das persoas que saen das normas de xénero.
4. Negación de dereitos
En ocasións, o mobbing por LGBTIfobia pode manifestarse na negación de dereitos laborais básicos, como o acceso a permisos ou beneficios aos que a persoa ten dereito. Por exemplo, unha persoa LGBTI pode ser privada de permisos relacionados coa súa vida familiar ou persoal, como o acceso a permisos ou reducións de xornada por ter que coidar da súa parella do mesmo xénero, ou pode ser discriminada á hora de optar a promocións ou aumentos salariais.
Consecuencias do mobbing por LGBTIfobia
As consecuencias do mobbing por LGBTIfobia son profundas e variadas, afectando tanto á persoa acosada como á empresa e á sociedade no seu conxunto.
1. Consecuencias para a vítima
As persoas que sofren mobbing por LGBTIfobia experimentan unha serie de consecuencias negativas a nivel físico e psicolóxico. O estrés continuado pode derivar en problemas de saúde mental como ansiedade, depresión e, en casos extremos, pensamentos suicidas. A autoestima da vítima tamén se ve gravemente danada, o que pode afectar á súa capacidade
para realizar o seu traballo e para manter relacións sociais dentro e fóra do lugar de traballo. Como resultado deste clima violento e accións discriminatorias, as persoas LGBTI poden ver truncada a súa carreira profesional e a súa capacidade para desenvolver un proxecto vital digno e autónomo.
2. Consecuencias para a empresa
As empresas tamén sofren as consecuencias do mobbing por LGBTIfobia. Un ambiente de traballo tóxico pode levar a unha diminución da produtividade, xa que as persoas acosadas poden ter dificultades para concentrarse ou sentir motivación para traballar, afectando en moitos casos ao desempeño de toda a rede de persoas coas que comparten tarefas ou coas que deben coordinarse. Ademais, a alta rotación de persoal, causada polo acoso, implica custos adicionais en termos de recrutamento e formación. A reputación da empresa tamén pode verse danada se se coñecen casos de acoso, o que pode afectar á súa capacidade para atraer e reter talento.
3. Impacto social
A nivel social, o mobbing por LGBTIfobia perpetúa a discriminación e a exclusión das persoas LGBTI. Este tipo de acoso reflicte e reforza as desigualdades estruturais existentes na sociedade, contribuíndo a manter un sistema no que as persoas que non se axustan ás normas sociais son marxinadas e desvalorizadas, condenadas a un status socioeconómico máis precario.