Activistas, sindicatos e administracións públicas suman esforzos para dedicar o mes de xuño a visibilizar o colectivo LGBTI e as súas necesidades, desenvolvendo programas de actividades que culminan no 28 de xuño, día Internacional do Orgullo LGBTI.
Cada ano o mes de xuño énchese de cor, memoria e reivindicacións co gallo do Orgullo LGBTI. Este é o mes de referencia para o activismo a prol do colectivo desde as revoltas de Stonewall, no ano 1969 na cidade de Nova Iorque.
No contexto galego, o movemento LGBTI leva xa máis de catro décadas reivindicando estas datas e organizando todo tipo de actividades e mobilizacións, comezando coa histórica manifestación de 1981 na cidade de Vigo.
Cidades e vilas galegas contan con extensas programacións froito da cooperación entre as institucións e o tecido asociativo. Cada ano máis localidades apostan por celebrar a diversidade sexual e de xénero como un valor en positivo, con actos abertos a toda a cidadanía. En moitos casos, estas programacións culminan con actividades de rúa coincidindo co 28 de xuño, día internacional do Orgullo LGBTI.
O mes do orgullo trátase dun tempo para celebrar a diversidade sexual e de xénero, pero tamén para lembrar que os dereitos conquistados non son definitivos e que os espazos laborais seguen a ser ámbitos chave na loita pola igualdade real.
A discriminación por orientación sexual ou identidade de xénero pode adoptar formas visibles -acoso, negación de promocións, comentarios ofensivos- ou máis sutís, como a ocultación forzada da identidade por medo ao rexeitamento. Neste contexto, a diversidade non só é un valor ético, senón tamén un factor clave para o benestar, a innovación e a cohesión nos equipos de traballo. Promover espazos seguros, protocolos contra a LGBTIfobia e formacións específicas en diversidade sexual e de xénero é fundamental para construír lugares de traballo xustos e igualitarios.
Ao longo deste mes, asociacións, sindicatos e administracións públicas traballan para dar a coñecer recursos, materiais informativos e boas prácticas que contribúan a facer realidade o dereito a traballar con dignidade, sexa cal sexa a orientación ou identidade das persoas.
Neste senso, a web de Diversidade Laboral da Consellería de Emprego, Comercio e
Emigración supón un lugar de referencia tanto para empresas como para persoas traballadoras galegas, contando con amplos recursos de calidade á súa disposición. Os repositorios de sentenzas comentadas e de boas prácticas para a inclusión LGBTI na contorna laboral están dispoñibles para a súa consulta por parte da cidadanía.