Presentado o acordo de modelo de protocolo de acompañamento para as persoas trans no ámbito da empresa

O documento presentado no acto “Ni invisibles, ni vulnerables: Derechos trans en el trabajo” é o resultado da negociación entre o ministerio de traballo e organizacións sindicais, e supón un paso máis no desenvolvemento normativo da Lei 4/2023.

O Ministerio de Traballo e Economía Social presentou o pasado xoves 26 de febreiro o Protocolo de acompañamento para as persoas trans no ámbito da empresa, unha ferramenta destinada a facilitar a aplicación de medidas de apoio e garantía de dereitos das persoas trans nos centros de traballo.

Segundo a información publicada na web de La Moncloa, o documento responde a unha preocupación polos retrocesos en materia de dereitos LGBTI a nivel internacional, así como ao consenso académico que sinala ás persoas trans como un dos grupos máis altamente vulnerables no ámbito laboral.

Un instrumento de orientación para o ámbito laboral

O protocolo, elaborado mediante un diálogo coas organizacións sindicais máis representativas, ten carácter orientativo e está concibido como unha guía para que as empresas poidan establecer procedementos claros de acompañamento ás persoas trans, especialmente en procesos relacionados coa súa transición de xénero na contorna profesional.

Entre os aspectos que aborda inclúense:

  • O respecto á identidade e expresión de xénero da persoa traballadora.
  • A garantía do uso do nome e xénero da persoa independentemente de se mudou a súa documentación legal.
  • A garantía dunha contorna laboral libre de discriminación, sen ningunha forma de represaria cara as persoas que saen da norma de xénero.
  • A promoción do uso de linguaxe inclusiva e respectuosa coa diversidade.

Este instrumento enmárcase no desenvolvemento das previsións recollidas na Lei 4/2023 para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos LGTBI, que establece obrigas específicas en materia de igualdade e non discriminación no ámbito empresarial.

Este acordo de modelo de protocolo supón un paso adicional na implementación das medidas previstas pola normativa estatal para reforzar a protección da diversidade nas empresas e promover contornas laborais baseadas no respecto, a igualdade de trato e a non discriminación.

O documento pretende servir de apoio ás organizacións, especialmente ás pequenas e medianas empresas, facilitando a aplicación práctica das obrigas legais vixentes en materia de igualdade.