Publicación do Real Decreto 1026/2024, que se desenvolve medidas para a igualdade e non discriminación das persoas LGTBI nas empresas

O Real Decreto entrou en vigor o pasado 10 de outubro e desenvolve de xeito específico as medidas en materia laboral recollidas na Lei 4/2023. Defínense contidos e prazos para os Plans de Igualdade e Diversidade así como para os Protocolos contra o Acoso LGBTIfóbico.

O pasado 8 de outubro de 2024 foi publicado no Boletín Oficial do Estado o Real Decreto 1026/2024, polo que se desenvolve o conxunto planificado de medidas para á igualdade e á non discriminación das persoas LGTBI no ámbito empresarial.

O Real Decreto desenvolve os principios establecidos na Lei 4/2023, do 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGBTI, e articula un conxunto de medidas que deberán ser implementadas polas empresas, tanto do sector público como privado, co fin de asegurar un tratamento igualitario e respectuoso para todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual ou identidade de xénero.

Entre as principais medidas que recolle este Real Decreto, que serán de obrigado cumprimento para empresas con máis de 50 persoas traballadoras, destacan as seguintes:

  1. Plan de Igualdade e Diversidade LGTBI nas empresas: Establécese a obrigatoriedade de elaborar e poñer en marcha un plan específico de igualdade e diversidade LGTBI. Este plan deberá contemplar accións concretas que aseguren a visibilidade, inclusión e protección das persoas LGTBI no lugar de traballo.
  2. Protocolos contra a discriminación e o acoso por motivos de orientación sexual e identidade de xénero: As empresas deberán contar con protocolos para previr e actuar ante calquera situación de discriminación ou acoso que poidan sufrir as persoas LGTBI. Estes protocolos deberán ser claros nos procesos, incluír medidas cautelares para protexer á vítima e resolver os casos en prazos razoables.
  3. Formación e sensibilización en materia de diversidade: As empresas deberán ofrecer formación continua ao seu persoal directivo, mandos intermedios e persoas traballadoras en xeral, en temas relacionados coa igualdade e a non discriminación das persoas LGTBI, co obxectivo de promover unha cultura empresarial inclusiva e libre de prexuízos.
  4. Medidas de acción positiva: O Real Decreto promove a adopción de medidas específicas que favorezan a inclusión de persoas LGTBI en situación de vulnerabilidade ou que teñan dificultades de acceso ao mercado laboral. Estas accións inclúen programas de mentoría, bolsas de emprego específicas e a colaboración con entidades especializadas na integración laboral deste colectivo.
  5. Supervisión e sancións: A normativa establece un sistema de control e seguimento por parte das administracións públicas para garantir o cumprimento das medidas recollidas no Real Decreto. Ademais, contempla un réxime sancionador para aquelas empresas que incumpran as obrigas establecidas, co obxectivo de asegurar a efectividade das políticas de igualdade e non discriminación.
  6. Cláusulas de igualdade de trato e non discriminación. Os convenios colectivos ou acordos de empresa recollerán no seu articulado cláusulas de igualdade de trato e non discriminación que contribúan a crear un contexto favorable á diversidade e a avanzar na erradicación da discriminación das persoas LGTBI, facendo referencia expresa non só á orientación sexual e identidade de xénero senón tamén á expresión de xénero ou características sexuais.

 

O Real Decreto 1026/2024 representa un paso adiante cara á consolidación dun mercado laboral máis diverso, inclusivo e respectuoso cos dereitos de todas as persoas, promovendo a igualdade real e efectiva das persoas LGTBI en todos os ámbitos profesionais.

As empresas deberán comezar a adaptar as súas políticas internas a esta nova normativa, asegurando así o cumprimento dos obxectivos previstos, e contribuíndo ao desenvolvemento dunha sociedade máis xusta e igualitaria.