A Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans, Bisexuais e Intersexuais (FELGTBI+) deu a coñecer no mes de novembro o seu novo Informe sobre o estado socioeconómico das persoas LGTBI+ en 2024. Trátase dunha análise exhaustiva que reflicte as complexas realidades laborais e sociais que afectan a este colectivo. A precariedade laboral destaca como un dos factores máis preocupantes, agravando as desigualdades existentes e limitando as oportunidades de desenvolvemento persoal e profesional.
O informe sinala un ascenso destacado da taxa de risco de pobreza e o índice de carencia material severa do colectivo LGBTI+ respecto a anos anteriores. De especial interese a información detallada sobre a situación de ocupación e a temporalidade laboral do colectivo segundo franxa de idade e xénero.
Taxas de actividade e desemprego: unha fenda alarmante
Segundo o informe, a comunidade LGTBI+ enfronta importantes barreiras no acceso ao emprego. Aínda que a taxa de actividade da poboación LGTBI+ é lixeiramente superior á media (78,65% fronte ao 58,63% da poboación xeral), a realidade laboral está marcada por niveis desproporcionados de paro e subemprego. Así, a taxa de desemprego das persoas LGBTI+ supera á da poboación xeral (13,16 fronte a 12,29) e a taxa de emprego é polo tanto inferior (86,84 fronte a 87,71). Destaca o caso das mulleres LBTI+, cunha taxa de desemprego que ascende ao 17,39%, moi por enriba da media estatal.
O estudo subliña que moitas persoas LGTBI+ experimentan dificultades para obter contratos laborais estables. Os contratos temporais ou a tempo parcial non desexados son significativamente máis comúns neste colectivo, e afectan de xeito especial ás persoas trans e non binarias. Ademais, as barreiras para o acceso a postos de maior cualificación tamén se ven incrementadas pola discriminación e a invisibilidade da diversidade nos procesos de selección.
Impacto socioeconómico da precariedade laboral
A precariedade laboral non só limita o acceso a ingresos estables senón que tamén repercute directamente na calidade de vida. Segundo o informe, unha parte importante da comunidade LGTBI+ enfronta maiores taxas de pobreza e exclusión social en comparación coa poboación xeral. A vulnerabilidade económica, sumada aos efectos do desemprego e dos contratos inestables, xera dificultades para acceder á vivenda, á educación superior e a servizos sanitarios específicos, como os tratamentos de afirmación de xénero.
Estes factores agravan as taxas de estrés e problemas de saúde mental, xa de por si elevadas neste colectivo debido á discriminación estrutural e á falta de apoio social.
Conclusións destacadas en materia laboral
• A taxa de desemprego feminino LBTI+ é moi superior ao da media da poboación, situándose no 17,39%.
• O 14,7% das persoas LGTBI+ aseguran que nos seus fogares se traballou menos de 2 meses no último ano. Polo tanto existe unha maior temporalidade que no resto da poboación.
• A maioría de fogares de persoas LGTBI+ teñen uns ingresos netos mensuais entre os 1001€ e 1668€. Quen posúen menos ingresos netos mensuais son as persoas trans e as lesbianas.
• A taxa AROPE, que indica o risco de exclusión social, sitúase para o colectivo LGTBI+ en España no 30,6%, 4 puntos por encima da media europea (26,6%).
Pódese consultar o documento ao completo nesta ligazón.