Publícase o informe “La situación de las personas LGTBI+ con discapacidad en España”

O informe revela como a intersección de capacitismo e LGBTIfobia crea obstáculos significativos para as persoas do colectivo con discapacidade, en especial nos ámbitos sanitario, educativo e laboral.

O pasado 27 de xaneiro foi publicado un informe da Dirección Xeral para a Igualdade real e efectiva das persoas LGTBI+, xunto co Real Padroado da Discapacidade do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, que pon o foco sobre unha realidade a miúdo invisibilizada: a discriminación estrutural que sofren as persoas LGTBI+ con discapacidade en diversos ámbitos da vida, desde o educativo e laboral ata o sanitario. Este estudo revela como a combinación de capacitismo e LGBTIfobia xera obstáculos significativos para este colectivo, afectando directamente a súa calidade de vida e oportunidades.

Segundo o informe, o 78% das persoas enquisadas manifestaron ter sufrido discriminación no ámbito educativo. Destacan que o 42% dos casos se deben á discapacidade, mentres que o 34% está relacionado coa orientación sexual e o 13% coa identidade de xénero. Ademais, o informe sinala unha falta de protocolos para previr e abordar estas situacións, o que contribúe a un ambiente de permisividade cara ao acoso escolar.

No eido laboral, o documento describe unha situación complexa. Só o 43% das persoas entrevistadas no estudo conseguiran entrar no mercado laboral, e de estas o 39% manifestou ter sufrido discriminación na busca de emprego. A pesar das proteccións legais contra a discriminación, o informe subliña que estas non se aplican plenamente na práctica. As persoas LGTBIQ+ con discapacidade enfrontan maiores dificultades para acceder a un emprego estable e, unha vez dentro, moitas vense obrigadas a ocultar parte da súa identidade para evitar ser discriminadas. O teletraballo é mencionado como un factor que outorga maior seguridade para algunhas, xa que permite evitar espazos hostís onde se reproducen estereotipos e prexuízos, mais esta medida non combate a cultura LGBTIfóbica nas empresas e supón unha maior invisibilización do colectivo.

Outro dos ámbitos onde a discriminación é especialmente preocupante é o sanitario. O 46% das persoas enquisadas afirmaron sentirse discriminadas ao acceder a servizos de saúde, sendo os profesionais de atención primaria e os especialistas os principais responsables desta exclusión. A infantilización e a desexualización das persoas con discapacidade leva a que moitas delas non reciban a atención médica axeitada, especialmente en servizos vinculados á sexualidade e identidade de xénero, como a endocrinoloxía e a xinecoloxía.

O informe conclúe que é imprescindible unha maior sensibilización e formación en todos os sectores para combater a discriminación interseccional. Proponse a creación de protocolos específicos nos centros educativos, adaptacións reais nos lugares de traballo e a mellora da atención sanitaria para garantir os dereitos das persoas LGTBIQ+ con discapacidade. Ademais, a investigación destaca a importancia de fomentar contornas comunitarias máis inclusivas e accesibles.

Este estudo pon sobre a mesa unha realidade que precisa accións concretas para garantir unha sociedade máis xusta e igualitaria para todas as persoas, independentemente da súa identidade de xénero, orientación sexual ou discapacidade.

Pode consultarse o informe íntegro na seguinte ligazón:
https://www.igualdad.gob.es/ministerio/dglgtbi/resumen-ejecutivo-traduccion-al-ingles-adaptacion-a-lectura-facil-e-infografias/