REDI e BBVA presentan un novo informe sobre a xestión da diversidade LGBTI nas empresas españolas

O informe, resultado dunha investigación realizada no 2023 e presentado en setembro de 2024, analiza o impacto das políticas de diversidade LGBTI no ámbito laboral en España.

O informe «A xestión da diversidade LGBTI en España: o impacto nas persoas empregadas e na cultura corporativa», elaborado por REDI (Red Empresarial por la Diversidad e Inclusión LGTBI) e BBVA, analiza os efectos das políticas de inclusión LGBTI no ámbito laboral
español. A través de datos recollidos de 2400 persoas empregadas de empresas da rede REDI, conclúese que a implementación destas medidas mellora a saúde emocional, o rendemento e o compromiso tanto das persoas LGBTI como das aliadas.

Non obstante, o informe tamén destaca que un 26% das persoas LGBTI consultadas afirma ocultar a súa orientación sexual ou identidade de xénero, alegando motivos como o medo a sufrir discriminación profesional. Se ben é un dato significativamente inferior ao da media española (un 39% segundo recolle o propio informe), chama á atención ao tratarse de persoal empregado en empresas que se manifestan de forma expresa como inclusivas coa diversidade. Estes resultados poden sinalar a importancia de traballar por un cambio de valores significativo no conxunto da sociedade en paralelo coa implementación de medidas fortes de promoción da diversidade nas empresas.

O estudo destaca a importancia que ten para as empresas promover un ambiente de traballo seguro e diverso. A xestión adecuada da diversidade non só reduce o risco de discriminación, senón que tamén favorece unha cultura corporativa máis aberta, creativa e produtiva. Aínda que moitas empresas están avanzando cara a inclusión, o informe insiste na necesidade de accións concretas e formación para romper barreiras e prexuízos.

Neste sentido recóllese que ata un 37% das persoas consultadas para a realización do informe escoita con frecuencia na súa contorna laboral algunha forma de linguaxe LGBTIfóbico, chistes, comentarios inapropiados ou rumores sobre a identidade de xénero ou orientación sexual do persoal.

REDI, como organización de referencia na diversidade LGBTI no ambiente empresarial, e o BBVA, remarcan o impacto positivo que teñen as empresas que apostan por políticas LGBTIfriendly, mellorando a súa reputación, innovación e atracción de talento diverso. A presentación deste informe serve como chamamento para continuar avanzando cara á igualdade efectiva no ámbito laboral, fomentando culturas inclusivas que benefician tanto a individuos como ás propias organizacións.

Este documento supón un material de especial interese como ferramenta para reflexionar sobre a posta en marcha de medidas dirixidas á promoción da diversidade, ao recoller unha análise a vista de ave dos éxitos e atrancos atopados na implementación destas medidas ao longo dos últimos 6 anos en numerosas empresas.

Ademais, entre as súas conclusións este informe recolle unha lista de recomendacións dirixidas a fomentar a inclusión LGBTI nas empresas de maneira eficaz. Para máis información, pódese consultar o informe completo aquí.