• Inicio
  • Sentenzas
  • Sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, do 12 de xaneiro de 2023, asunto C-356/21 (J.K. c. TP S.A.)

Sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, do 12 de xaneiro de 2023, asunto C-356/21 (J.K. c. TP S.A.)

Resumo da resolución

O TXUE considera que a normativa europea de igualdade de tratamento no emprego é aplicábel tamén ás persoas traballadoras por conta propia, sempre que manteñan vínculos estábeis e habituais con quen as contrata.

 Neste caso, considera que existiu unha discriminación sobre a base da orientación sexual, despois de non se renovar o contrato dunha persoa autónoma após esta subir algúns vídeos á plataforma “YouTube” apoiando a diversidade e promovendo a tolerancia en Polonia.

Feitos

J.K. prestaba servizos externos, como autónomo, para a empresa de televisión pública polaca “TP”. Durante anos, mantivo unha moi fluída relación laboral co medio, sendo que mesmo nunha reorganización presentada no ano 2017, era unha das persoas traballadoras mellor valoradas.

En novembro dese mesmo ano, J. K. é contratado de novo, por un mes e para prestar dúas quendas: unha o 7 e outra o 21 de decembro.

Fóra do eido laboral, o traballador subiu no mes de decembro un vídeo á súa conta de YouTube, no que aparecía coa súa parella felicitando as festas e promovendo a tolerancia e igualdade cara as parellas do mesmo sexo.

Pouco despois de se facer público o vídeo, recibiu unha comunicación por parte da empresa na cal se anulaba a quenda do día 7 de decembro. Pouco tempo despois comunican a J.K. que tampouco era precisa a súa presenza no día 21. A partir desa data, a empresa non volveu celebrar máis contratos co profesional.

J.K. recorre esta decisión diante do Tribunal do Distrito da Cidade de Varsovia fundamentando a súa demanda nunha vulneración do principio de igualdade, defendendo que existira unha discriminación directa por mor da súa orientación sexual, xa que consideraba que o vídeo publicado na plataforma audiovisual fora o motivo principal da extinción do seu contrato.

O órgano xudicial manifesta serias dúbidas sobre a aplicación da normativa europea contra da discriminación no emprego (a xa coñecida Directiva 2000/78/CE), ás persoas traballadoras por conta propia. Tratábase dunha cuestión esencial ao caso pois, de non se aplicar, o traballador non podería ampararse na protección que o Dereito Europeo dispensaba contra a discriminación por orientación sexual.

Por estas reticencias, o Tribunal pregunta ao TXUE se a Directiva exclúe ás persoas autónomas e, polo tanto, tamén as posíbeis infraccións e sancións que procederían aplicar a unha empresa que ten a liberdade de contratar cunha persoa, cando o motivo para non o facer é a súa orientación sexual.

Decisión do Tribunal

O TXUE considera que a Directiva ampara a toda clase de persoas traballadoras, sexan por conta propia (como as persoas autónomas) ou por conta allea (como as asalariadas).

Asegura que o Lexislativo europeo, ao elaborar esta norma, utilizou o termo “emprego” e “exercicio profesional” entendidos nun sentido amplo, sen facer distinción; e, por tanto, os dereitos e obrigas que se desprenden desta norma deben predicarse do traballo por conta propia e allea en similares termos.

O Tribunal lembra que a Directiva xa fora modificada para atribuír competencias á UE para loitar coa discriminación por orientación sexual (como xa vimos no Asunto C-507/18, xa comentado).

O que si exixe o TXUE é que as actividades profesionais “sexan reais e se exerzan no marco dunha relación xurídica caracterizada por unha certa estabilidade” para que a Directiva poida ser aplicada ao traballo autónomo. Por iso, insiste en que será a Xustiza de cada Estado a que determine se a prestación de servizos que realiza a persoa ten ou non esas notas de estabilidade.

No presente caso, o Tribunal é claro: existía suficiente proba para concluír que J.K. si realizaba unha prestación habitual para a empresa. Ficara demostrada a participación do traballador en contratos para diferentes montaxes audiovisuais para o Departamento de Edición e Promoción da Canle 1 da televisión polaca.

A celebración de contratos, sexa cunha persoa autónoma ou asalariada, entra dentro do concepto de “condicións de acceso” ao posto de traballo, polo que a negativa a celebrar un contrato cunha persoa por mor da súa orientación sexual estaría comprendida no ámbito de aplicación da Directiva. 

Neste caso si se advertía un posíbel elemento de complexidade, pois J.K. non era unha persoa asalariada e podía interpretarse que a empresa podía prescindir libremente dos seus servizos. Porén, o Tribunal reflexiona sobre a vulnerabilidade das persoas autónomas, indicando que é comparábel neste caso á dunha persoa traballadora, debido á importancia e o peso específico do vínculo entre J.K. e o medio de comunicación.

Por estes motivos, considera que a decisión de TP de prescindir dos servizos de J.K. foi motivada pola súa orientación sexual; estando esta conduta discriminadora proscrita dentro do ámbito do Dereito Europeo.

O TXUE encarga ao órgano xudicial polaco que investigue se se produciu unha discriminación por razón da orientación sexual, tendo en conta as circunstancias concorrentes e, se confirma que a houbo, deberá precisar que esa discriminación está inxustificada en base á Directiva, adoptando as medidas que sexan necesarias para evitar calquera tipo de discriminación.

 
*O PDF proporciónase a efectos unicamente informativos e ínstase a consultar a sentenza na base de datos orixinal para verificar que non foi alterada con posterioridade.
 
Fonte dos datos: sitio de Internet do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.