• Inicio
  • Sentenzas
  • Sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, do 25 de abril de 2013, asunto C-81/12 (Asociatta ACCEPT c. Consiliul National pentru Combaterea Discriminarii)

Sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, do 25 de abril de 2013, asunto C-81/12 (Asociatta ACCEPT c. Consiliul National pentru Combaterea Discriminarii)

Resumo da resolución

Nesta ocasión, o Tribunal de Xustiza da Unión considera discriminatorias as declaracións dun accionista dun clube de fútbol (o Esteaua de Bucarest), nas que indicaba que non contratarían a un xogador homosexual.

Despois destas declaracións, non se negociou cun determinado xogador, do que existían rumores sobre a súa orientación sexual homosexual, e isto, a ollos do TXUE, debe ser valorado como indicio de posíbel discriminación.

Feitos

Accept é o nome dunha asociación búlgara que defende os dereitos do colectivo LGTBIQA+. Esta entidade vai chegar até o Tribunal de Xustiza da Unión Europea para conseguir que se declare como discriminación no ámbito laboral unhas manifestacións verquidas polo presidente do clube de fútbol FC Steaua de Bucarest, o Señor Becali, nas que afirma que nunca contrataría a un xogador de fútbol homosexual.

Estas palabras deron lugar a que este equipo de fútbol non contratara a un xogador sobre os que había rumores de que era homosexual (o “xogador X”).

Nun primeiro momento, Accept denunciou os feitos perante o Consello Nacional Contra a Discriminación (CNCD) por conduta discriminatoria no ámbito da contratación laboral. Aínda que o Consello recoñeceu que a conduta do Señor Becali era constitutiva de acoso, só o puido sancionar cunha amonestación. O CNCD consideraba que a relación que unía a Becali co equipo de fútbol non era laboral, xa que este nin era empresario, representante legal do equipo ninresponsábel da contratación, aínda que si accionista. Así, a única sanción posíbel naquel momento, dadas as circunstancias, era unha amonestación.

Non satisfeita coa decisión, Accept recorre esta decisión diante da Corte de Apelación de Bucarest que formula ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea unhas cuestións prexudiciais sobre a aplicación da Directiva europea en materia de igualdade. En concreto se esta é aplicábel a un socio que se percibía nos medios de comunicación e na sociedade como principal directivo do clube de fútbol e se estas declaracións se poden cualificar como discriminación directa ou indirecta.

Argumentos das partes

O CNDC non considera probada a existencia de discriminación algunha por mor da orientación sexual, xa que non considera que a falta de negociacións para contratar ao xogador X non constitúe un feito que se poida considerar discriminatorio.

Tamén entra en xogo a circunstancia de que o Señor Becali vendera as súas accións o 8 de febreiro de 2010, cinco días antes de facer as citadas declaracións. Durante os días posteriores á venda, o Señor Becali seguiu considerándose socio da empresa.

Accept considera que se produciu unha discriminación por razón da orientación sexual na contratación do xogador X polas declaracións nos medios de comunicación por parte do Señor Becali. Indica tamén que estas declaracións, lonxe de producir rexeitamento no propio clube, foron apoiadas de xeito indirecto. A entidade deportiva puido apartarse destas manifestacións, ou desacreditar ao Señor Becali e non fixo ren.

Decisión do Tribunal

O TXUE analiza o caso tendo en conta a doutrina sentada na sentenza Feryn1, na cal o TXUE ditaminou sobre a política de contratación dunha empresa que non admitía estranxeiros, catalogándoa como discriminatoria.

Este caso tamén garda relación cun xa analizado, o do asunto C-507/18: Sentencia en el asunto C-507/18 NH/Associazione Avvocatura per i diritti LGBTI; no que un avogado declarara en televisión que non contrataría no seu buffete a ningún empregado do colectivo LGTBIQA+.

Indica o TXUE que non é necesario que o empresario de que se trate defina “directamente dita política, ou […] vincular ou representar a dita entidade en materia de contratación de persoal”. Era máis que evidente que o Señor Becali influía de maneira predominante nas decisións do clube, polo que non podía alegar unha ausencia de poder de dirección sobre as decisións da empresa.

O TXUE tamén rexeita as alegacións do CNCD, pois que non se produciran negociacións para contratar ao futbolista X si permite presumir de maneira racional que existen indicios de discriminación.

Ademais, sobre a inversión da carga da proba, para acreditar que a empresa non cometeu ningún acto discriminatorio, o TXUE non esixe que se aporten datos sobre as contratacións previas de traballadores homosexuais (ou, neste caso, xogadores), senón que abonda con que haxa indicios de proba dos que se presuma que a empresa leva a cabo políticas antidiscriminatorias en aras a non vulnerar o dereito á vida privada das persoas.

Neste suposto, o FC Steaua podería terse desmarcado das opinións do Señor Becali, como defendeu Accept, mais isto non aconteceu e, finalmente, nin se negociou con ese xogador nin moito menos o contrataron para xogar.

Así, o Tribunal considera que as declaracións do Señor Becali son “feitos que permiten presumir a existencia de discriminación”, respecto dun clube de fútbol, cando a persoa que non ten capacidade xurídica para vinculalo ou representalo en materia de contratación se presenta como o principal directivo do clube e pode influír nas decisións que este toma.

Descarga a sentenza en pdf


1. Asunto C-54/07 (Centrum voor gelijkheid van kansen en voor racismebestrijding c. Firma Feryn NV) https://curia.europa.eu/juris/document/document.jsf?text=&docid=67586&pageIndex=0&doclang=es&mode=lst&dir=&occ=first&part=1&cid=3208689