• Inicio
  • Sentenzas
  • Sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do 6 de decembro de 2012, asunto C-124/11 (Dittrich e outros c.Alemaña)

Sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do 6 de decembro de 2012, asunto C-124/11 (Dittrich e outros c.Alemaña)

Resumo da resolución

O TXUE pronúnciase sobre a igualdade de tratamento de parellas do mesmo sexo, neste caso con relación ao funcionariado alemán. As partes demandantes solicitaban o reembolso de gastos médicos das súas parellas e o Tribunal entende que estas prestacións entran no concepto de “retribución” da Directiva europea sobre igualdade de tratamento no eido laboral.

Feitos

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea resolve tres asuntos diferentes nesta sentenza. As partes demandantes en todos eles son persoal funcionario do Goberno alemán que solicitaron o reembolso de gastos médicos, feitos entre decembro do ano 2004 e novembro do ano 2005, polas súas parellas, do mesmo sexo, para o tratamento de diversas patoloxías, e cuxas solicitudes foran previamente denegadas.

Nos dous primeiros casos, após do recurso diante do Tribunal alemán, este deulles a razón e considerou contrario á Directiva 2000/78 (relativa á igualdade de tratamento no ámbito laboral), a denegación do Goberno de tales axudas ás súas parellas por seren do mesmo sexo.

Porén, o demandante no último asunto reclamou, ademais, que se equiparasen os dereitos das parellas de feito con aquelas que estaban unidas por matrimonio, sendo desestimada esta petición.

O Tribunal que envía a cuestión prexudicial ao TXUE explica que na lei alemá non se contempla ás persoas integrantes dunha parella de feito como perceptoras desta axuda, aínda que, se a axuda estiver comprendida na Directiva 2000/78, si que deberan ser beneficiarias da prestación.

Dadas as dúbidas do órgano xudicial sobre se esta prestación entra dentro do concepto de “retribución” da Directiva 2000/78, condición para que esta se poida aplicar, presenta a seguinte cuestión perante o TXUE:

  • “É de aplicación a Directiva 2000/78, relativa ao establecemento dun marco xeral para a igualdade de tratamento no emprego e na ocupación, ás disposicións nacionais en materia de concesión de axudas estatais aos funcionarios no caso de enfermidade (“Beihilfe”)?”

Decisión do Tribunal

O Tribunal de Xustiza da UE analiza se a axuda por enfermidade se pode incluír dentro do concepto de “retribución” ao abeiro do disposto na Directiva 2000/78 para poder determinar se esta permite ás parellas do mesmo sexo, no caso de persoal funcionario federal, o pagamento dunha axuda para gastos derivados dunha enfermidade.

Como lembran as sentenzas “Maruko” e “Römer” (xa comentadas), a Directiva fora concibida para ser aplicada a réximes de seguridade social e protección social. Porén, e aplicando unha interpretación ampla de “retribución”, considera que esta axuda por enfermidade, que se abona ás persoas traballadoras en virtude do seu emprego, si estaría amparada pola Directiva.

A axuda entrégase por parte da Administración alemá, con independencia de que o persoal funcionario estea xubilado ou non, xa que constitúen unha categoría particular de persoal, vinculando así indubidabelmente o abono desta axuda co estatuto do funcionariado. Ademais, como empregadora, a Administración alemá suple esta prestación non con cargo ao orzamento da Seguridade Social, senón na súa condición de empresaria.

Por todos os motivos expostos anteriormente, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ditamina a favor das persoas demandantes e recoñece que as axudas abonadas en virtude dunha enfermidade están comprendidas no ámbito de aplicación da Directiva 2000/78, sempre que a Administración actúe como empregadora e a prestación non sexa outorgada en virtude dun réxime de seguridade social.

*O PDF proporciónase a efectos unicamente informativos e ínstase a consultar a sentenza na base de datos orixinal para verificar que non foi alterada con posterioridade.
 
Fonte dos datos: sitio de Internet do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.