Feitos
Jeanette Antonio Mata Estévez conviviu coa sua parella, un home (G. C.), durante máis de dez anos, compartindo os ingresos e gastos xerados durante a convivencia.
En 1997, G. C. ten un accidente automobilístico no cal falece, polo que D. Antonio diríxese ao Instituto Nacional da Seguridade Social para solicitar o recoñecemento dunha pensión de viuvez. O INSS garántelle os gastos de enterro, mais non a pensión de viuvez porque non estaban casados, requisito indispensábel para poder ter acceso a esta prestación.
Naquela época, o matrimonio entre persoas do mesmo sexo non estaba permitido na lexislación española: só as parellas de distinto sexo, home e muller, podían casar, e só o sobrevivinte, no caso de falecer un dos cónxuxes, podería ter acceso á pensión.
(Como veremos a seguir, este escenario normativo vai ser clave en como o TDEH encara este caso).
Apenas había unha excepción na que se permitía ter dereito a unha prestación de viuvez sen estar casado: as persoas que vivían xuntas como marido e muller mais que non podían casar entre si porque o divorcio non estaba permitido en España antes do 19811.
O demandante, despois da negativa do INSS a concederlle a pensión, acudiu ao Xulgado de Madrid, quen o 22 de abril de 1998, desestimou a petición e deulle a razón ao INSS.
D. Antonio recorreu a decisión perante o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade de Madrid, o cal tampouco lle deu a razón, polo que solicitou amparo2 perante o Tribunal Constitucional alegando a vulneración dos artigos 14 (principio de igualdade e non discriminación) e 39 (principios reitores da política social, económica, e protección social, económica e xurídica da familia) da Constitución española, mais este desestimou o recurso por estar infundado.
Tras esgotar todas as estancias xudiciais españolas, recorreu a decisión perante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.
Argumentos das partes
D. Antonio recorreu a decisión do Tribunal Constitucional baseándose na diferenza de tratamento que había á hora de percibir unha pensión de viudez, xa que incluso as parellas que non estaban casadas entre si, se estaban formadas por un home e unha muller, estas poderían ser beneficiarias.
Argumentou que a norma aplicaba unha discriminación inxustificada respecto da súa vida privada e familiar dos artigos 8 e 14 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos.
Segundo o Xulgado de Madrid, xa se tiñan denegado pensións de viuvez de persoas heterosexuais que vivían xuntas mais que decidiran libremente non casar, polo que non se podía considerar discriminatorio este tratamento ás parellas homosexuais que viven xuntas, xa que este tipo de relacións non poden ser equiparadas co “tradicional concepto de familia e matrimonio” que estaba protexido polo lexislación e a Constitución.
Alén diso, considerou que os artigos 8, 12 e 14 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos non garantían nin se aplicaban á equidade de tratamento entre parellas homosexuais e matrimonios heterosexuais.
O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid adheriuse a esta argumentación, aínda que matizou que tería que ser o lexislador quen tería que decidir sobre a extensión da pensión de viuvez a outras situacións, fosen homosexuais ou non, e non os Tribunais. Tamén considera que o artigo da Lei Xeral da Seguridade Social que garantía este dereito era compatíbel coa Constitución e cos Tratados internacionais dos que España era parte.
Decisión do Tribunal
Este declina a petición do demandante dado que establece que as parellas homosexuais de “longa duración” non se encardinan dentro do dereito e respecto á vida privada e familiar.
O Tribunal recoñece que a marxe de apreciación dos países en canto á incorporación ás súas lexislacións nacionais da posibilidade de casamento ás parellas homosexuais é moi ampla, e que a situación de D. Antonio non se axusta ao contido do artigo 8 do Convenio, que protexe a vida familiar.
En canto ao dereito á vida privada, o Tribunal recoñece o vínculo sexo-afectivo coa súa parella e a relación que ten con este dereito, mais sinala que este non garante o dereito a pensión algunha; e que aínda que pode que haxa unha diferenza de tratamento, dado que as parellas homosexuais non podían casar baixo a lei española, sinala que o feito de estar casado constitúe un requisito subxectivo para ter acceso a unha pensión de viuvez.
Segundo a interpretación do Tribunal de Estrasburgo sobre o artigo 143 do Convenio (non discriminación), para que unha conduta sexa discriminatoria, debe adoptarse unha medida cunha xustificación irrazoada; noutras palabras: se non ten unha fin lexítima ou non hai unha proporcionalidade entre os medios adoptados e o fin que se persegue.
Así, califica a medida de xustificada porque entra dentro da marxe de apreciación dos Estados a decisión de conceder a pensión para o cónxuxe sobrevivinte e rexeita a solicitude de tutela de D. Antonio.
Nesta sentenza, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, indirectamente, apela aos principios tradicionais da familia, avalando a institución do matrimonio só para as parellas de distinto sexo e deixando aos Estados a capacidade decisoria sobre as parellas homosexuais.
No caso descrito, en España aínda non estaba vixente o matrimonio homosexual, polo que houbo moitas parellas homosexuais que non puideron acceder a unha pensión de viuvez, aínda cunha convivencia similar ou igual á dun matrimonio heterosexual.
Neste caso observamos con claridade un trazo moi característico da xurisprudencia europea: é cambiante e procura o máximo respecto posíbel, nalgunhas materias, ao Ordenamento Xurídico interno dos Estados.
Hoxe, esta resolución sería impensábel, nun sistema normativo coma o español no que se ten incluído e normalizado plenamente o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, con identidade no estatuto xurídico de persoas casadas homosexuais e heterosexuais.
Tamén vemos claramente nesta resolución o papel esencial que as persoas pertencentes ao colectivo xogan no avance de Dereitos Fundamentais na nosa sociedade: Antonio loitou até a máxima instancia que lle foi posíbel, por unha situación que, con independencia do que o Dereito valorase nese momento, era xusta. É, sen dúbida, un dos moitos artífices de que o matrimonio igualitario fose, finalmente, unha realidade no ano 2005 en España.