• Inicio
  • Sentenzas
  • Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía 1353/2019, do 7 de marzo de 2019 (rec. 73_2019), que confirma a SXSO Sevilla 338/2016, do 18 de setembro de 2018

Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía 1353/2019, do 7 de marzo de 2019 (rec. 73_2019), que confirma a SXSO Sevilla 338/2016, do 18 de setembro de 2018

Resumo da resolución

O Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía confirma a sanción a un traballador por acosar a un compañeiro por mor da súa orientación sexual. Tamén recunca no reproche á empresa, que despedira á vítima como represalia ao feito de ter posto os feitos en coñecemento da Inspección de Traballo.

O Tribunal lembra que a investigación por parte da Inspección de Traballo suspende o prazo para interpor acción xudicial, deixando unha maior marxe de manobra á vítima á hora de decidir actuar.

Feitos

O demandante traballaba nunha empresa de limpeza en Sevilla. O administrador único da empresa onde prestaba servizos comezou a humillalo e insultalo, aparecendo estas agresións verbais cando tivo coñecemento de que era homosexual.

Ademais de insultos, incluso diante doutras persoas traballadoras, humillábao con relación á carga de traballo no seu posto, facéndolle constantemente repetir as tarefas que xa realizara. Isto provocoulle profundo malestar psicolóxicos até o punto de solicitar unha incapacidade temporal por mor destas agresións.

Despois de presentar unha denuncia diante da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Sevilla, este organismo recolleu no seu informe que efectivamente o traballador estaba sendo víctima de vexacións con motivo da súa orientación sexual. A empresa, de alí a pouco, despediuno como represalia.

A consecuencia disto, o traballador acode ao Xulgado de Sevilla e demanda á empresa e ao administrador (ao seu agresor). O Xulgado deulle a razón e obrigou aos demandados a abonar 20.000 euros en concepto de indemnización por vulnerar os Dereitos Fundamentais da vítima, mais a empresa recorre a decisión ao Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía.

Argumentos das partes

A parte demandada entendeu que a acción que presentou o actor estaba fóra de prazo, xa que a demanda se colocou máis dun ano despois de aconteceren os feitos (prazo xenérico que establece a Lei para poder interpor unha acción xudicial).

Tamén pretenderon a revisión dos feitos probados, pois consideraban que a sentenza de instancia non reflitía correctamente os feitos que se alegaron en sede xudicial, entendendo que non se expón o que aconteceu coa suficiente claridade.

Por último, alegan que a indemnización solicitada non foi motivada.

Decisión do Tribunal

O Tribunal Superior de Xustiza desestima a pretensión dos recorrentes.

En primeiro termo, por entender que a demanda do traballador non estaba prescrita. E isto é así pois as condutas vexatorias que tiveran lugar no ano 2014 foron obxecto de investigación pola Inspección de Traballo durante o ano 2015. Considerando que esta investigación suspende o prazo de prescrición e dado que o traballador presenta acción a inicios de 2016, o prazo aínda estaba aberto.

Sobre a falta de claridade, indeterminación e revisión dos feitos probados, o Tribunal considera que o pretendido polos demandados é que se volva valorar de novo a proba que xa fora analizada polo Xulgado, algo que non é posíbel mediante este recurso.

Dado que todos os motivos do recurso foran rexeitados, o Tribunal desestimou o recurso dos demandados e confirmou a sentenza do Xulgado.

Descarga a sentenza en pdf