Resumo da resolución
Nesta resolución, o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía ampara a unha traballadora que viña sufrindo acoso laboral e mesmo represalias, tanto pola súa orientación sexual como pola súa actividade sindical.
A empresa, que mesmo actuara civilmente contra a traballadora por unha suposta lesión á súa honra, viu desestimdas as súas pretensións; e a traballadora viu recoñecida, até en dúas ocasións diferentes, a nulidade dos despedimentos por parte da empresa.
Feitos
Dona Marta traballaba nunha empresa de transporte de viaxeiros. Debido á súa orientación sexual, outras persoas traballadoras da mesma sociedade referíanse a ela como “a lesbiana” ou “tortillera”.
Como delegada sindical do sindicato CGT, remitiu varios escritos á súa empresa poñendo en coñecemento estes feitos. Exixiu tamén a cesación das represalias cara ela por unha banda pois era obrigada a traballar festivos e domingos sen descanso ou retribución; por outro, a empresa só a fornecía de uniformes “masculinos”, como unha forma de burla cara ela.
En abril do ano 2013 foi despedida. Ademais de impugnar o despedimento, decidiu acudir a diversos medios de comunicación, tanto en prensa escrita como en televisión, para denunciar que o seu despedimento fora motivado pola súa orientación sexual.
O Xuíz que coñeceu do litixio declarou o seu despedimento como nulo por vulneración dos Dereitos Fundamentais á liberdade sindical e tutela xudicial efectiva, ambos os dous na súa vertente de garantía de indemnidade1.
Despois de ser incorporada de novo á empresa, como delegada sindical seguiu encargándose de remitir escritos á empresa denunciando as malas condicións que esta viña aplicando, ademais doutras novas denuncias relativas ao acoso sufrido pola súa orientación.
Dado que os medios de comunicación continuaron publicando novas relativas ao seu despedimento, e vendo que Dona Marta denunciara reiteradas veces á Inspección de Traballo as infraccións da empresa, procederon a despedila unha vez mais. Porén, o Xulgado volveu a declarar a nulidade do seu despedimento.
Ademais do descrito, a empresa iniciou demanda perante a Xurisdición Civil, ao Xulgado de Primeira Instancia de Sevilla, exercitando unha acción para a defensa da súa honra contra Dona Marta polas acusacións verquidas nos medios de comunicación. Este litixio acabou cun acordo entre as partes e tendo que pagarlle 1 euro Dona Marta á empresa en concepto de indemnización.
Por outra banda, a empregadora tamén exercitou unha acción perante a Xurisdición Social no Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía contra a sentenza que declarou o segundo despedimento como nulo.
Argumentos das partes
A empresa pretende a revisión dos feitos declarados como probados da sentenza alegando que si se cumprían as condicións laborais en materia de xornada. Para iso, solicita ao Tribunal Superior que se introduza este aspecto na sentenza que declarou a nulidade do despedimento.
Por outra banda, persegue facer valer o acordo civil asinado con Dona Marta (polo cal esta lle tivo que compensar coa cantidade dun euro) defendendo que a súa existencia probaba unha intromisión no dereito á honra da empresa e que non foi vulnerado o seu dereito á liberdade de expresión e información, por tanto.
Decisión do Tribunal
No relativo á revisión dos feitos probados que pretende a empresa, o Tribunal rexeita esta solicitude porque a través deste recurso as partes non poden pedir unha valoración da proba que xa se practicou previamente polo Xulgado de instancia. Para modificar os feitos probados da sentenza, a empresa tería que aportar documentos que probasen que o Xulgado cometeu erros na súa redacción, e non foi o caso.
Sobre o acordo chegado entre a empresa e Dona Marta, o Tribunal non entra a valorar sobre o mesmo, posto que se trata dunha transacción que foi coñecida por un Xulgado pertencente a outra Orde Xurisdicional distinta á laboral. Neste caso a Civil.
Aínda así, o Tribunal Superior accede a tratar a suposta preponderancia que se lle outorgou ao dereito á liberdade de expresión e información fronte á honra da empresa. Afirma que Dona Marta se dirixiu aos medios de comunicación para declarar sobre uns feitos que ela consideraba fundados, sendo os medios de comunicación os que escolleran dotar de maior importancia á condición sexual de Marta que aos incumprimentos en materia de xornada, entre outros.
Por iso, o Tribunal considera que ditas manifestacións entran dentro do seu dereito á liberdade de expresión e que non ocasionaron un prexuízo considerábel á empresa, posto que foi esta mesma empresa quen accedeu a que se lle indemnizara con 1 euro.
Coincidindo coa opinión do Xulgado que coñeceu da demanda de despedimento en Primeira Instancia, o Tribunal recoñece como manobra da empresa o acordo transaccional entre ela e Dona Marta como xustificación do segundo despedimento disciplinario e, como se mantén a vulneración dos Dereitos Fundamentais á liberdade sindical e da garantía da indemnidade, o Tribunal desestima o recurso da empresa e confirma a sentenza que declara nulo o despedimento de Dona Marta.
1. A garantía de indemnidade refírese ao principio de Dereito, principalmente na Xurisdición Laboral, que prohíbe represaliar ás persoas traballadoras ao exercitar accións xudiciais para reclamar dereitos laborais na empresa.