Resumo da resolución
Nesta sentenza de Aragón, o Tribunal Superior de Xustiza vai realizar unha moi profunda definición e análise do concepto “acoso” (ou “mobbing”).
No caso, unha traballadora dun Centro Especial de Emprego foi vítima de acoso lgtbifóbico, sen que a empresa propietaria da firma, nin a empresa subcontratada fixeran nada efectivo ao respecto.
Feitos
A traballadora prestaba servizos nun Centro Especial de Emprego para persoas con discapacidade física, como operaria de maquinaria industrial. Nun dos días de traballo, un total de catro compañeiros se achegan a ela, proferindo un deles comentarios e insinuacións relacionadas coa súa suposta orientación sexual.
Días despois a traballadora enfróntase ao seu agresor, en presencia doutra compañeira, e repréndeo pola súa actitude. O traballador nega os feitos. Porén, cando sae á área de descanso faino berrando novos insultos contra da súa compañeira, aludindo todos eles á súa orientación sexual. A vítima non estaba presente neste momento.
A traballadora pon estes feitos en coñecemento tanto da empresa propietaria como da empresa subcontratada. Durante a investigación, coñécense outras agresións verbais homófobas por parte doutro dos compañeiros e coa mesma vítima. Porén, as empresas limítanse a pedir ás persoas traballadoras que se absteñan de comentarios vexatorios. Esta advertencia non mudou as cousas na entidade, e a vítima seguiu recibindo comentarios homófobos.
A traballadora acode á Xustiza, e o Xulgado do Social de Zaragoza Nº8 condena a varios dos seus compañeiros e ás empresas, pola existencia de vulneración do dereito á non discriminación por razón de orientación sexual. Condénase ao pagamento dunha indemnización de 7.501€.
Argumentos das partes
A empresa principal pon en cuestión os feitos relatados pola traballadora, no seu recurso ao TSX. Tamén presenta o caso debate ao respecto das obrigas da empresa principal e a que fora contratada, á súa vez, por esta e para a que a traballadora prestaba servizos. A primeira argumentou que cumpriu coas súas obrigas ao ter un documento de Coordinación coa segunda (lembremos, a subcontratada), para o traballo na planta.
Tamén van alegar as mercantís que as condutas “non foron para tanto”. Defenderán que “non se dan as notas de habitualidade e gravidade necesarias” para apreciarse acoso moral neste caso.
Os traballadores, pola súa banda, defenderán que non se trata dunha situación de acoso, por canto non existiu habitualidade na agresión, e que os termos non foron o duros e severos que a Lei exixe.
Decisión do Tribunal
Ao pronunciarse sobre o papel de empresa principal e subcontratada, o TSX vai atribuir responsabildiade ás dúas. A primeira (a principal), non verificou que a subcontratada actuaba correctamente, e o seu traballo, di o TSX, “non pode limitarse a unha posta en coñecemento do contratista dunha situación de acoso (…) debe vixiar o cumprimento efectivo da norma de prevención, o que en modo algún se levou a cabo”. A vítima, ademais, comunicou os feitos ás persoas encargadas da supervisión nas dúas empresas.
Sobre a entidade dos feitos, é dicir, se estes son suficientemente graves como para ser cualificados de acoso, o TSX vai dedicar unha boa parte da resolución a afianzar que si. O acoso, di o órgano xudicial, non só é unha agresión da persoa a cargo da empresa, senón tamén das persoas traballadoras co coñecemento e tolerancia da dirección. Esta conduta busca desacreditar e danar á vítima, mesmo deteriorando a súa saúde. O TSX emprega termos duros e severos para analizar o acoso: “unha sublimación da perversión, mezquindade e baixeza do suxeito activo”.
O Tribunal vai considerar probado que a vítima sufriu unha conduta habitual de denigración e menosprezo por razón de “identidade sexual” (así o refire a sentenza no seu Fundamento Xurídico Oitavo). Deste comportamento son responsábeis varios compañeiros da empresa subcontratada e a empresa principal; pois, malia teren coñecemento da situación, non se tomaron medidas efectivas e abondas para evitar o dano á vítima.
O TSX desestima a suplicación e confirma a sentenza de Primeira Instancia.