• Inicio
  • Sentenzas
  • Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña 4779/2022, do 4 de maio de 2022 (rec. 1459_2022)

Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña 4779/2022, do 4 de maio de 2022 (rec. 1459_2022)

Resumo da resolución

Esta sentenza declara o dereito dunha funcionaria, cunha parella do seu mesmo sexo, a percibir compensación polos gastos farmacéuticos realizados para un tratamento de reprodución asistida.

Este reembolso fóralle denegado nun principio pola Mutualidade de Funcionarios Civis (MUFACE), por non ter un diagnóstico de esterilidade debida a patoloxía xinecolóxica.

Feitos

Noemí, funcionaria pública e mutualista, decide xunto coa súa parella acudir a un centro para iniciar un tratamento de reprodución asistida. Porén, ASISA, centro adscrito, solicítalle o pagamento íntegro do tratamento pois, no seu parecer, non acreditaron un diagnóstico de esterilidade, o cal era unha obriga legal. Invocou o centro ademais o convenio subscrito con MUFACE.

Perante isto, a demandante decide recorrer en vía administrativa (neste caso, un trámite necesario e previo á vía xudicial). A Administración vai desestimar a súa petición, polo que presenta recurso perante o superior xerárquico do órgano administrativo, que volve a denegar a solicitude, abrindo, agora si, o camiño xudicial.

En síntese, manifesta Noemí que o “non” que tivo como resposta contén unha discriminación por razón da orientación sexual, xa que é unha persoa lésbica e é imposíbel a fecundación entre a súa parella e máis ela sen técnicas asistidas. Solicita a declaración de nulidade do acto administrativo que denega o reintegro dos gastos e que se lle recoñeza o dereito a que MUFACE se faga cargo do tratamento. Alega, ademais, que a decisión de MUFACE vai en contra de numerosa lexislación e xurisprudencia, non só a nivel estatal senón que tamén está recoñecida en numerosos instrumentos internacionais, e que ampara ás persoas do colectivo LGTBI fronte a prácticas que constitúen unha discriminación indirecta.

En instancia, a súa demanda é desestimada. O Xulgado do Social conclúe que non se chegou a acreditar o diagnóstico de esterilidade por patoloxía xinecolóxica que impedise conseguir unha xestación, “con independencia da existencia ou non de parella”, polo que ASISA non tiña por que autorizar o tratamento. A entidade sanitaria privada adiciona, alén do anterior, que podería
acudir a calquera centro público “aínda que non estivera incorporado á carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde”.

O entón Ministerio de Política Territorial e Función Pública, que é o demandado, argumenta que a denegación non provoca discriminación algunha, xa que a lei ten uns requisitos marcados para todas as persoas, con independencia da súa orientación sexual.

ASISA, codemandada neste preito, adhírese á petición de desestimación do Ministerio. Por unha banda argumenta que non existe diagnóstico de esterilidade. Por outra, que o centro actuou correctamente denegando a autorización do tratamento. Por último, refire que non se produciu unha vulneración do principio de igualdade e non discriminación, aludindo a que incluso os argumentos da demandante poderían sustentar un trato discriminatorio con relación ás parellas heterosexuais que non tiveran un diagnóstico de esterilidade.

Decisión do Tribunal

O Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya móstrase profundamente contrariado polos argumentos expostos polas partes demandadas (Ministerio e ASISA). Chega a afirmar que:

  • “É evidente que nunca debeu ter chegado á vía xurisdicional, senón que se debeu de ter resolto de forma favorable na primeira solicitude da demandante”.

Como é lóxico, é imposible que a actora e a súa parella puidesen concebir sen técnicas de apoio. Estando casadas, o tratamento de reprodución asistida amosábase como única opción.

Ademais, a propia Lei catalá de garantía dos dereitos das lesbianas, gais, bisexuais, transxéneros e intersexuais e para erradicar a homofobia, bifobia e transfobia1 recoñecía, precisamente, este dereiro ás mulleres lesbianas.

O Tribunal refire que o impedimento do centro sanitario foi arbitrario, dado que dito diagnóstico, para as parellas homosexuais, devén un impedimento perante o desexo de conseguir a xestación.

Deste xeito, o Tribunal resolve a favor de Noemí e declara que MUFACE vulnerou o seu dereito á igualdade, anulando e deixando sen efecto as resolucións administrativas denegatorias do tratamento e recoñecéndolle, por tanto, o dereito a ser atendida sen custo por ASISA.

Descarga a sentenza en pdf


1. Lei 11/2014, do 10 de outubro, para garantir os dereitos das lesbianas, gays, bisexuais, transxéneros e intersexuais e para erradicar a homofobia, bifobia e transfobia.