• Inicio
  • Sentenzas
  • Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Las Palmas de Gran Canaria 417/2024, do 25 de xaneiro de 2024 (rec. 917_2023)

Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Las Palmas de Gran Canaria 417/2024, do 25 de xaneiro de 2024 (rec. 917_2023)

Resumo da resolución

A Universidade de Las Palmas de Gran Canaria decide non renovar o contrato a un profesor de dereito. Este docente dedicárase a facer comentarios inxuriosos e despectivos a través das redes sociais, mais tamén cara o seu alumnado na aula. O seu obxectivo era o colectivo LGTBI e, sobre todo, as persoas trans.

O despedimento acabará considerándose improcedente pero só por non se ter respectado o procedemento axeitado. O TSX, iso si, desbotará todos os argumentos do profesor: non está amparado na liberdade de expresión nin na liberdade de cátedra emitir expresións vexatorias e insultantes.

Feitos

Un profesor de Dereito Canónico da Universidade das Palmas publicou en múltiples ocasións mensaxes de odio en redes sociais. Os colectivos agredidos eran múltiples: dende as propias persoas residentes nas Illas Canarias, até persoas con discapacidade, pasando por persoas feministas, o colectivo LGTBI no seu conxunto e, especialmente, as persoas trans.

A estas condutas o profesor unía condutas agresivas, como golpes fortes na mesa da aula, patadas ás portas, berros proferidos diante da máis mínima discrepancia de opinións…

Comezou a atentar contra a dignidade dunha alumna trans, á que lle dicía “Sí, dígame, señorita, señor, caballero, señora…”, así como outros comentarios ferintes cara a súa identidade sexual; e cara a do resto do alumnado do grupo.

Varios meses despois, e tras a denuncia reiterada do colectivo de alumnas e alumnos e a súa representación nos órganos de Goberno, o Reitor da universidade decide, mediante unha resolución, incoar un procedemento sancionador a fin de depurar responsabilidades polos feitos comunicados.

Comunicada á Inspección estes sucesos, o reclamante declara a súa versión dos feitos, argumentando que as expresións realizadas estaban protexidas pola liberdade de cátedra e de expresión. Porén, o reitor comunica ao vicerreitor que, a vista dos feitos, non se lle renove o contrato.

O profesor recibe unha comunicación pola cal se suspende cautelarmente a súa contratación mentres se resolve o seu expediente disciplinario. Pouco despois, a decisión é firme: a Universidade decide finalizar os servizos.

O traballador interpón unha demanda de despedimento, a pesar de se tratar dunha non renovación de contrato. O xulgado estima que se realizou un despedimento sen observar as prescricións da lei (despedimento improcedente), acorda que debe ser readmitido ou, no seu caso, indemnizado con 5.991,48€.

O traballador, que perseguía a declaración do despedimento como nulo, recorrerá a resolución.

Decisión do Tribunal

O docente alega sucesivas vulneracións dos seus dereitos fundamentais: presunción de inocencia, dereito á honra, liberdade de cátedra e liberdade de expresión. Porén, o tribunal desbota que o seu despedimento se fixera conculcando ningún destes dereitos.

Sobre a presunción de inocencia, ficou probado que tivo ocasión de participar no procedemento disciplinario, podendo realizar declaracións diante da inspección e seguíndose os pasos axeitados no procedemento; sobre o seu dereito á honra, tampouco manifesta de que maneira se lle conculcou; e non chega a explicar por que as expresións que verteu nas aulas encaixan no dereito á liberdade de cátedra.

O tribunal, contundente, manifesta que o dereito á liberdade de expresión non ampara as expresións inxuriosas, e que as opinións vertidas pouco ou nada teñen que ver coa materia que el imparte, Dereito Eclesiástico. Finaliza afirmando o carácter inadmisíbel das declaracións. O TSX é tallante:

  • “O recorrente, coas ditas expresións, constantes, no eido en que se desenvolven e na posición que como profesor ocupa fronte aos seus alumnos, non está exercendo a súa liberdade de expresión, senón vertendo mensaxes insultantes e vexatorias. Polo que tampouco pode considerarse a vulneración do dereito á súa liberdade de expresión pola decisión de non renovación tomara pola empresa impugnante”.

O tribunal non vai considerar o despedimento nulo, pero si vai manter a consideración como improcedente. Porén, é só porque a universidade non chegou a finalizar debidamente o expediente sancionador e ocultou o que era realmente un despedimento disciplinario, coma unha non renovación (pode ser que para evitar custos indemnizatorios).

Descarga a sentenza en pdf