Resumo da resolución
Nesta resolución do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade de Madrid resólvese sobre o dereito á liberdade de expresión que un traballador pretendía esgrimir após ter verquido expresións vexatorias e ofensivas, vía o correo electrónico da empresa, contra do colectivo LGTBIQA+.
Non pode ampararse na liberdade de expresión, di o órgano xudicial, a quen voluntariamente decidiu colocarse fóra dos seus limites empregando aseveracións indecorosas e ultraxantes.
Feitos
O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid coñece dun recurso de suplicación interposto por un traballador de Renault Citröen que foi despedido por enviar, a través do correo corporativo, comentarios despectivos contra o colectivo LGTBIQA+ con motivo dun mail remitido pola empresa polo Día do Orgullo.
A empresa, unha filial do Grupo Stellantis, remitira unha comunicación ínsita na súa Política de Diversidade e en liña co seu Plan de Igualdade. A este correo xeral para todo o cadro de persoal, o traballador responde cunha longa lista de improperios, caracterizados todos eles polo odio ao colectivo, as insinuacións de carácter sexual e a actitude de desprezo ás persoas homosexuais.
Sorpresivamente, o Xulgado do Social de Madrid, que coñecera do asunto en primeira instancia, declarou o despedimento como improcedente. Condenaron á empresa a readmitir ao traballador, abonándolle os salarios de tramitación; ou, como alternativa, condenando á empresa a extinguir o seu contrato pagándolle unha indemnización que se cifraba en 187.527,78€.
Dado que non estaba conforme coa decisión xudicial, o traballador decidiu interpor un recurso de suplicación perante o Tribunal Superior de Xustiza para que declarase o seu despedimento como nulo.
Argumentos das partes
O traballador argumenta que a empresa vulnerou o seu dereito á liberdade de expresión e ao segredo das comunicacións, alegando este último de maneira novidosa perante o Tribunal, dado que na demanda non se facía referencia algunha a el.
Considera que o despedimento só foi consecuencia dunhas opinións sobre o Orgullo, evento de carácter político-ideolóxico e que, polo tanto, se vulnerou o dereito fundamental á liberdade de se manifestar na súa contra.
A empresa, en virtude da aplicación de políticas de responsabilidade social corporativa, subscribiu a chamada Carta da Diversidade, que contén 10 principios que funcionan como un compromiso da entidade, no sentido de fomentar valores de igualdade, diversidade e inclusión no ámbito laboral.
Alén diso, o código de conduta da empresa rexeitaba toda conduta que for discriminatoria, promovendo a igualdade e diversidade en coordinación coa Declaración das Nacións Unidas sobre os Dereitos Humanos e a declaración da Organización Internacional do Traballo sobre os principios e Dereitos Fundamentais no traballo.
Ademais, a empresa lémbralle ao traballador que, dado o seu posto como manager na empresa, debera ter sido el quen promovese precisamente políticas e condutas igualitarias, tentando eliminar calquera conduta que se puidese clasificar como discriminatoria, e que por iso o reproche realizado está máis que xustificado.
Decisión do Tribunal
En primeiro lugar, o Tribunal desestima a alegación do recorrente sobre a existencia dunha vulneración do segredo das comunicacións. A través da inclusión dun parágrafo novo na sentenza, enmarcado no correo enviado aos seus compañeiros e que ten que ver coa confidencialidade do contido dos mails, os maxistrados rexeitan esta argumentación dado que a vulneración deste dereito non foi incluída nos feitos da demanda inicial perante o Xulgado do Social1.
Con respecto á liberdade de expresión supostamente vulnerada e á petición de nulidade do despedimento, o Tribunal, acollendo a doutrina do Tribunal Constitucional, lembra que a liberdade de expresión só se circunscribe a xuízos de valor e críticas feitas á conduta doutra persoa aínda que puidesen molestar; mais en ningún caso ampara expresións aldraxantes ou ofensivas. Indica o TSX que as ideas e opinións poden e deben ser expostas sen ese tipo de expresións; e que non deben conter, para seren constitucionalmente amparadas, menosprezo ou faltas de decoro. Refire o órgano que non existe dereito á liberdade de expresión, pois o propio traballador escolleu situarse fóra dos seus limites.
Dado que os maxistrados do Tribunal non consideran a existencia de vulneración algunha, non procede declarar a nulidade do despedimento e, como consecuencia, tampouco outorgar unha indemnización por danos e prexuízos ao traballador. Por isto, confirman a sentenza de instancia que declaraba a improcedencia do despedimento e recoñecía unha liquidación de 860,64 euros unicamente en concepto de vacacións non desfrutadas.
1. O artigo 85.1 da Lei Reguladora da Xurisdición Social prohibe que se varíe substancialmente o contido da demanda. Co obxectivo de non provocar indefensión entre as partes coa inclusión de feitos novos, a Lei non permite a incorporación de feitos que se pudesen ter coñecido ou que se tiveran coñecido ao tempo de interpor a demanda, mais que non se alegaron canda ela.