26 de abril, día internacional da visibilidade lésbica, tamén no emprego

No informe “A diversidade no contorno laboral: estudo sobre a situación laboral das persoas LGTBI en Galicia”, publicado polo Consello de Relacións Laborais no ano 2022, recóllese a falta de visibilidade das mulleres lésbicas como un dos principais retos a superar para a súa completa integración na sociedade, e en especial no ambiente laboral.

Segundo os datos recollidos polo informe “A long way to go for LGBTI equality“ da Axencia da Unión Europea polos Dereitos Fundamentais (EUFRA), as mulleres lésbicas son o grupo dentro do colectivo LGBTI que máis vive abertamente a súa sexualidade. Segundo datos de 2019, o 14% das persoas que se identifican como lesbianas en Europa están completamente ou case completamente no armario, expresión coloquial que indica que alguén decide non manifestar a súa orientación sexual ou identidade de xénero, normalmente por medo a sufrir violencia ou discriminación. Isto contrasta co 20% sinalado por homes gays, o 37% de persoas trans, o 34% e 56% para mulleres e homes bisexuais respectivamente, e o 46% no caso das persoas intersexuais.

Esta maior vontade das mulleres lésbicas por vivir abertamente a súa sexualidade contrasta coa realidade de que a súa visibilidade como colectivo segue a ser marxinal. Activistas lésbicas denuncian a falta de referentes, de atención mediática e de medidas específicas para combater a discriminación da que son vítimas. Discriminación dobre, ao ser vítimas de homofobia por sentirse atraídas polo seu mesmo xénero, e de misoxinia por ser, na súa meirande parte, mulleres. Esta discriminación segue a estar moi presente no emprego. O mesmo estudo da Unión Europea recolle que un 21% das lesbianas en Europa se sentiu discriminada no seu traballo pola súa orientación sexual, un 1% máis que na última enquisa que tivera lugar no 2013.

Outro dato recollido no informe e que cómpre sinalar, é o referente ao acoso LGBTIfóbico. Segundo EUFRA, un 41% das persoas identificadas como lesbianas que contestaron á enquisa, indicaron que sufriron algunha forma de acoso por mor da súa orientación sexual nos últimos 12 meses. Este dato sería superior aos recollidos para homes gays (38%), mulleres bisexuais (33%), e homes bisexuais (30%). Só o colectivo de persoas trans superaría significativamente ás mulleres lésbicas en frecuencia de acoso LGBTIfóbico en Europa, cun 48%, ficando case no mesmo rango as persoas intersexuais cun 42%.

Co fin de combater esta invisibilidade, o día 26 de abril foi proposto en España como día da visibilidade lésbica. Unha proposta impulsada pola Área de Políticas Lésbicas da Federación Estatal LGTB no ano 2008, que na actualidade é celebrada en numerosos países ao redor do mundo.

En Galicia, as asociacións LES Coruña e LES Working centran o seu traballo especificamente no apoio, visibilización e celebración das lesbianas. Este 26 de abril, LES Coruña organizou unha xornada de divulgación sobre a importancia de coñecer e reivindicar na actualidade as necesidades do colectivo lésbico. Nesta xornada participaron numerosas activistas e divulgadoras, e ao seu remate tivo como continuación a actuación musical do grupo Leria.