• Inicio
  • Sentenzas
  • Sentenza do Tribunal Constitucional 41/2013, do 14 de febreiro

Sentenza do Tribunal Constitucional 41/2013, do 14 de febreiro

Feitos

Don J. M. D. F. solicitou unha prestación por viuvez o 10 de marzo de 2008 ao INSS polo falecemento da súa parella, outro home, catro anos antes. Convivían xuntos de maneira estábel dende o ano 1982 e ambos os dous estaban unidos como parella de feito.

O INSS denegou a súa solicitude porque non cumprían os requisitos requeridos na na Disposición Adicional Terceira da Lei 40/20071 xa que, para poder cobrar unha pensión de viuvez por falecementos ocorridos antes da súa entrada en vigor (1 de xaneiro de 2008), era necesario, entre outros motivos, que ambos os dous integrantes tivesen fillos en común.

Don J. M. interpuxo unha reclamación previa ao INSS alegando a imposibilidade de que as parellas do mesmo sexo puidesen ter fillos en común, mais o INSS voltou desestimar a petición.

Así, disconforme coa decisión, recorreu á vía xudicial formulando unha demanda aos Xulgados de Barcelona, quen plantexan ao Tribunal Constitucional unha cuestión de inconstitucionalidade2.

Pregunta o Xulgado nº33 de Barcelona se a esixencia de ter fillos comúns para a obter unha pensión de viuvez no caso de que morra un dos integrantes da parella de feito constitúe unha discriminación ás parellas de feito conformadas por persoas do mesmo sexo.

Argumentos das partes

O Xulgado de Barcelona sospeita de que a esixencia de ter fillos comúns para percibir unha pensión de viuvez se o falecemento da persoa se produciu antes da entrada en vigor da norma podería constituír unha discriminación ás parellas de feito do mesmo sexo, xa que estas teñen imposíbel ter descencendia de maneira biolóxica.

Se decidisen escoller o camiño da adopción, este non estaría exento de complicación, dado que as parellas do mesmo sexo non tiñan acceso franco á adopción até a promulgación da Lei do Parlamento de Catalunya 3/2005, de 8 de abril3; e, no ámbito estatal, até a entrada en vigor da Lei 13/20054. A parella do reclamante falecera no ano 2004, polo que nin unha norma nin a outra lle puideron ser de aplicación á parella en vida del.

Ademais, o Xulgado de Barcelona tamén basea os seus postulados na Sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea Maruko c. Versorgungsanstalt der deutschen Bühnen (que tamén está entre as comentadas na nosa base de datos).

A Avogacía do Estado considerou, pola súa banda, que a Lei non vulneraba o artigo 14 da Constitución. Polo xeral, as leis aplícanse dende o momento no que entran en vigor, polo que establecer estándares máis rigorosos ás situacións previas é algo perfectamente racional.

Tamén rexeita que as parellas do mesmo sexo tiveran problemas para adoptar, e rexeita que se aplique a este caso a Sentenza do TXUE mencionada porque a Directiva na que se basea a súa resolución non se aplica á Seguidade Social.

O Fiscal Xeral do Estado tamén considera que a posibilidade de ter fillos comúns estaba garantida tanto pola Lei catalá como pola estatal, e o feito de que ocorran estas “excepcionalidades” non significa que exista unha discriminación cara a parellas do mesmo sexo.

Aclara que esta sería unha situación transitoria que se daría só mentres houbese falecementos anteriores ao 1 de xaneiro de 2008, polo que, xunto coa entrada en vigor das Leis catalá e estatal para poder adoptar, xa non habería discriminación posíbel entre parellas do mesmo e distinto sexo.

Decisión do Tribunal Constitucional

O Tribunal Constitucional admite a posibilidade de que o ordenamento xurídico outorgue un tratamento distinto ás parellas de feito fronte á institución do matrimonio, posto que esta última está protexida constitucionalmente no artigo 32.1 da Constitución e as parellas de feito, non.

Tamén fai fincapé en que o lexislador ten plena potestade para lexislar o que considere máis conveniente no que se refire á obtención das prestacións de seguridade social, reiterando que non toda diferenza de tratamento debe ser considerada como unha discriminación, senón que é preciso que esta diferenza non estea “privada de xustificación obxectiva e razoábel”.

O Tribunal entende que é necesario que se configuren disposicións normativas que tenten protexer situacións de especial necesidade. Neste caso, a Lei 40/2007 modificou o artigo da Lei Xeral da Seguridade Social relativo á pensión de viuvez adicionando unha nova situación para as parellas de feito: terían que acreditar unha convivencia de cinco anos (anteriores ao falecemento) e dependencia económica para poder ser beneficiarios da pensión.

A Disposición Adicional Terceira substitúe o requisito de dependencia económica pola existencia de fillos comúns entre o causante e a parella supervivinte naqueles supostos nos que o falecemento da persoa se producise antes da entrada en vigor da norma.

É lóxico pensar que, se hai cargas familiares, esa situación económica tende a agravarse, pero non nos termos nos que se plasma na Disposición Adicional Terceira. Esta esixe que o beneficiario da prestación e o causante tiveran fillos comúns, sen máis requisitos.

Isto implica que á norma non lle importa se os fillos comúns non se atopan a cargo da persoa sobrevivinte, por exemplo, por seren maiores de idade; se viven fora da casa ou se xa faleceron, facendo irrelevante o criterio da dependencia ou precaria situación económica e prevalecendo o criterio que impón ter fillos comúns.

O Tribunal resolve que esta diferenza de tratamento non está suficientemente xustificada, posto que a Disposición tal e como está redactada non busca atender unha situación de necesidade económica, que sería o verdadeiro obxecivo a alcanzar coa aplicación a supostos anteriores á entrada en vigor da norma, senón outorgar unha prestación que cubra a falta do ingreso de rendas que xa non se produce dende a morte do causante, facendo da esixencia de ter fillos comúns un requisito discriminatorio.

Adhírese así aos argumentos do Xulgado de Barcelona, pois recoñece a imposibilidade biolóxica de ter fillos ás parellas do mesmo sexo e á dificultade para estas de adoptar non só porque non era posíbel até datas moi recentes, senón que ademais, neste caso concreto, a parella de Don J. M. faleceu antes da entrada en vigor das leis que permitían adoptar ás parellas do mesmo sexo.

Con este razoamento, dálle a razón ao demandante e declara inconstitucional e nula a letra c) da Disposición Adicional Terceira da Lei 40/2007 que establece que “Que o causante e o beneficiario tiveran Fillos comúns” para outorgar unha pensión de viuvez ás parellas de feito do mesmo sexo cando un dos membros falecera con anterioridade á entrada en vigor da Lei.

*O PDF proporciónase a efectos unicamente informativos e ínstase a consultar a sentenza na base de datos orixinal para verificar que non foi alterada con posterioridade.

Fonte dos datos: Axencia Estatal Boletín Oficial do Estado


1. Vid. https://www.boe.es/eli/es/l/2007/12/04/40/con
2. A cuestión de inconstitucionalidade é un mecanismo recollido na Constitución mediante o cal os Xulgados e Tribunais, ante as dúbidas de se unha Lei se adecúa ou non á Constitución, plantexan unha cuestión ao Tribunal Constitucional para que delibere sobre a conformidade ou disconformidade con esta https://www.tribunalconstitucional.es/es/tribunal/Composicion-Organizacion/competencias/paginas/021-cuestion-de-inconstitucionalidad.aspx
3. Vid. https://www.boe.es/buscar/doc.php?id=BOE-A-2005-7536
4. Vid. https://www.boe.es/buscar/doc.php?id=BOE-A-2005-11364