Resumo da resolución
O Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya desestima o recurso dun traballador despedido por actitudes homófobas e sexistas cara un compañeiro de traballo e unha compañeira de traballo.
O empregado pretendía a nulidade do despedimento, entre outros motivos, porque a empresa adoptara medidas para protexer ás vítimas (seudonimización dos datos) na carta de despedimento. O tribunal desestimará por completo esta argumentación.
Feitos
Dionisio traballaba como cociñeiro nun local hostaleiro de Barcelona. Foi despedido tras ter constancia a empresa de comportamentos intolerables cara outras persoas compañeiras da empresa, así como por outros incumprimentos contractuais, tales como non facer unha axeitada limpeza dos utensilios e das instalacións da cociña e o emprego do teléfono móbil durante a xornada
laboral, entre outras. Isto supuña ademais dun incorrecto desempeño, unha sobrecarga que debían soportar as demais persoas traballadoras.
Dirixíase ademais a unha compañeira de traballo con comentarios de carácter sexual, solicitándolle combinar despois do traballo de maneira reiterada e, incluso nunha ocasión, realizándolle tocamentos con carácter íntimo.
A outro compañeiro, sabendo que era homosexual, proferíalle insultos en tal sentido e tamén insinuacións relacionadas con agresións sexuais (que non imos reproducir neste comentario).
Por estes motivos, a empresa decidiu despedilo disciplinariamente, impugnando dita decisión o traballador perante o Xulgado do Social de Barcelona.
Tras a desestimación e confirmación da procedencia do despedimento por parte do órgano xudicial, o traballador recorrerá en suplicación perante o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya.
Defenderá a nulidade da súa expulsión da empresa porque na carta de despedimento procedeuse á seudonimización das persoas ás que el insultaba. Refire que isto lle provocaba, segundo o seu criterio, “indefensión”.
A chamada “seudonimización” consiste na transformación de datos persoais para que non poidan atribuírse a unha persoa concreta sen empregar información adicional. Na práctica pode seudonimizarse a través da substitución de datos por outros como alcumes, nomes inventados, códigos numéricos… as sentenzas que atopamos en bases de datos xurídicas, nas que os nomes das partes son substituídos por outros ficticios, atópanse seudonimizadas.
Decisión do Tribunal
O argumento da indefensión fica rexeitado de plano polo tribunal. En primeiro lugar, as causas que dan lugar á nulidade do despedimento esixen unha vulneración de dereitos fundamentais ou atoparse nalgún suposto dos previstos na lei; e neste caso non sucede nin un nin o outro. A seudonimización das persoas na carta de despedimento non pode causar indefensión, simplemente, porque non implica falta de fundamentación dos motivos da decisión, senón que se trata apenas dunha maneira de non facer explícito o nome da vítima. En palabras do tribunal, criticando a escasa e fraca argumentación do traballador: “a manifesta falta de documentación do recurso raia claramente na temeridade”.
Ademais, e seguindo a doutrina do Tribunal Supremo, a carta de despedimento debe ofrecer a información indispensable para garantir á persoa traballadora o axeitado coñecemento dos feitos imputados, asegurando así os medios de defensa en xuízo. Neste caso, a carta cumpría esta condición, polo que o Tribunal Superior de Xustiza catalán entende que non pode producirse unha indefensión ao traballador. Este, insiste o órgano, foi capaz de coñecer co suficiente detalle as causas e os feitos que se lle imputaban e que xustificaban a decisión de prescindir dos seus servizos.
O feito de que a carta non contivese todas as condutas e expresións proferidas por el que despois as vítimas indicaron no acto do xuízo non obsta ao seu coñecemento dos feitos, xa que se lle estaba atribuíndo a realización de expresións de contido sexual e tamén ofensivo cara o colectivo LGTBI.
Dado o anterior, o Tribunal Superior de Xustiza decide desestimar o recurso de suplicación interposto por Dionisio, confirmando a sentenza de instancia, que considerou o despedimento efectuado como procedente.