• Inicio
  • Sentenzas
  • Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Comunidade Valenciana 6210/2023, do 21 de novembro de 2023 (rec. 1984_2023)

Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Comunidade Valenciana 6210/2023, do 21 de novembro de 2023 (rec. 1984_2023)

Resumo da resolución

Nesta sentenza, tratamos o despedimento dunha traballadora que, entre outras condutas contrarias aos seus deberes laborais, denigraba e atacaba a compañeiras e compañeiros empregando insultos homófobos.

Feitos

A traballadora prestaba servizos nun local de hostalaría, nun posto de cara ao público.

Durante a súa xornada de traballo, desatendía de xeito habitual e constante as súas obrigas: atopábana durmindo nas instalacións, eran constantes as chegadas ao posto con 20-30 minutos de atraso, constatábase un tratamento inapropiado á clientela e retiraba as mesas e copas cando a xornada non tiña aínda terminado, entre outros comportamentos.

Ademais do mencionado, profería moi graves ataques e insultos a compañeiras e compañeiros, cun manifesto corte homófobo e de odio (que non imos reproducir neste comentario).

Constatados estes feitos, a empresa advírtea de que será despedida por causa disciplinaria, sendo o motivo a comisión de faltas moi graves, que mesmo estaban expresamente recollidas no convenio colectivo do seu sector.

Nesta situación, a traballadora impugna o seu despedimento perante a Xurisdición Social en Alacant, sendo desestimada a demanda polo xulgado.

Dado o pronunciamento adverso, a traballadora decide recorrer ao Tribunal Superior de Xustiza da Comunitat Valencià, mediante un recurso de suplicación, para que se revise a sentenza de instancia e procurar unha resolución máis favorable. Solicitaba, ademais da anulación do despedimento, unha indemnización de 20.000€.

Decisión do Tribunal

A actora pretende incorporar, como feitos probados, que a empresa non logrou acreditar os motivos recollidos na carta de despedimento. Indica que os que alí constaban eran “xenéricos, ambiguos e indeterminados”, polo que o despedimento suporía unha sanción desproporcionada.

Porén, o Tribunal Superior de Xustiza da Comunitat Valencià desmonta o seu argumento. Durante o primeiro xuízo, as testemuñas que foron vítimas dos seus insultos homófobos si foron quen de acreditar todos os extremos que se lle imputaron á traballadora e que foron as causas do seu despedimento.

Neste sentido, a traballadora non pode negar os feitos que se lle vencellaban na carta, xa que a xulgadora de instancia tivo en conta os testemuños das persoas traballadoras, e valorounos conforme a dereito.

O Tribunal Superior de Xustiza da Comunitat Valencià desestima o recurso da traballadora, constatando na súa parte final que:

  • “Visto o carácter intolerable das ofensas proferidas pola actora, gravemente insultantes para os seus compañeiros e compañeiras o seu xefe, facendo imposible a normal convivencia no seo da empresa, ademais das restantes lesións ao principio de boa fe contractual, procede referendar a decisión adoptada na sentenzade instancia, que declara procedente o seu despedimento, con desestimación do recurso”.

Como podemos observar, a declaración das compañeiras e compañeiros é moi importante cando se tenta detectar unha situación de conflito na empresa.

Esta fonte probatoria non resulta só especialmente relevante en casos de acoso ou en casos graves, senón tamén para aqueles comportamentos que, sen chegar a constituír acoso, implican a humillación e vexación das vítimas; sobre todo, cando existen elementos que poden ser LGTBI-fóbicos.

Descarga a sentenza en pdf