• Inicio
  • Sentenzas
  • Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea do 12 de decembro de 2013

Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea do 12 de decembro de 2013

Resumo da resolución

Nesta decisión, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea analiza a posibilidade de que un convenio colectivo poida ser contrario ao Dereito Antidiscriminatorio europeo ao establecer distintas vantaxes retributivas entre matrimonios entre homes e mulleres e parellas de feito entre persoas da mesma identidade sexual. Conste que no ano 2008 en Francia esa unión de
feito era o único mecanismo polo que as parellas homosexuais podían ter recoñecido un vínculo entre elas.

O TXUE considera contrario ao Dereito da Unión este convenio e tamén a lexislación francesa neste punto.

Feitos

O Señor Hay solicitou á súa empresa Crédit Agricole mutuel de Charente-Maritime et des Deux-Sèvres (de agora en diante, Crédit Agricole), días retribuídos especiais e unha prima salarial prevista para o cadro de persoal despois de contraer matrimonio. O Señor Hay celebrara un “pacte civil de solidarité” con outro home.

Este pacte civil é un pacto de convivencia polo que se creaba unhaparella de feito rexistrada na Francia.

En 2008, o Señor Hay acudiu aos xulgados franceses (concretamente, o Conseil de Prud’hommes de Saintes) para facer valer as súas pretensións; porén, este desestimou a súa demanda o día 13 de outubro, xa que considera que os beneficios que se conceden no caso de matrimonio non eran aplicábeis ao demandante.

Aínda que recoñeceu probado que o convenio colectivo nacional do Crédit Agricole fora modificado meses antes precisamente para ampliar o permiso retribuído e máis a prima salarial aos pactos civís de convivencia, ditaminou que esta modificación non tiña efectos retroactivos e que, por tanto, o Señor Hay non se podía acoller a ela.

Argumentos das partes

O actor recorreu en apelación, mais o seu recurso foi desestimado tamén empregando a mesma argumentación do Conseil de Prud’hommes: existe unha diferenza derivada do Código Civil francés que non outorga os mesmos dereitos a un matrimonio heterosexual que a unha parella rexistrada homosexual. O Tribunal de Apelación descartou considerar isto unha discriminación por orientación sexual.

Tras a apelación, recorre o traballador en Casación perante a Cour de cassation por discriminación contra a súa orientación sexual, contraria á lexislación comunitaria, nomeadamente, os artigos 1 e 3 da Directiva 2000/78/CE (de igualdade de tratamento no traballo) que xa vimos noutros moitos casos comentados.

Alega, en resumidas contas, que o Código Civil francés non permitía ás parellas coa mesma identidade sexual que estean unidas mediante o pacto civil, en relación co convenio colectivo nacional do Crédit Agricole, desfrutar de certas vantaxes, como son o permiso retribuído e a prima salarial; que si son conferidas aos matrimonios ou aos pactos civís entre persoas de distinto sexo.

Francia aprobará o dereito das persoas coa mesma identidade sexual a contraeren matrimonio no ano 2013, a través da Lei 2013-404, do 17 de maio sendo o 14º país do mundo nen recoñecer este dereito, naquel momento.

A Cour de cassation decidiu formular unha cuestión prexudicial ao TXUE preguntando:

  • se “a lexislación nacional pode reservar a celebración do matrimonio ás persoas de distinto sexo, facendo desta unha finalidade lexítima, adecuada e necesaria que xustifique a discriminación indirecta resultante de que un convenio colectivo, ao reservar unha vantaxe en materia de remuneración e condicións de traballo aos empregados que contraen matrimonio, exclúa necesariamente do desfrute de dita vantaxe ás parellas do mesmo sexo que celebraran un PACS”.

Decisión do Tribunal

O tribunal analiza se o convenio colectivo da empresa Crédit Agricole pode constituír unha discriminación por orientación sexual ao non outorgar as mesmas vantaxes ás parellas da mesma identidade sexual que aquelas que si se recoñecen aos matrimonios heterosexuais, que si as desfrutan.

O tribunal lembra que as cuestións civís (relativas ao nacemento das persoas, ás unións, aos matrimonios…) son en principio competencias dos Estados membros. Porén, este razoamento debe conectarse coa Directiva sobre igualdade no traballo sobre o deber de protexer ás persoas traballadoras de todos os tipos de discriminación.

Ao interpretar unha cláusula dun convenio colectivo, os interlocutores sociais están suxeitos ao seu mandato. Ademais, cando falamos do concepto de retribución, a Directiva aplícase con efecto directo, xa que a retribución é un dos elementos imprescindíbeis na relación laboral, ámbito que a Directiva abrangue.

O Tribunal compara se as persoas que poden celebrar un matrimonio, e as persoas que celebran un PACS están nunha situación análoga para que as persoas traballadoras poidan desfrutar de condicións favorábeis ou máis vantaxosas no ámbito laboral.

O pacto civil permite ás parellas homosexuais vivir a súa vida en común, comprometéndose a prestar axuda mutua. Para que esta unión se faga efectiva, é necesario que estea rexistrada debidamente perante a Administración francesa.

Aínda que as parellas heterosexuais poidan tamén celebrar PACS, o Tribunal destaca que esta vía era a única que permitía ás parellas homosexuais estar dotadas dun status xurídico e recoñecemento legal, pois o Estado francés non permitía celebrar matrimonio nestes casos.

Así, entende que si existe discriminación cando a lexislación dun Estado membro concede vantaxes laborais, como permisos ou retribucións, só aos matrimonios cando estes só se poden celebrar entre un home e unha muller, facendo un recordatorio das anteriores sentenzas ditadas por el nos casos Maruko e Römer, que xa tivemos ocasión de comentar.

O Tribunal conclúe que se trata dunha discriminación directa por mor da orientación sexual, posto que estamos perante dúas situacións análogas (o pacto civil e e o matrimonio) onde unha recibe un tratamento desigual desfavorábel sen xustificación algunha, obtendo condicións laborais menos vantaxosas como permisos retribuídos ou primas salariais que si son outorgados ás persoas casadas cando o Estado membro non permite celebrar matrimonios entre persoas homosexuais.

Descarga a sentenza en pdf