Resumo da resolución
Nesta resolución, analizarase a conduta dunha traballadora do Consulado de España no Reino Unido, que foi despedida, entre outros motivos, por realizar missgendering a unha muller trans española que acudía a ese órgano para obter información.
Mesmo despois de ser advertida do tratamento improcedente, a traballadora insistiu; o que foi esencial para o que o Tribunal considerase o seu despedimento como procedente.
Feitos
A traballadora tiña un posto como ordenanza-chofer no Consulado español do Reino Unido. No ano 2021 atendeu a unha muller trans que se dirixiu á esta oficina para a realización duns trámites burocráticos.
A empregada comezou a tratala de “Señor”, e seguiu facéndoo malia recibir a advertencia da persoa usuaria (realizou o que se coñece como missgendering, dun xeito deliberado). Despois deste incidente, produciuse unha forte discusión na que tivo que intervir un axente da Garda Civil, quen ofreceu as súas desculpas á vítima. Porén, a empregada, que nin sequera tiña rectificado o seu comportamento, negou as desculpas e comezou a insultala.
Por este motivo, a cidadá presentou un escrito de queixa contra a empregada.
Tamén se viu envolta a traballadora nunhas posíbeis acusacións falsas a un compañeiro, e nun episodio no que omitiu auxilio a outro traballador que fora atacado por outra persoa usuaria do Consulado, malia ser unha das súas responsabilidades.
Con base a estes feitos, o Ministerio de Asuntos Exteriores, como Administración empregadora, procedeu ao seu despedimento. Este foi impugnado pola traballadora, diante do Xulgado do Social de Madrid. Pola súa banda, este desestimou a demanda e confirmou o despedimento e inhabilitación, polo que foi presentado recurso ao Tribunal Superior de Xustiza de Madrid.
No recurso de suplicación, a recorrente pretende a declaración do seu despedimento como improcedente, alegando irregularidades no proceso xudicial que poderían ter causado unha indefensión.
Decisión do Tribunal
En esencia, a traballadora sinala erros no procedemento administrativo que deu lugar ao seu despedimento, mais non unha infracción de normas ou garantías, que é realmente un dos motivos para interpor recurso, polo que o Tribunal desbotou a existencia de indefensión.
O tribunal resume os incumprimentos da traballadora que deron lugar ao despedimento: dúas faltas leves relacionadas co incumprimento dos seus deberes por neglixencia ou descoido, unha falta grave disciplinaria no traballo ou do respecto debido aos compañeiros, unha falta moi grave relacionada con discriminación por identidade sexual e unha falta moi grave relacionada coa publicación ou utilización indebida da información ou documentación da que tivese acceso por razón do seu cargo.
A traballadora só impugna a infracción relacionada coa discriminación por identidade sexual, solicitando unha revisión por infracción de normas substantivas e da xurisprudencia. En síntese, mantén que se produciu un erro cando se dirixiu á persoa usuaria debido ao “seu aspecto”, e non houbo, no seu parecer, ningunha diferenza de tratamento (unha atención peor) por mor da súa identidade sexual.
O tribunal rexeita completamente este razoar: a traballadora foi advertida de que se debería dirixir a ela como muller mais non rectificou esta actitude; incluso, unha vez a documentación estivo no seu poder, seguiu tratándoa coma un home xerando un conflito no que tiveron que intervir os axentes que estaban presentes e que pediran desculpas á afectada.
Por iso, cabe cualificar dita conduta como discriminatoria e, en conxunto co resto de infraccións, o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid ditamina a procedencia do despedimento da traballadora.