Comisión consultiva autonómica para a igualdade entre mulleres e homes na negociación colectiva do Consello Galego de Relacións Laborais presentou o documento “Recomendacións sobre diversidade sexual” no pleno de maio do Observatorio.
A Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Negociación Colectiva (CCAINC), un órgano de asesoramento, control e promoción da igualdade por razón de xénero na negociación colectiva galega adscrito organicamente ao Consello Galego de Relacións Laborais, presentou o pasado 27 de maio no pleno do Observatorio Galego contra a Discriminación por Orientación Sexual e Identidade de Xénero o documento Recomendacións sobre diversidade sexual, aprobado por unanimidade no seo da comisión.
Durante a presentación púxose de manifesto o traballo desenvolvido nos últimos anos polo Consello Galego de Relacións Laborais en materia de igualdade e diversidade, no que se enmarca tamén a elaboración do Protocolo para a prevención e actuación fronte ao acoso laboral, sexual, por razón de sexo e de xénero, orientación sexual, identidade de xénero, expresión de xénero e características sexuais, así como as distintas accións formativas e de sensibilización desenvolvidas arredor deste ámbito.
As novas recomendacións están orientadas a facilitar a incorporación da perspectiva da diversidade sexual nas empresas e na negociación colectiva, con especial atención a tres momentos clave da vida laboral: o acceso ao emprego, os procesos de selección e a promoción profesional. Entre as medidas recollidas figuran a formación do persoal encargado da selección, a elaboración de ofertas de emprego con linguaxe inclusiva e a promoción de ferramentas como os currículos cegos, co obxectivo de garantir procesos baseados en criterios obxectivos e libres de discriminación.
O documento tamén incorpora propostas dirixidas á clasificación e desenvolvemento profesional, recomendando a inclusión de cláusulas específicas para previr a discriminación por orientación sexual, identidade e expresión de xénero e características sexuais, así como a definición de criterios transparentes nos procesos de promoción.
Outro dos ámbitos abordados é o da sensibilización e a comunicación. As recomendacións inclúen a revisión das comunicacións internas e externas das organizacións, a difusión dos conceptos básicos recollidos na normativa vixente e a promoción do coñecemento de ferramentas como os protocolos de prevención do acoso ou os procedementos de acompañamento ás persoas trans. Ademais, destácase a importancia de que as empresas manifesten un compromiso explícito coa igualdade e a diversidade.
A guía dedica tamén un apartado á creación de contornas seguras e inclusivas, integrando a perspectiva de xénero e LGBTI na Prevención de Riscos Laborais con numerosas medidas. Entre elas, recoméndase priorizar a existencia de aseos e vestiarios con cubículos individuais e revisar os códigos de vestimenta e de seguridade para garantir que respondan ás necesidades das persoas traballadoras, con independencia do seu sexo ou xénero.
No ámbito dos dereitos laborais, o documento formula recomendacións relativas aos permisos, beneficios sociais e réxime disciplinario, sinalando a necesidade de garantir que todas as persoas poidan acceder a eles en condicións de igualdade. Así mesmo, proponse a integración das condutas discriminatorias nos códigos éticos das empresas e a implantación de procedementos internos confidenciais que aseguren a protección das persoas que comuniquen incidencias.
As entidades presentes no pleno agradeceron o traballo desenvolvido polo Consello Galego de Relacións Laborais e polos axentes sociais na elaboración destas recomendacións e subliñaron a importancia de continuar avanzando na difusión deste tipo de ferramentas e na extensión das medidas de inclusión tamén ao ámbito das administracións públicas.