O Consello Galego de Relacións Laborais impulsa a formación en medidas de igualdade e non discriminación LGBTI no ámbito laboral

O pasado 22 de abril tivo lugar en Compostela un seminario formativo para axentes
empresariais e sindicais en materia de inclusión LGBTI no emprego e loita contra a
discriminación.

O Consello Galego de Relacións Laborais celebrou o pasado 22 de abril un seminario formativo dirixido a cadros empresariais e sindicais centrado na elaboración e aplicación de medidas de igualdade e non discriminación LGBTI no ámbito laboral.

A xornada, que tivo lugar na sede do organismo no Pazo de Amarante, Compostela, e se estendeu ao longo de toda a mañá e a tarde, reuniu a profesionais de distintos ámbitos co obxectivo de afondar nos retos actuais en materia de diversidade sexual e de xénero no traballo, así como nas ferramentas dispoñibles para avanzar cara a contornas laborais máis inclusivas.

O programa comezou cunha análise da situación actual do colectivo LGBTI, abordada desde unha perspectiva social e histórica. O activista Pablo Zás, técnico no Observatorio Coruñés contra a LGBTIfobia, presentou os datos que o seu organismo recolle anualmente sobre discriminación, acoso e agresións ás persoas LGBTI no territorio galego. Compartiu mesa con el a investigadora Daniela Ferrández, que formou parte do grupo de traballo do Consello da Cultura Galega que desenvolveu o primeiro informe transversal en profundidade sobre a situación das persoas LGBTI en Galicia.

A continuación, Patricia Nieto Rojas, profesora de dereito especializada en igualdade de xénero e inclusión LGBTI, presentou o marco legal e os retos que xorden nos procedementos para a elaboración e negociación de medidas de igualdade nas empresas, un aspecto clave no contexto normativo actual.

A xornada da mañá rematou cunha mesa sobre medidas dirixidas á inclusión LGBTI máis alá dos mínimos requirimentos legais e do tratado na negociación colectiva. Marta Herraiz, presidenta da rede profesional LGBTI REDI, e Xandre Garrido, consultor especializado en dereitos LGBTI, presentaron un grande número de medidas que as empresas poden poñer en marcha para crear contornas laborais máis seguras e xerar un impacto positivo para o colectivo dentro e fóra da empresa.

A xornada da tarde tivo como punto único a presentación de dous documentos elaborados recentemente pola Comisión consultiva autonómica para a igualdade entre mulleres e homes na negociación colectiva. A mesa, composta polos axentes sociais que participaron no debate e redacción destes documentos, presentou o “Protocolo para a prevención e a actuación fronte ao acoso laboral, sexual, por razón de xénero, expresión de xénero e características sexuais”, e a guía de “Recomendacións sobre diversidade sexual”.

Estes documentos foron presentados como ferramentas de traballo de grande calidade que compre coñecer e manexar, en especial para persoal daqueles cadros empresariais e sindicais que serán as persoas de referencia para actuar en casos de discriminación LGBTIfóbica, ou axentes de promoción da igualdade e inclusión do colectivo.

Este tipo de iniciativas formativas contribúen a reforzar o papel do diálogo social na promoción da igualdade de trato e de oportunidades no emprego, facilitando a incorporación efectiva da diversidade nas políticas laborais e na xestión das organizacións.