Goberno, patronal e sindicatos pechan acordo tripartito contra a discriminación LGBTI nas empresas

O acordo desenvolve o establecido na Lei 4/2023, definindo os requirimentos concretos dos protocolos contra o acoso LGBTIfóbico e plans de igualdade LGBTI para empresas con máis de 50 persoas contratadas.

Seguindo os prazos establecidos pola Lei 4/2023, do 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI, o pasado 2 de marzo deste ano 2024 entraba en vigor a obrigatoriedade para empresas con máis de 50 persoas traballadoras de contar con protocolos contra o acoso LGBTIfóbico e recoller medidas para promover a inclusión das persoas LGBTI na empresa. Porén, a lei non establece os contidos concretos e medidas mínimas a recoller nestes protocolos e plans, polo que ficaba pendente de ser desenvolvida mediante normativa específica.

Con este fin, o Ministerio de Traballo convocou unha Mesa de Diálogo Social no mes de febreiro de 2024 na que comezou as negociacións con representantes da patronal e dos sindicatos maioritarios. A comezos do mes de xuño, reivindicado como “mes do Orgullo” polo movemento asociativo LGBTI, goberno e axentes sociais anunciaron que foi acadado un acordo tripartito no que se definen as obrigacións en materia de protección do colectivo para as empresas afectadas pola norma.

Entre as medidas acordadas atópanse a formación para a igualdade e non discriminación nos centros de traballo, e destaca a necesidade de realizar formación específica para evitar a discriminación nos procesos de selección de persoal.

O acordo contempla tamén un protocolo de acompañamento para persoas trans no ambiente laboral, que se xustifica no contexto de violencia e exclusión particular que este colectivo sufriu ao longo da historia e segue a enfrontar na actualidade.

A aprobación desta normativa implica que se terán que reabrir os convenios colectivos para negociar especificamente cales deberán ser as medidas concretas en materia LGBTI necesarias para cada sector.

Aínda que de momento non foi publicado o texto definitivo, representantes do tecido asociativo como a Federación Estatal LGTBI celebran a noticia como un paso adiante en materia de protección do colectivo.