O sábado 25 de outubro tivo lugar a IX edición do “Simposio LGTBIQ+” de Cambados, un evento pioneiro en Galicia e que cada ano xunta a referentes galegos, estatais e internacionais para tratar cuestións relativas á diversidade en distintos ámbitos. No ano 2025, o simposio estivo dedicado á diversidade no deporte, con intervencións en primeira persoa de persoas que viven abertamente a súa orientación sexual e identidade de xénero nos espazos nos que desenvolven a súa práctica deportiva, xunto coa perspectiva de persoal técnico que falou de ferramentas para promover a diversidade e combater a LGBTIfobia.
Trala benvida institucional, o campión do mundo do piragüismo Cristian Silva contou como decidiu agardar a retirarse do deporte de competición antes de dar a coñecer a súa orientación sexual, e falou da cultura LGBTIfóbica e machista que presenciou nos vestiarios durante os seus anos en activo. Tamara Pérez, profesora de Educación física e membro da Rede educativa de apoio LGTBIQ+ de Galicia, falou sobre a importancia de combater a LGBTIfobia e crear ambientes deportivos seguros e inclusivos desde a infancia. Seguidamente, o simposio acolleu unha mesa redonda na que persoal técnico falou sobre o papel que as distintas institucións teñen á hora de impulsar a inclusión e a diversidade no deporte, que ferramentas e recursos existen na actualidade, e cales seria necesario implantar no futuro.
O Rabelo, rapeiro e artista multidisciplinar, deu peche á xornada cun número musical e performance que mesturou música tradicional galega con ritmos urbanos e reivindicacións en
primeira persoa, desde a súa perspectiva como persoa non binaria que se ve obrigada a xogar ao rugby en equipos femininos.
Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, o sector deportivo supón o 1,3% do PIB e o 1,95% do emprego en Galicia. Segundo datos do ano 2022, ata 22.140 postos de traballo estarían vencellados co ámbito deportivo de xeito directo ou indirecto. O deporte, como sector profesional e de desenvolvemento persoal, trátase dun espazo de formación, de construción de redes e de aprendizaxe de valores, polo que é fundamental que tamén sexa ámbito de igualdade.
Porén, este sector segue a verse marcado polos estereotipos de xénero e expectativas que non sempre acollen as identidades non normativas. Esta realidade foi constatada no ano 2023 coa presentación do informe das persoas pertencentes ao colectivo LGBTI no ámbito do deporte elaborado polo grupo de traballo de Educación e Deportes do Observatorio Galego contra a Discriminación por Orientación Sexual ou Identidade de Xénero, así como do estudo “Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade en Galicia” elaborado polo Foro Identidades e Disidencias Sexuais do Consello da Cultura Galega, que tiña o deporte como un dos seus eixos de traballo.
O evento deste sábado, que reuniu deportistas, activistas, profesionais do deporte e xente interesada en fomentar a inclusión, foi unha oportunidade para coñecer en que condicións traballan as persoas LGBTI en clubes, federacións, instalacións e servizos, e analizar como mellorar esas condicións. Alí repartiuse a cada unha das persoas asistentes unha copia impresa do Decálogo pola igualdade LGBTI nos deportes editado pola Dirección Xeral de Promoción da Igualdade.