Grazas aos progresos médicos e cambios normativos moitas das dificultades que marcaron o inicio da epidemia da SIDA foron superadas. Porén, as vivencias das persoas con VIH amosan que aínda persisten retos que esixen atención e accións concretas, en especial vencellados ao estigma.
Vivir con VIH na Galicia do século XXI significa, na maior parte dos casos, convivir cun diagnóstico crónico cuxo impacto sobre a vida e a saúde da persoa é moi limitado. Porén, eliminar o estigma social xerado ao longo de décadas de alarma social e restricións sen xustificación trátase dunha carreira de fondo.
O 1 de decembro, data na que desde 1988 se celebra a nivel internacional o día da loita contra a SIDA, é na actualidade reivindicado por colectivos activistas como día da loita contra a serofobia. Esta viraxe reflicte como na actualidade, en contextos nos que a cidadanía ten acceso a un sistema sanitario de calidade, o estigma supón un maior reto no día a día que a propia enfermidade asociada.
Un pasado de prohibicións e estigma
Cando o VIH/SIDA emerxeu en España e no mundo nos anos 80, establécense prohibicións e prácticas discriminatorias que excluían automaticamente ás persoas con VIH de moitos empregos, manifestándose a través de despidos, obrigas de revelación do estado serolóxico
ou exclusións en procesos de selección. Estas prácticas non só vulneraban dereitos fundamentais, senón que reforzaban o estigma social xa existente, dificultando a integración e a visibilidade no mercado laboral.
Algunhas destas restricións e medidas discriminatorias no eido laboral non foron retiradas ata datas moi recentes. Ata 2018 os cadros médicos de exclusión para acceder ao emprego público en España incluían o VIH como motivo de exclusión para moitos postos, desde persoal administrativo ata corpos de seguridade e forzas armadas, o que significaba que quen tiña VIH podía quedar automaticamente fóra das oposicións ou procesos de selección. O 30 de novembro de 2018, o Consello de Ministros acordou eliminar o VIH como motivo de exclusión no acceso a calquera emprego público e revisar os cadros médicos de exclusión para axustalos á evidencia científica actual.
Algunhas restricións tamén afectaban directamente ao sector privado. A regulación que esixe aptitude psicofísica para obter a licenza de armas e traballar en seguridade privada contiña requisitos que impedían que as persoas con VIH puidesen acceder a eses empregos, recollendo o VIH como causa de inaptitude per se. Foi o Real Decreto 426/2023 do 6 de xuño, polo que se modifica o Real Decreto 2487/1998, do 20 de novembro, polo que se regula a acreditación da aptitude psicofísica necesaria para ter e usar armas e para prestar servizos de seguridade privada, o que eliminou o VIH como causa de exclusión neste eido.
As limitacións legais convivían, ademais, con prácticas laborais discriminatorias que non sempre quedaban reflectidas na norma: despedimentos encubertos, presións para revelar o estado serolóxico ou vetos informais á contratación. Todas elas contribuíron a consolidar un
estigma estrutural, que obrigou a moitas persoas a ocultar o seu diagnóstico no lugar de traballo por medo ás consecuencias profesionais. Foi no ano 2022 cando se aprobou a Lei 15/2022, do 12 de xullo, de igualdade de trato e non discriminación, que prohibe de maneira explícita a discriminación no emprego e na prestación de bens e servizos por razón de seropositividade, entre outras características.
Nos últimos anos sentenzas xudiciais foron consolidando este avance, como unha resolución do Xulgado do Contencioso-Administrativo Número 2 de Navarra, nunha sentenza do 27 de decembro de 2024 que recoñeceu que a redución da vixencia dun permiso de conducir por vivir con VIH constitúe discriminación.
As vivencias na actualidade
Aínda que a normativa e a medicina evolucionan, a experiencia directa mostra que non todo cambiou. O estigma asociado ao VIH persiste e deixa pegadas profundas no día a día: desde o medo a revelar o estado serolóxico no traballo ata a ansiedade por posibles reaccións negativas por parte do resto do persoal. A persistencia de ideas erróneas sobre a transmisión do virus e a relación entre as persoas con VIH e a “inseguridade” na contorna laboral segue sendo unha barreira emocional e social, aínda que non exista risco real de transmisión no ámbito de traballo.
Os datos tamén reflicten a magnitude do problema: informes recentes da asociación CESIDA mostran que moitas persoas con VIH experimentan algunha forma de estigma e discriminación na súa vida cotiá, con manifestacións que inclúen exclusións sociais ou comentarios despectivos, situacións que sen dúbida afectan a confianza e participación no mercado laboral e na sociedade en xeral.
É esencial seguir impulsando políticas de sensibilización nas empresas, formación continua e mecanismos reais para garantir que todos e todas poidan vivir e traballar con VIH con dignidade, integridade e igualdade de oportunidades