Marcando a diferenza: avances recentes na inclusión LGBTI no traballo

Os cambios recentes en convenios colectivos, normativa estatal e programas de formación están a reforzar a inclusión laboral das persoas LGBTI. Estes avances están a ter impacto en Galicia, mais quedan desafíos para consolidar contornas máis seguras e igualitarias.

Nos últimos meses producíronse cambios relevantes no ámbito laboral que afectan directamente á inclusión das persoas LGBTI. A nivel estatal e europeo, están a consolidarse novas medidas, convenios e programas de formación que buscan garantir que a igualdade non quede só no papel, senón que se materialice na práctica diaria das empresas. Estes movementos teñen impacto directo en Galicia, onde a promoción da diversidade no traballo é unha prioridade das políticas públicas e do Consello Galego de Relacións Laborais.

Novas obrigas legais para garantir a igualdade LGBTI nas empresas

A aprobación do Real Decreto 1026/2024, do 8 de outubro, polo que se desenvolve o conxunto planificado das medidas para a igualdade e non discriminación das persoas LGTBI nas empresas, desenvolve as medidas da Lei 4/2023, do 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI, e establece novas obrigas para empresas de máis de 50 persoas traballadoras. Entre elas destaca o requirimento de establecer medidas dirixidas á inclusión do colectivo LGBTI, recollendo as medidas mínimas no Anexo I do decreto. Recóllense medidas dirixidas á formación interna, en especial para o persoal que participa en procesos de selección co fin de evitar prácticas de contratación discriminatorias; así como a necesidade de establecer criterios para a promoción profesional e ascensos en base a elementos obxectivos. Tamén se recolle a obriga de facer mención explícita á igualdade de trato e non discriminación LGBTIfóbica nos convenios colectivos, poñer en marcha un protocolo fronte ao acoso LGBTIfóbico e contar cun réxime disciplinario e de infraccións para combater este acoso.

Os contidos e estrutura que deberán ter os protocolos fronte ao acoso LGBTIfóbico son tamén definidos por esta norma, vindo recollidos no Anexo II..

Empresas de diferentes sectores están a incorporar estas esixencias á súa estrutura interna e aos convenios colectivos recentes, progresando cara unha contorna laboral máis segura e igualitaria para todas as persoas, con independencia da súa orientación sexual ou identidade de xénero.

Impulso internacional: formación para asegurar a non discriminación

No plano internacional tamén se rexistran avances. A Organización Internacional do Traballo (OIT) celebrou en Madrid un curso centrado na garantía da non discriminación laboral das persoas LGBTI. O obxectivo desta iniciativa foi dotar a profesionais e institucións de ferramentas e coñecementos útiles para combater o acoso, os prexuízos e a desigualdade no ámbito laboral, reforzando así o cambio cultural que acompaña os avances normativos .

Este tipo de iniciativas subliña que a formación é unha das claves para transformar as organizacións: as normas marcan un marco, pero a práctica diaria require competencias, sensibilización e compromiso.

A realidade galega: avances e desafíos

En Galicia tamén se observa un contexto social en movemento. O Observatorio Coruñés contra a LGBTIfobia detectou no último ano un lixeiro descenso dos incidentes e agresións rexistradas na comunidade. Aínda que esta tendencia é positiva, lembrouse que a discriminación no emprego segue a ser unha realidade que moitas persoas LGBTI experimentan dun xeito silencioso, a miúdo a través de microagresións, falta de promoción ou ocultación da propia identidade por medo ao rexeitamento .

Neste contexto, as empresas galegas teñen unha oportunidade para reforzar o seu compromiso coa igualdade e facer da diversidade un valor fundamental das súas políticas laborais. Recursos como o portal diversidade.aigualdadelaboral.gal e as guías do Consello Galego de Relacións Laborais son ferramentas útiles para avanzar cara a modelos organizativos máis inclusivos.

Cara a unha inclusión real: non só políticas, senón cultura labora

O avance descrito tanto nos planos legal, institucional e organizativo, é significativo e marca unha tendencia cara a unha maior protección e visibilidade das persoas LGBTI nas contornas de traballo. Porén, a verdadeira inclusión require máis que protocolos: esixe crear equipos
que valoren a diversidade, liderados que fomenten o benestar psico-social e contornas onde cada persoa poida expresarse libremente sen temor á discriminación.

As políticas públicas avanzan. Os convenios colectivos están a mudar. A formación expándese. Agora tócalle ás empresas galegas consolidar este progreso e converter a igualdade nun elemento estrutural da súa identidade laboral.