Normalización do uso de xénero gramatical escollido por parte do persoal

Linguas romances como o galego, o castelán ou o portugués caracterízanse por contar con sistemas de clasificación nominal que denominamos xénero gramatical. Nestas linguas empréganse artigos, pronomes e morfemas de xénero diferentes dependendo do xénero gramatical de cada palabra. Por exemplo, a palabra “mesa” ten xénero gramatical feminino, polo que con ela empregaranse artigos femininos como “a” e “unha”, pronomes femininos como “ela”, e adxectivos con morfema de xénero feminino como “bonita”.

O xénero gramatical tamén xoga un papel importante en como as persoas se refiren unhas a outras, e ser conscientes do seu uso é especialmente importante para crear un ambiente inclusivo para as persoas do colectivo LGBTI, en especial para as persoas trans e non binarias.

O máis común na sociedade galega é que as mulleres empreguen o xénero gramatical feminino, mentres que os homes empregan o xénero gramatical masculino, porén non sempre é posible saber se unha persoa é home ou muller só pola súa aparencia, ou ao escoitar a súa voz ou ler o seu nome se a interacción é telemática. Ademais, hai persoas non binarias que se senten máis cómodas co uso do xénero gramatical feminino, outras co masculino, e outras que empregan unha forma neutra. Unha práctica que favorece a inclusividade nas empresas é animar ao persoal a incluír o xénero gramatical que prefiren nas súas sinaturas de correo electrónico e nas súas presentacións. Que todo o persoal, non só o persoal trans e non binario, inclúa esta información axuda a normalizar a diversidade e a garantir que a comunicación sexa máis cómoda e clara entre todas as persoas.