• Inicio
  • Sentenzas
  • Sentenza do Tribunal Constitucional 41_2006, de 13 de febreiro

Sentenza do Tribunal Constitucional 41_2006, de 13 de febreiro

Feitos

Paul Ciaccio era traballador da aeroliña Alitalia Líneas Aéreas Italianas, S.p.A.

Durante a relación laboral, o seu xefe, o Señor Lambert, dirixíalle comentarios despectivos sobre a súa orientación sexual, en relación coa súa maneira de vestir e, ademais, sobrecargábao de tarefas. Paul criticara con outros compañeiros este comportamento do seu xefe.

O 30 de xullo de 2002, Paul recibe sorpresivamente unha carta da súa empresa comunicándolle a extinción do seu contrato por incumprimentos laborais.

Aludíase, entre outros, a episodios de desobediencia dos superiores, críticas aos mesmos, falta de responsabilidade no traballo e erros importantes nas tarefas de contabilidade.

Nótese que Paul nunca fora amonestado nin sancionado durante o seu traballo, por ningunha causa.

O traballador recorre este despido perante os Xulgados de Barcelona, que declaran que o despido lesionou os seus dereitos fundamentais e, en concreto, o dereito a non ser discriminado no entorno laboral.

Porén, a empresa recorre esta decisión ao Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSXC), quen revocou o pronunciamento de primeira instancia. O TSXC considera probado que existiron motivos disciplinarios para o despedimento.

Paul acode, entón, ao Tribunal Constitucional en amparo.

Argumentos das partes

Paul defenderá a declaración de vulneración de dereitos fundamentais baseado no artigo 14 da Constitución española, por concorrer discriminación baseada na súa orientación sexual. Solicita pois a anulación da Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya e que se declare firme a dos Xulgados de Barcelona.

A aeroliña, pola súa parte, manifesta que non existe móbil discriminatorio. Indica que, malia que puideron existir discrepancias entre xefe e empregado, nunca foron de tal magnitude para se poder considerar discriminación ou acoso. Empregan como carga probatoria, fundamentalmente a carta de despedimento e o testemuño dun compañeiro de traballo de Paul.

Razonamento do Tribunal Constitucional e do Ministerio Fiscal

O Tribunal Constitucional comezará lembrando un elemento de máximo interese: aínda que o artigo 14 da Constitución non menciona expresamente a orientación sexual como causa de discriminacion, esta está incluída necesariamente, dentro da expresión “calquera outra condición ou circunstancia perrsoal ou social”.

Amais disto, cómpre lembrar que os Dereitos Fundamentais deben interpretarse á luz dos Tratados Internacionais dos que España sexa parte, o que reforza esta protección de máximo rango constitucional.

Atopamos mencións a esta protección, lembra o TC, en instrumentos coma:

● O Convenio Europeo para a protección dos dereitos humanos e liberdades fundamentais no seu artigo 14
● O Pacto internacional de dereitos civís e políticos no seu artigo 26
● O Tratado Constitutivo da Comunidade Europea (hoxe o Tratado da Unión Europea) no artigo 13
● A Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea e outras normas de Institucións Europeas

O Tribunal Constitucional fai referencia a unha figura procesual esencial no Dereito contra a discriminación: a chamada “inversión da carga da proba”.

Ao alegar unha persoa unha vulneración de dereitos fundamentais, e achegando algún indicio, o esforzo de probar que existíu a discriminación xa non lle corresponde a esa persoa. Dito doutro modo: non é ela quen debe probar que houbo discriminación, senón que será a persoa discriminadora a que debe probar que non a houbo, e que existiron motivos obxectivos para dar un trato diferente.

Paul só debía achegar indicios de conduta discriminadora e, se a empresa non logra acreditar que houbo motivos disciplinarios, existirá discriminación. O elemento central deste caso é a carga probatoria.

O xefe de Paul podía organizar o traballo na entidade, por descontado, pero non podía enmascarar condutas discriminadoras en supostas ordes empresariais. E empresa, insistimos, debía probar que existía unha xustificación laboral real e de suficientemente entidade.

Neste caso, concorreron unha multiplicidade de causas polas que o traballador foi despedido ou, canto menos, a empresa así o alega, O Tribunal Constitucional reflexiona se se trata dun caso de “despido pluricausal”; isto é, se hai varias causas de despedimento alegadas, entre as que se atopa unha causa de discriminación, sendo que esta última, en suma, non é determinante para a decisión empresarial. Dito doutro modo, se aínda que puido existir discriminación, había tantos motivos para despedir, que a decisión é lexítima.

O Tribunal Constitucional aprecia que, dos feitos que constan nas resolucións xudiciais (de Barcelona e do TSXC), o acoso do Señor Lambert a Paul está totalmente probado, así como tamén a atribución dunha sobrecarga de traballo que lle prexudicaba.
Atribúelle a estes indicios a entidade suficiente para “abrir razoabelmente a hipótese da posíbel vulneración do dereito fundamental”.

Pola súa parte, o Ministerio Fiscal (que actúa nos procedementos nos que os Dereitos Fundamentais están en xogo), móstrase firme: o relato dos feitos amosa unha conduta dirixida conscientemente a sancionar ao traballador pola súa orientación seuxal.
Constaba algunha indicación sobre como realizar o traballo, pero ningunha desas correccións podía xustificar un despedimento.

O Tribunal Constitucional critica que o TSXC non aplicase a inversión da carga da proba, pois na propia Sentenza constata que existen indicios de trato vexatorio no demandante pola súa condición sexual.

Repréndeo no sentido de que, en todo caso, a natureza disciplinaria dos actos imputados ao traballador non desvirtúan os indicios de vulneración.

Conclusión do Tribunal Constitucional

Por todos estes motivos, o Tribunal declara a lesión e ordena reparala afirmando a nulidade do despedimento, anulando a Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya e declarando a firmeza da do Xulgado de Barcelona.