• Inicio
  • Sentenzas
  • Sentenza do Tribunal Constitucional 55_2013, de 11 de marzo de 2013

Sentenza do Tribunal Constitucional 55_2013, de 11 de marzo de 2013

Resumo da resolución

Exixir descendencia en común a unha parella de feito composta por persoas do mesmo sexo, como requisito para acceder unha destas persoas a unha pensión de viuvez, é unha exixencia desproporcionada e que xera unha discriminación indirecta.

Vemos nesta sentenza do Tribunal Constitucional unha confirmación da súa liña xurisprudencial xa coñecida, e que puidemos ver, por exemplo, na sentenza 41/2013, que tamén se atopa entre as comentadas.

Feitos

Carlos solicita en xaneiro do ano 2008 unha prestación por viuvez após do falecemento da súa parella, Francisco, no ano 2004. Estaban unidos como parella de feito dende o ano 1999, e xuntaban unha convivencia sentimental de máis de 19 anos.

O INSS denégalle a Carlos esta solicitude por non acreditar a existencia de proxenie común entre a súa parella e el.

Porén, Xulgado do Social nº3 de Xirona deulle a razón a Carlos, resolvendo que o mencionado requisito de descendencia común, previa á data do falecemento, como limiar para que as parellas de feito poidan acceder a unha prestación de viuvez vulneraba o artigo 14 da Constitución, ao establecer unha diferenciación de trato, nun sentido desfavorábel, por razón da orientación sexual das persoas.

Posteriormente, esta sentenza foi recorrida pola Mutua FIMAC e o INSS, e o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya deulles a razón. Considerou o órgano que este requisito de paternidade previa non está en contra do artigo 14 da Constitución e, polo tanto, non considera que se producira unha desigualdade de tratamento.

Argumentos das partes

Carlos considera que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya si é contraria á Carta Magna. Nunha parella de feito entre persoas do mesmo sexo, a esixencia de proxenie común é de imposíbel realización dun xeito directo.

Á imposibilidade biolóxica deste feito sumábase naquela altura tamén a imposibilidade de adoptar crianzas,  xa que até a entrada en vigor da Lei Catalá 3/2005, de 8 de abril[1], as parellas do mesmo sexo non tiñan permitido adoptar (lembremos que a parella de Carlos falecera no ano 2004).

Deste xeito, aínda que a norma estableza unha medida aparentemente neutral, como é acreditar a existencia de descendencia para poder ter acceso a unha prestación por viuvez, esta agocha unha discriminación indirecta por razón da orientación sexual das persoas.

O INSS considera que esta diferencia de trato non existe e apoia esta afirmación en que sería unha cuestión de “tempo” que entrase en vigor unha normativa máis favorábel ás parellas do mesmo sexo cando quixesen obter unha pensión de viuvez, como aconteceu coa promulgación da lei que permitiu a adopción.

A Mutua FIMAC tamén se aliña coa posición do INSS ao pedir a desestimación do recurso por considerar que non se contravén o artigo 14, xa que non se vulnerou o dereito á igualdade consagrado nese artigo.

Decisión do Tribunal

O Tribunal Constitucional reitera a doutrina consagrada na anterior sentenza 41/2013, de 14 de febreiro, na que xa consideraran inconstitucional a Disposición Adicional Terceira da Lei 40/2007 ao lesionar o principio de igualdade e afectando de maneira especial ao tratamento dispensado ás parellas de feito formadas por persoas do mesmo sexo.

Non considera xustificada obxectivamente a razón pola que se establece o requisito de ter crianzas en común para poder ser beneficiario dunha pensión de viuvez, e alude á imposibilidade de que as parellas do mesmo sexo puideran nese momento, biolóxica e xuridicamente, ter crianzas en común.

Especialmente, esta posibilidade estaba vedada até moi recentemente coa promulgación de diversas leis, coma neste caso a catalá, que permitiron poder adoptar ás parellas do mesmo sexo e cumprir o requisito.

 
*O PDF se proporciona a efectos unicamente informativos e se insta a consultar a sentenza na base de datos orixinal para verificar que non foi alterada con posterioridade.