Resumo da resolución
Nesta resolución, o TEDH sanciona e reprende ao goberno ruso polo despedimento dunha docente, producido só por causa da súa orientación sexual. Considerárase, por este Executivo, inmoral o comportamento da mestra, após terse feito un rexistro potencialmente ilexítimo da súa pegada dixital.
O TEDH manterá que o despedimento só sobre a base da orientación sexual é contrario aos Dereitos da Convención Europea de Dereitos Humanos. Tamén sosterá que a orientación sexual implica o poder exteriorizar os afectos, sen que poida sancionarse por tal motivo á persoa.
Feitos
En outubro do ano 2011, a demandante comezou a traballar como profesora nunha escola en San Petersburgo para alumnado con necesidades especiais.
Sen que o comportamento ou desempeño da mestra estivese en cuestión en momento ningún, en novembro de 2014 é convocada a unha xuntanza coa Dirección do centro e outros actores públicos, entre eles unha asociación chamada “Pais por Rusia”. Esta entidade remitira previamente un dossier á escola, analizando a vida privada e actividade social da docente. Incluíanse datos sobre a súa orientación sexual.
Neste informe recollíanse extractos das súas redes sociais, listas de amizades e fotos onde se vía que a persoa traballadora estaba de festa ou bicando a algunha persoa do seu mesmo sexo.
A mestra é convidada a dimitir do seu posto, ao que ela se nega.
O 8 de decembro do 2014 remite unha carta á Dirección do Centro indicando que nunca se denunciou ningunha incidencia sobre a súa vida privada ou orientación sexual, nin polo alumnado nin por pais ou nais da Escola; que non “promovera” ningunha orientación sexual; e que os ataques por parte da asociación e doutros actores sociais traían causa única e exclusivamente pola súa orientación sexual.
A escola prescindiu dos seus servizos no mesmo día, argumentando que a súa actuación fóra da escola era inmoral e incompatíbel coa ensinanza nese centro. A favor deste despedimento posicionáronse 12 pais e nais, argumentando un posíbel impacto negativo nas crianzas.
Argumentos das partes
A persoa traballadora acudiu aos tribunais indicando que as denuncias contra dela carecían de fundamento, pois a única razón pola que era reprobada era pola súa orientación sexual; orientación que nin sequera amosara de maneira pública na escola. Amais, en ningún momento se fixo proba de comportamentos indecorosos ou, nos termos empregados polas persoas denunciantes: inmorais.
Estas acusacións, refería, tiñan relación non só coa súa vida privada, senón tamén coa do seu círculo íntimo, lesionándose os dereitos tamén destas persoas, dado que o dossier entregado á escola fora confeccionado só após obter datos restrinxidos con respecto aos cales non existía autorización para amosar.
A defensa da escola baseouse en acusala de inmoral ao “exhibir” a súa orientación sexual e aportando como proba gravacións nas que se lle vía “tocando cancións de lesbianas”.
En abril de 2015, a Corte do Distrito Kirovskiy de San Petesburgo desestimou as pretensións da demandante validando a argumentación do centro escolar: os seus actos debían ser catalogados de inmorais e inaceptábeis para unha persoa que se dedica á educación de crianzas.
A traballadora recorreu entón a decisión, mais a Corte de Apelación rexeitou novamente o seu recurso. Recoñece esta Corte que malia que no Ordenamento Xurídico ruso non aparece ningunha mención ao que se considera “inmoral”, as fotos tomadas á docente revelan unha conduta indecente e impropia dunha profesora.
A última oportunidade que tiña a traballadora de recorrer era mediante un recurso de casación perante a Corte Suprema da Rusia, mais ao ser desestimado decidiu solicitar amparo ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.
A traballadora considera que se vulneraron os artigos 8 e 141 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos, referidos á protección da intimidade. A única atribución dunha conduta inmoral vén por mor da súa orientación sexual, xa que as acusacións proveñen dunhas fotos nas que, entre outras, saía bicándose coa súa moza, sen que existise un ápice de obscenidade.
Entende que se produciu unha discriminación pola súa orientación sexual, coma se esta “fose perigosa e prexudicial para as crianzas”, xustificando desta maneira o seu despedimento.
O Goberno ruso, manifesta á súa vez que o despedimento foi decidido tendo en conta a conduta “inmoral” que tivo, e que non tiña esta cesación na prestación de servizos nada que ver coa súa orientación sexual, senón só coas fotos e o seu contido.
O Goberno entende que a persoa debería ter uns principios morais e éticos que se desprenden da propia profesión docente, e que debería coñecer as consecuencias de subir esas imaxes aínda que fose nun perfil privado. Considera que os tribunais rusos foron imparciais e xustos nas súas decisións.
Decisión do Tribunal
O TEDH fica sorprendido da actitude do Goberno ruso, pois aínda que este mantén que a decisión da escola non tiña orixe nunha discriminación por orientación sexual, os únicos argumentos que esgrimía era a falta de moralidade da persoa traballadora, relacionándoo coa conduta vista nas fotos e nas súas redes sociais onde amosaba actitudes de afecto coa súa parella, unha muller.
Entende que a decisión fulminante de extinguir o seu contrato foi desproporcionada pois, con carácter previo a este episodio, a conduta profesional da traballadora fora, en todo momento, impecábel.
Vincula o seu despedimento directamente coa súa orientación sexual, alegando que todas as probas existentes no caso apuntan a este vínculo causa-efecto.
Rexeita a argumentación do Goberno ruso, por encontrala ilóxica e carente de sentido. Por iso, o Tribunal afirma que se violaron os artigos 8 e 14 do Convenio, e afirma que a expresión da sexualidade, con independencia da orientación sexual, non pode ser declarada como algo inmoral e incompatíbel co traballo.
Non pode impedirse ás persoas, dirá o TEDH, que se absteñan de expresar a súa orientación sexual pois este é un elemento protexido polo artigo 8 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos.
Así mesmo, refire, “postear” en redes sociais mostras de afecto coas persoas coas que se manteñen vínculos de amizade ou románticos é práctica común nestes medios.
Indicará expresamente: “a reacción hostil das autoridades neste caso foi, sen ningunha dúbida, movida pola falta de aceptación da súa sexualidade e, por tanto, é evidentemente discriminatoria”.
1. En concreto, referidos á vida privada e familiar (art. 8) e á non discriminación (art. 14).