Feitos
O señor Maruko estaba afiliado ao Versorgungsanstalt der deutschen Bühnen (en adiante, VddB), unha caixa de pensións de seguridade social para as persoas traballadoras dos teatros alemáns. Entre estas prestacións incluíanse as pensións de viuvez.
Tadeo Maruko estaba inscrito nun rexistro de unións de feito coa súa parella, outro home, que tamén estaba afiliado ao VddB por estar traballando como deseñador de vestiario. A parella falece no ano 2005.
Cando Tadeo Maruko solicita a pensión de viuvez, o VddB denega a súa petición porque consideraba que as parellas de feito non tiñan dereito a obter unha prestación dese tipo.
O señor Maruko recorreu a decisión perante a Corte Administrativa Bávara, quen deicidiu plantexar as seguintes cuestións prexudiciais ao TXUE:
- “Constitúe un réxime de previsión profesional obrigatorio -como o que se xestiona no presente asunto- un réxime asimilado a un público no sentido do artigo 3, apartado 3, da Directiva 2000/78 […]?
- O concepto de remuneración do artigo 3, apartado 1, letra c), da Directiva 2000/78 […] comprende prestacións de supervivencia como a pensión de viuvez a cargo dunha entidade de previsión profesional obrigatoria?
- Opónse o artigo 1, en relación co artigo 2, apartado 2, letra a) da Directiva 2000/78, […] ás disposicións estatutarias dun réxime complementario de previsión […] a cuxo tenor un membro dunha parella inscrita, tras falecer o seu compañeiro, non ten dereito a percibir unha pensión de supervivencia tal e como correspondería a un cónxuxe, a pesar de que mantiveran unha unión, formalizada para toda a vida, con obrigas de asistencia e de protección, similar ao matrimonio?
- En caso de resposta afirmativa ás cuestións anteriores, é admisíbel unha discriminación por motivos de orientación sexual baseada no vixésimo segundo considerando da Directiva 2000/78 […]?
- Quedaría limitada a pensión de supervivencia pola xurisprudencia barber [antes citada] a períodos posteriores ao 17 de maio de 1990?”
Argumentos das partes
O señor Maruko considera que a denegación polo VddB de outorgarlle unha pensión de viuvez é unha discriminación baseada na orientación sexual.
O VddB alega que a prestación obxecto do litixio non se encadra dentro da Directiva 2000/78/CE1, que regula o marco xeral para a igualdade no emprego e na ocupación, porque non coincide co termo “remuneración” que esta mesma regula. Alega que a pensión de supervivencia non está ligada ao emprego, senón a outras continxencias de seguridade social.
As prestacións de seguridade social e as relativas ao estado civil das persoas estarían, en principio, excluídas do ámbito de aplicación da Directiva; por iso, o VddB argumenta que a Directiva non é aplicábel á pensión de viuvez.
Porén, a Comisión Europea non o ve así, pois esa prestación deriva das aportacións que se efectúan durante o tempo que están cotizando os seus afiliados para a caixa de pensións. Considera que esa prestación entra dentro do termo “retribución” porque se acha dentro da relación laboral entre a persoa traballadora e o seu empresario, en contra da opinión do VddB.
Alén diso, tanto a Comisión como o señor Maruko argumentan que o lexislador comunitario non quixo eliminar todas as prestacións relacionadas co estado civil xa que, de ser así, tería que haber algún artigo que o prohibise expresamente.
Decisión do Tribunal
O Tribunal afirma que a pensión de supervivencia obtida de maneira privada (isto é, mediante un plan de pensións de empresa) está amparada pola Directiva, con independencia de que esta prestación non se lle dea directamente á persoa traballadora, senón ao supervivinte.
Razoa que a prestación correspóndelle ao supervivinte polo vínculo laboral que unía ao falecido co seu empregador.
Hai que resaltar que o réxime público de prestacións de seguridade social na Alemaña existe á marxe doutros sistemas de previsión que actúan como complementarios, como é o caso das prestacións do VddB.
O réxime de previsión complementario do VddB é de carácter obrigatorio, e nútrese das aportacións das persoas traballadoras afiliadas a este. O Avogado Xeral do TXUE sinala que, para poder percibir a prestación, non só ten que estar afiliado e traballando o defunto, senón tamén o seu cónxuxe.
O Tribunal desvirtúa o argumento do VddB que sostiña que a Directiva non se podía aplicar a prestacións públicas de seguridade social, aínda que o VddB sexa un organismo de carácter público, xa que ficou acreditada a relación laboral que ligaba ao falecido co empregador e que se erixía como requisito para poder determinar esta prestación como “remuneración”.
Ademais, aínda que o Tribunal recoñece que o estado civil e as prestacións que derivan deste están reguladas polos Estados membros, apunta que esta normativa non pode vulnerar a prohibición de discriminación establecida polo Dereito comunitario.
O TXUE acredita que o lexislador alemán situou ás parellas de feito e aos matrimonios nunha situación comparábel, tal e como llo fixo saber o xuíz alemán; porén, os estatutos do VddB néganlle a pensión de viuvez aos sobrevivintes inscritos como parella de feito, facendo que estas teñan un trato máis desfavorábel.
Dado que os estatutos do VddB non permiten outorgar unha prestación ao membro supérstite da relación de parella unha pensión de viuvez, cando na súa maioría son parellas do mesmo sexo, o Tribunal considera que se trata dunha normativa discriminatoria que vulnera o dereito á orientación sexual consagrado na Directiva 2000/78/CE.
Esta sentenza contribuiu a recoñecer, no ámbito da Unión Europea, prestacións por viuvez á parella sobrevivinte das unións non matrimoniais. A denegación dunha pensión de supervivencia á parella sobrevivinte era indisociábel dunha discriminación por orientación sexual, dado que as parellas de feito estaban constituídas en grande medida por parellas do mesmo sexo porque tiñan prohibido unirse mediante o matrimonio.