• Inicio
  • Sentenzas
  • Sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do 23 de abril de 2020, Asunto C-507_18 (NH_Associazione AVVocatura per i diritti LGTBI, Rete Lenford)

Sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do 23 de abril de 2020, Asunto C-507_18 (NH_Associazione AVVocatura per i diritti LGTBI, Rete Lenford)

Resumo da resolución

Supón unha discriminación cara o colectivo LGBTIQA+ a manifestación, feita nun medio de comunicación, por parte dun empresario indicando que nunca contrataría na súa organización a unha persoa do colectivo.

Indica o TXUE, ademais, que non existe obstáculo no Dereito Europeo para que unha asociación da avogacía defenda os intereses do colectivo mesmo se non existise unha vítima concreta e identificábel.

Feitos

Durante unha entrevista nun programa de radio, o avogado italiano NH manifestou que nunca contrataría no seu bufete a persoas pertencentes ao colectivo LGBTIQA+.

Dado que o Dereito italiano recolle a lexitimación activa para demandar a organizacións sindicais, asociacións e organizacións representativas do dereito ou interese que se lesione ou vulnere, a asociación da avogacía Associazione Avvocatura per i diritti LGTBI – Rete Lenford demandou a NH perante os Xulgados de Bérgamo por discriminación no acceso ao emprego.

O Tribunal deulle a razón á parte demandante, e non só iso, senón que obrigou a NH a pagar unha indemnización por danos e prexuízos e a publicar unha rectificación nun xornal nacional.

NH recorreu esta decisión perante a Corte de apelación de Brescia, quen desestimou o recurso. Tras este fracaso, presentou un recurso de casación perante a Corte suprema di cassazione argumentando que a asociación non tiña lexitimación para demandar. Engadiu que as declaracións controvertidas non foran feitas desde a súa posición de empregador, senón que se trataba simplemente da opinión vertida por unha persoa nun ámbito alleo ao traballo.

A Corte suprema formula ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea as seguintes cuestións:

  1. Debe interpretarse o artigo 9 da Directiva 2000/781 no sentido de que unha asociación composta por avogados especializados na representación e defensa ante os tribunais dunha categoría de persoas de orientación sexual diversa e nos estatutos da cal se prevé o obxectivo de promover a cultura e o respecto dos dereitos desta categoría pasa automaticamente a ser titular dun interese colectivo e asociación sen ánimo de lucro con lexitimación activa para interpoñer accións xudiciais, mesmo cunha pretensión indemnizatoria, ante feitos que se consideran discriminatorios contra esta categoría?
  2. Está comprendida no ámbito de aplicación das normas de protección contra a discriminación establecidas pola Directiva 2000/78, á luz da interpretación exacta dos seus artigos 2 e 3, unha declaración na que se manifesta unha opinión contraria ao colectivo homosexual, mediante a cal, nunha entrevista mantida durante un programa radiofónico de entretemento, o entrevistado declarou que nunca contrataría nin recorrería aos servizos destas persoas no seu bufete, aínda que non tivese entón en marcha nin programado proceso algún de selección de persoal?

 

Malia que os estatutos da Associazione recollían a defensa e respecto das persoas LGBTIQA+, e que o Dereito italiano contemplaba a posibilidade de demandar, a Corte italiana mantiña dúbidas sobre a súa lexitimación neste caso, ao non estar segura de que estes dous elementos mencionados fosen abonda para solicitar unha indemnización por un dano directo.

Ademais, a Corte italiana manifesta dúbidas en canto a posibilidade de aplicar a Directiva 2000/78 a situacións nas que nin sequera está en marcha un proceso de selección de persoal e/ou non existe ningunha oferta formal de emprego.

Decisión do Tribunal

O Tribunal de Xustiza da UE comeza pola segunda pregunta, e chega á conclusión de que as condicións de acceso ao emprego e o exercicio profesional, termos que recolle a Directiva, non poden definirse de maneira tan restritiva que non permita englobar declaracións feitas por alguén, aínda que non existan ofertas concretas de emprego ou un proceso de selección.

O único que esixe o Tribunal é que o manifestado teña un nexo directo coa política de contratación que utilice esa empresa, nexo que debe ser apreciado polo xuíz nacional. Así, o necesario é que teña a suficiente influencia para determinar as candidaturas válidas nun proceso de selección.

Dado que a Directiva persegue a eliminación de calquera forma de discriminación, a Avogada Xeral argumenta que as expresións discriminatorias, sempre que se fagan nun contexto laboral (en concreto, en materia de emprego e ocupación) poden mesmo disuadir ás posíbeis persoas aspirantes ao emprego.

Polo tanto, o Tribunal si considera que as declaracións vertidas por NH están comprendidas nos conceptos de materia de emprego e ocupación, polo que sería de aplicación a Directiva 2000/78; podendo ser analizado o seu carácter discriminador polo órgano xudicial nacional de que se trate.

Canto á primeira cuestión prexudicial (se a asociación da avogacía ten lexitimidade para reclamar, sen que exista unha vítima concreta e identificábel), o TXUE refire que a Directiva non obriga, mas tampouco impide, que os Estados membros outorguen ás asociacións a capacidade de defender a un colectivo de persoas que foi discriminado polas causas recollidas na Directiva. É máis: incluso se permite que os Estados adicionen disposicións máis favorábeis ás contidas nela.

Polo anterior, o Tribunal establece que a Directiva non se opón a que o Estado italiano, ou ningún outro, permita a unha asociación de avogados que defende persoas LGBTIQA+ nos Tribunais, promovendo a cultura e respecto dos dereitos deste colectivo, con independencia de se houber ánimo de lucro ou non, teña lexitimación activa para poder amparar a colectivos discriminados por esta causa, cando non haxa unha persoa prexudicada identificábel.

En definitiva, as declaracións realizadas no medio de comunicación si poden ser consideradas, en termos xerais, como discriminatorias no acceso ao emprego; e a acción levada a cabo pola asociación da avogacía non foi contraria ao Dereito Europeo e podería ser considerada válida á luz do Dereito italiano.

 

1. Trátase da Directiva 2000/78/CE do Consello, de 27 de novembro de 2000, relativa ao establecemento dun marco xeral para a igualdade de trato no emprego e a ocupación.