Resumo da resolución
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia recoñece que o despedimento dunha traballadora dun medio de comunicación tivo lugar cunha dobre motivación discriminadora: por unha banda polo seu pensamento político e, por outra, pola súa orientación sexual.
O despedimento é considerado nulo, obrigándose á empresa á indemnización correspondente, así como a pagar unha indemnización por vulneración dos Dereitos Fundamentais da xornalista
Feitos
A demandante prestaba servizos nun medio de comunicación, como redactora a tempo indefinido e a xornada completa.
No ano 2004 pide unha excedencia forzosa para poder exercer un cargo político, feito que era coñecido pola Dirección do medio e pola súa Xefatura directa. É tamén relevante ao caso mencionar que, no ano 2005, contrae matrimonio cunha muller.
Despois das Eleccións Locais do ano 2007, solicita a súa reincorporación ao seu posto de traballo.
Aínda que no inicio non tivo problemas (a Xefatura mesmo lle permite escoller o posto concreto de destino), uns días máis tarde recibe unha chamada indicándolle que non sería posíbel atender á súa petición.
O día sinalado para a reincorporación, o Director faille entrega dunha carta de despedimento á recorrente e comunícalle a intención de non readmitila.
A xornalista, demandou ao medio por despedimento disciplinario nulo diante do Xulgado do Social de Santiago de Compostela, por entender que as motivacións da empresa foron a súa posición política e a súa orientación sexual. Este Xulgado estimou parcialmente a súa demanda.
Contra esta sentenza recorreron tanto a parte demandante coma a parte demandada.
Argumentos das partes
A empresa recoñece que, malia que sabían que ía desempeñar un cargo político, actualmente non pensaban que fora así, polo que non estaría formalmente en situación de excedencia forzosa.
Ademais, tamén cren que a solicitude de reingreso debía ter sido posterior ao cesamento do cargo. Aluden a que a xornalista solicitou a volta ao posto antes de ser cesada.
O medio argumentou que a vista celebrada en lingua galega supuxo unha situación de indefensión, sumando outro argumento en contra da sentenza de instancia; porén, esta afirmación é rexeitada plenamente debido a que no momento do xuízo non se expresara ningunha obxección con que se celebrase en galego.
O medio nega que o despedimento tivese por móbil a posición política ou a orientación sexual da traballadora. Indican que realmente se produciu unha amortización do posto (xa non era necesario), pois o resto do cadro de persoal fora asumindo as súas funcións propias durante o tempo de excedencia.
A persoa traballadora insiste na segunda instancia en que a decisión empresarial foi tomada por motivos discriminatorios, tanto de afiliación política como por lesbofobia. Achegou probas nas que se comprobaba que outras persoas traballadoras foran readmitidas tras unha excedencia forzosa ao exercer un cargo nun partido político máis afín aos idearios do medio.
Alén disto, a circunstancia de que casara cunha muller fora comentada na empresa, incluso no comité intercentros. O medio, sostiña a traballadora, actuaba mediante un determinado ideario que tiña como piar fundamental a defensa da institución do matrimonio, da familia e a sexualidade exclusivamente heterosexual e tradicional.
Decisión do Tribunal
O Tribunal rexeita os argumentos manifestados pola empresa.
Comeza indicando que a afirmación de que a xornalista solicitou a reincorporación antes do seu cesamento non se sustenta, porque a actora non solicitou un reingreso, senón unha reincorporación e o convenio colectivo aplicábel non prohibía a solicitude de reincorporación previa ao cesamento.
Por este motivo, o Tribunal recoñece que o de despedimento disciplinario foi o camiño procesual correcto, pois a empresa incumpriu o seu deber de dar ocupación efectiva á traballadora. Isto é, que non houbo un defecto formal na presentación da demanda inicial.
Alén da reflexión mencionada e atendendo á alegación de discriminación, o Tribunal considera que fica acreditado o móbil discriminatorio cara a profesional, tanto polo seu pensamento político como pola súa orientación sexual, posto que dos datos e probas achegados ao proceso era evidente que existiu unha diferenza de tratamento desfavorábel contra dela.
Nin houbo amortización da praza, nin houbo unha petición extemporánea de ingreso, nin tampouco quedou acreditado que a empresa tivera perdas económicas que sustentasen a desaparición da praza e a non readmisión da actora.
Deste xeito, o Tribunal desestima o recurso de suplicación formulado pola empresa e mantén íntegro o fallo de sentenza de instancia que declara o despedimento nulo e condénaa a abonar unha indemnización á persoa traballadora por vulneración de dereitos fundamentais.