Resumo da resolución
O Tribunal de Estrasburgo determina que o “pacto de convivencia” grego é contrario ao Dereito da Unión, por conculcar os artigos 14 e 8 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos.
En concreto por se tratar dunha unión non matrimonial vetada, na súa orixe, ás parellas formadas por persoas coa mesma identidade sexual, que non podían acollerse aos seus efectos económicos e patrimoniais; e tampouco ao réxime en materia de Familia.
Feitos
No ano 2008, entra en vigor en Grecia unha norma xurídica que regula o que foi coñecido como “pacto de convivencia”. Esta iniciativa establecía por primeira vez as unións de feito no país, ligando efectos con relación ao nome e apelidos da parella, así como implicacións patrimoniais e de corte económico; afectando a prestacións relacionadas coa Seguridade Social. Porén, este réxime legal estaba limitado unicamente a parellas heterosexuais.
Contra esta lei postuláronse Gregoris Vallianatos e Nikolaos Mylonas, ademais doutras seis persoas gregas e unha asociación en defensa dos dereitos LGBTIQA+ do país.
Argumentos das partes
A parte demandante procura a declaración de discriminación pola vulneración dos artigos 14 e 8 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos, xa que a lei promulgada polo Goberno heleno impedía que as persoas homosexuais puideran formar parellas de feito.
O Goberno grego, pola súa parte, indica que unha das finalidades da norma era permitir a nais e pais exercer a patria potestade de maneira equitativa, sen necesidade de ulterior matrimonio, liberando “ás parellas da obriga de contraer matrimonio tras un embarazo por temor a non poder manter doutro modo a relación desexada co seu fillo”. Polo tanto, o obxectivo do lexislador grego non era articular un sistema que regulase as distintas modalidades de familia, senón dotar de protección á descendencia nacida fora do matrimonio.
Considera, ademais, que todas as disposicións que contén a lei, como é o réxime patrimonial do vínculo, Seguridade Social, pensión de alimentos e cuestións sucesorias, poden ser realizadas, a través doutras institucións xurídicas, á marxe deste “pacto de convivencia”.
A parte demandante discrepa deste último punto, ao considerar que a arquitectura xurídica para conseguiren o mesmo efecto sería potencialmente ilícita (a Notaría non podería, no caso grego, promover a busca dun resultado non permitido na Lei sen incorrer en eventuais sancións disciplinares).
Decisión do Tribunal
O Tribunal xa detecta no primeiro artigo da lei unha discriminación das persoas do mesmo sexo, entendendo que se produce un tratamento diferenciado e comparativamente menos vantaxoso sobre a base da súa orientación sexual.
Sinala que a capacidade de comprometerse, vivir xuntos e manter relacións estábeis é idéntica en parellas homosexuais ou heterosexuais. Considera, ademais, que a forma de convivencia distinta ao matrimonio ten un valor propio, alén dos efectos xurídicos derivados da mesma. Este valor é, por tanto, independente da orientación sexual das persoas.
Recoñece que o lexislador ten potestade para regular, acorde aos costumes e tradición da sociedade grega, a situación das crianzas nacidas dentro ou fóra do matrimonio, e que a protección da familia podería xustificar unha diferenciación de trato. Porén, esta protección é de carácter abstracto, e pódese conseguir de múltiples maneiras, mais sempre respectando a evolución e mudanzas que acontecen no seo da sociedade.
Deste xeito, o Tribunal non impide ao Goberno de Grecia regular a situación das crianzas nadas fóra do matrimonio, pero, tendo en conta que o “pacto de convivencia” heleno tamén regulaba a unión de persoas nun réxime distinto ao matrimonio, determina que o Executivo grego ten vulnerado o artigo 14 do CEDH. En concreto por conculcar a prohibición de discriminación que xera a conxunción co artigo 8, que fala, como vemos en moitas das sentenzas comentadas, do dereito ao respecto da vida privada e familiar.
Conclúe que houbo unha discriminación por razón da orientación sexual e que, ademais, a autoridade estatal articulou unha medida que non está fundamentada en ningunha das posíbeis finalidades que podían tela xustificado lexitimamente1.
1. Entre outras: a seguridade nacional, o benestar económico, a orde do país, a prevención das infraccións penais, a protección da saúde ou moral ou a protección dos dereitos e das liberdades das persoas