• Inicio
  • Sentenzas
  • Sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos do 15 de xaneiro de 2013 (Eweida e outros c. Reino Unido)

Sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos do 15 de xaneiro de 2013 (Eweida e outros c. Reino Unido)

Resumo da resolución

O TEDH defende que o despedimento de dúas persoas que, polo seu credo relixioso, se negaban a prestar servizo a persoas do mesmo sexo, non supón unha vulneración do Dereito Europeo, nin unha discriminación por razón de liberdade relixiosa.

 Indica que os Estados teñen marxe á hora de regular posíbeis intereses contrapostos e que os despedimentos, nestes casos, procuraban un entorno libre de discriminación por razón de orientación sexual.

Feitos

Neste asunto, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ten varias partes demandantes (acumula catro demandas diferentes nunha soa sentenza). Nós imos centrarnos na terceira e na cuarta demandas, a da Señora Ladele e a do Señor McFarlane.

A Señora Ladele, quen pertencía á relixión cristiá ortodoxa, cuestionaba a unión entre parellas do mesmo sexo, chegando a afirmar que é contraria á Lei de Deus. Ela traballaba como funcionaria no equivalente ao Rexistro Civil no municipio de Islington, un dos distritos de Londres.

Tras a entrada en vigor da Lei británica de “parellas civís” do ano 2004, que equiparaba estas parellas ás unións matrimoniais, o rexistro no que traballaba a Señora Ladele pasou a se dedicar tamén á inscrición destas parellas.

Dado que as crenzas relixiosas da traballadora influían nesta nova tarefa, impedíndolle oficiar cerimonias de parellas do mesmo sexo, o ambiente de traballo foi de mal en peor: as demais persoas traballadoras do rexistro debían ocuparse de oficiar estas unións, incrementándose significativamente as súas cargas de traballo.

Despois de lle ofrecer en varias ocasións e sen éxito outras tarefas que non implicasen oficiar cerimonias, ábrese un expediente disciplinario contra a Señora Ladele. Esta, pola súa banda, inicia unha demanda perante o Tribunal Laboral en base a unha discriminación por razóns relixiosas e de crenzas, así como por un posíbel acoso laboral.

A sentenza de primeira instancia estima e dá a razón á Señora Ladele, co que o municipio de Islington recorreu esta decisión perante o Tribunal de Apelación Laboral. Este órgano de segunda instancia ditou sentenza en contra da posición da traballadora, argumentando que as medidas que tomara a autoridade local eran proporcionadas para atinxir un obxectivo lexítimo: o de proporcionar o servizo sen ningunha discriminación para a cidadanía.

A resolución foi recorrida, á súa vez, perante o Tribunal de Apelación, quen confirmou a sentenza do Tribunal de Apelación Laboral, ao considerar que, dentro do exercicio da función pública, a traballadora debía realizar as tarefas que lle eran encomendadas pola Administración. Dado que a non aceptación das parellas do mesmo sexo non eran parte esencial do conxunto de crenzas da súa relixión e que o seu traballo non lle impedía seguir crendo nelas, o Tribunal estimou favorabelmente a demanda da Corporación Local.

Pola súa parte, o Señor McFarlane, tamén cristián ortodoxo, defensor dunha determinada interpretación dalgún dos versículos da Biblia e contrario á homosexualidade, comezou a traballar para Retale Avon, unha entidade privada que fornecía servizos de asesoramento sexual a parellas.

Tanto o municipio de Islington como Retale Avon tiñan códigos de ética e principios asumidos sobre non discriminación.

Aínda que ao principio o Señor McFarlane amosaba reticencias a prestar asesoramento, tras unha conversa co seu supervisor, atendeu a dúas mulleres lesbianas sen problema ningún, xa que non implicaba a aceptación dese tipo de relacións e non tiña por que asesorar en materia estritamente sexual.

Tempo despois, e tras obter unha diplomatura en materia psico-sexual, o Señor McFarlane expuxo ao seu xerente, o Señor B, que non estaba preparado para asesorar sobre prácticas sexuais a parellas do mesmo sexo. O Señor B fíxolle entender que iso podería vulnerar a política anti-discriminatoria que levaba a empresa, polo que o Señor McFarlane decidiu levar todos os casos, aínda que fosen de persoas do mesmo sexo.

Porén, tras varias comunicacións co Señor McFarlane dado que a súa aceptación era máis de palabra ca de obra, o Señor B decidiu prescindir dos servizos do traballador. Este recorreu perante o Tribunal Laboral, quen considerou que non recibira un trato discriminatorio en base a motivos relixiosos. O órgano indica que a prestación de servizos de asesoramento que realizaba a empresa estaba dirixida a calquera persoa, sen distinción de ningunha  sobre a base da orientación sexual, algo que era totalmente lexítimo e coñecido polo traballador, de antemán.

Despois de recorrer perante o Tribunal de Apelación Laboral, o Señor McFarlane volveu atopar con outro rexeitamento, polo seu actuar en contra de todos os principios da empresa.

Xunto coa Señora Ladele, ambos viron desestimadas as súas solicitudes de apelación ao Tribunal de Apelación contra a decisión do Tribunal de Apelación Laboral, polo que decidiron acudir ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

Argumentos das partes

O Goberno do Reino Unido defendeu que opoñerse á homosexualidade non formaba unha crenza ou práctica dunha relixión concreta. Ademais, argumentou que a decisión das empresas de despedir aos empregados foi proporcional co seu obxectivo, e que tiña unha finalidade lexítima.

A Señora Ladele aduciu que o seu despedimento fora motivado por motivos relixiosos. Expuxo que houbo unha falta de consideración por parte da empresa cara os seus sentimentos relixiosos ao non admitir unha diferenza de tratamento con respecto ás restantes persoas empregadas do rexistro.

Non cre que o seu despedimento fose proporcionado, posto que considera que  Islington tería que ter previsto a obxección de conciencia ao rexistro de parellas do mesmo sexo e, por tanto, foi culpa da Autoridade Local non garantir unha prestación de servizos que non discriminara nin ás persoas cristiás ortodoxas nin ás persoas homosexuais.

O Señor McFarlane tamén considerou desproporcionada a extinción disciplinaria da súa relación laboral coa empresa, posto que para el é desmedido que unha persoa perda a súa reputación profesional por e para protexer os dereitos das persoas homosexuais.

Decisión do Tribunal

Con respecto á Señora Ladele, o Tribunal asume que a súa oposición a unir e rexistrar parellas do mesmo sexo pode ter relación directa coas súas crenzas relixiosas. Agora ben, aínda que considera precipitada a decisión do Municipio de obrigar a que todo o persoal funcionario rexistrador de matrimonios fose tamén rexistrador de unións civís, afirma que non houbo unha desproporción por parte da autoridade local ao despedir á Señora Ladele, posto que as autoridades nacionais contan con marxe de apreciación á hora de ponderar intereses contrapostos. Neste caso, a protección contra a discriminación das persoas usuarias do rexistro triunfou na ponderación e contrapeso de intereses en xogo.

En relación ao Señor McFarlane, o TEDH lémbralle que se adheriu, por propia vontade, á formación en terapia psico-sexual ofrecida pola empresa, con coñecemento previo da política de igualdade e non discriminación por orientación sexual que aplicaba a mesma. Recollendo o mesmo argumento empregado á Señora Ladele, indica o Tribunal que os Estados contan con ampla marxe de apreciación para tentar equilibrar situacións nas que pode haber unha colisión entre dereitos, e defender as medidas antidiscriminatorias por parte da empresa non supuxo un exceso na decisión da empregadora de despedir ao Señor McFarlane.

Conclúe que, nos dous casos, as resolucións dos Tribunais nacionais non supuxeron unha vulneración do Dereito Europeo.