Resumo da resolución
O Tribunal Superior de Xustiza do Principado de Asturias ampara a un traballador que foi despedido pola súa orientación sexual. Recibía acoso laboral e hostilidade tanto doutras persoas do cadro de persoal como da clientela do centro deportivo onde traballaba.
O TSX emenda á Primeira Instancia, e considera o despedimento como nulo, por existir indicios de vulneración dos Dereitos Fundamentais deste monitor deportivo.
Feitos
O actor prestaba servizos para un ximnasio, traballando como monitor. Durante o tempo que estivo nesta relación laboral, recibiu comentarios e foi vítima de actos homófobos.
Nunha ocasión, foi inquerido por unha traballadora da limpeza do centro deportivo, que cuestionaba se o estado de forma do traballador (aparentemente moi delgado) se debía a “padecer SIDA”. Noutro momento, á hora de se inscribir para cea de Nadal da empresa, unha persoa adicionou a letra “a” a “monitor” ficando “monitora”, na lista onde constaba o seu nome.
Cando a empresa foi totalmente consciente da orientación sexual do demandante, esta aludiu a supostas queixas das persoas usuaruas do ximnasio (cuxo único fundamento era a súa orientación sexual). Pouco despois, mencionando estas supostas queixas, o traballador foi despedido.
A consecuencia deste despedimento, o traballador acode ao Xulgado do Social, que declarou o seu despedimento como improcedente, e non nulo, pois considerou que neste caso só se verificou unha fundamentación insuficiente na carta de despedimento; sen apreciar lesión de Dereitos Fundamentais.
Tras esta resolución, o actor decide presenta recurso contra desta decisión perante o Tribunal Superior de Xustiza de Asturias.
Argumentos das partes
O demandante solicita que o seu despedimento se declare nulo, xa que este se atopaba motivado única e exclusivamente pola súa orientación sexual. Alega que, dende que na empresa se tivo coñecemento desta circunstancia, “vivira un calvario”, o que fixo que comezase a ter numerosos problemas de saúde mental, na forma de cadros de ansiedade e depresión.
Sinala que a empresa non aportou nin unha soa proba que sustentase que o despedimento non respondeu a un móbil discriminatorio: tiña na súa man alegar queixas de compañeiros ou clientes do ximnasio, mais realmente non aportou nada disto en sede xudicial.
Segundo a empresa, o motivo do despedimento nada tivo que ver coa súa orientación, polo que solicitou que se confirmase a sentenza de instancia.
Decisión do Tribunal
O Tribunal desbota a argumentación do Xulgado de instancia, que non vía que o despedimento tivese por móbil a orientación sexual do traballador. Considera que existen indicios suficientes como para acreditar que a empresa era coñecedora de que o actor era
homosexual, e que o despedimento foi motivado por esta causa.
Tamén lle dá a razón ao demandante canto aos padecementos que tivo que soportar unha vez a empresa foi coñecedora da súa orientación sexual. Xa non só outras persoas do cadro de persoal, senón tamén de parte da clientela do ximnasio. Unhas e outras persoas amosaron actitudes discriminatorias contra el, sen que a empresa o impedise, o que supuxo que o actor tivese que solicitar a baixa laboral.
Dado o mal clima laboral polos insultos, humillacións e queixas que recibía o demandante, o Tribunal considera que o despedimento desta persoa traballadora carecía de fundamento máis aló da súa orientación sexual. O Tribunal Superior pois rectifica a sentenza de instancia e declara o despedimento deste traballador como nulo, por vulneración de Dereitos Fundamentais.