• Inicio
  • Sentenzas
  • Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña 6640/2024

Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña 6640/2024

Resumo da resolución

O TSX de Catalunya confirma o despedimento dun docente que acosara a unha parte importante do seu alumnado e, ademais, proferira insultos e comentarios homófobos cara algunhas das súas alumnas.

Non só non existiu indefensión no procedemento de investigación do Centro de Ensino, senón que existiron “contraindicios” dun comportamento inadmisíbel e reprobábel por parte do traballador.

Sinala tamén o TSX que o dereito á honra das persoas agresoras só as protexe se se proferiron contra elas expresións, mensaxes ou informacións inxuriosas. Pero non no caso contrario.

Feitos

O traballador prestaba servizos na entidade “Blanquerna Tecnologia i Serveis, S.L”, adicada ás ciencias da Educación, á Comunicación, á Saúde, e á promoción e desenvolvemento de traballos de investigación científica. O posto deste traballador era como docente.

Durante o ano 2022 foi sancionado, entre outros moitos motivos, por acoso sexual, denunciado por unha das súas alumnas. Non se considerou probado este acoso, pero si unha “falta de respeto” do profesor á alumna.

Na volta ás aulas, un grupo de alumnado se manifestou en contra da súa volta, aparecendo e sendo denunciandos novos episodios de acoso sexual. Adicionalmente, unha das súas alumnas expresa que o traballador, vía e-mail, realizou actos de discriminación contra dela pola súa orientación sexual, proferíndolle insultos e descualificacións directas por esta causa. Os comentarios realizáronse tamén presencialmente en horario de aulas.

Non foi só a esta alumna a quen o traballador realizou estes comentarios, insinuacións e vexacións.

No mes de maio de 2023 o traballador é despedido, por ter creado un entorno “intimidatorio, degradante, humillante, ofensivo e molesto” para o alumnado, realizándose comentarios, mesmo nas redes sociais do alumnado (que o profesor exixía coñecer), que nada tiñan que ver cunha finalidade docente.

O traballador recurre esta decisión ao Xulgado de Primeira Instancia, que confirma o despedimento e desestima a petición, polo que o docente acode ao TSX.

Argumentos das partes

Vai interpor unha serie de motivos formais, relacionados co prazo e coa admisión de proba que van a ser desbotados polo Tribunal Superior.

Sinala ademais que no protocolo por acoso e discriminación (lgtbi-fóbica) que abreu o Centro de Ensino acabaron por se lesionar os seus dereitos de defensa, pois non se lle facilitaron copias escritas das denuncias. Cuestiona tamén a imparcialidade da investigación polo modo en que se realizaron as preguntas. Cre que este “como” instruír provocou que non fose posíbel coñecer cabalmente e de xeito completo as acusacións. Cualifica de “aberración xurídica” os trámites seguidos.

Tamén pide a nulidade das actuacións por suposta lesión do dereito á honra, debido á repercusión mediática que o caso tivo, após as protestas do alumnado.

Decisión do Tribunal

Á alegación de indefensión durante a investigación no Centro de Ensino o Tribunal vai opor que o protocolo iniciado non buscaba só analizar o caso dende o punto de vista laboral, senón amparando a toda a comunidade universitaria, e alén do plano só de traballo. É por isto que un suposto déficit probatorio nese protocolo, non pode obstar a colocación de sancións laborais, que si estaban debidamente fundamentadas.

Di o TSX que pode que a instrución do expediente fose mellorábel, pero que esa materia está fóra do seu control e xa foi debidamente analizada polo Xulgado de Primeira Instancia.

O traballador foi en todo momento coñecedor dos feitos que lle eran imputados, tivo oportunidade de se expresar e foi el quen, en determinado momento, se negou a dar explicacións.

Sobre a lesión do dereito á honra, dirá o TSX que, en primeiro lugar, non hai proba en tal sentido de ningún tipo. Amais disto, indica que o dereito á honra ampara á persoa na súa boa reputación, certo, pero si diante de expresións, mensaxes ou informacións inxuriosas, o cal non sucedía neste suposto.

Así, o Tribunal Superior vai afirmar, con rotundidade, que neste caso non hai nin sequera un só indicio, achegado polo traballador, de que a empresa o despedise para lesionar os seus Dereitos Fundamentais. Non se pode apreciar, en tal sentido unha inversión da carga da proba. Ao contrario: existían “contraindicios” (así o chama o TSX) que sinalan a unha situación sospeitosa de comportamentos irregulares por parte do docente, impropios e reprobábeis.

Considérase así a sanción de despedimento ben fundamentada na carta correspondente, e proporcionada aos feitos previos.

Descarga a sentenza en pdf