Resumo da resolución
O Tribunal Superior de Xustiza de de Galicia estima o recurso dun traballador que acosou ao seu xefe por mor da súa orientación sexual após considerar que a carta de despedimento, onde se detallaban as condutas lgtbifóbicas, non foi suficientemente detallada ao respecto das circunstancias do acoso e das violencias.
Lémbranos o órgano xudicical o importante que, segundo o Estatuto dos Traballadores, as condutas reprochábeis das persoas traballadoras deben estar suficientemente descritas e motivadas para impedir unha indefensión na persoa operaria, e así poder defenderse con todas as armas (é dicir, a información relativa ao seu comportamento) á súa disposición.
Feitos
O traballador, cunha antigüidade na empresa de máis de dez anos, ficou en situación de incapacidade laboral temporal e, séndolle denegada polo INSS a situación de incapacidade laboral permanente, retornou ao seu posto de traballo.
No mesmo día da súa incorporación, o traballador é despedido. O motivo comunicado foi: acoso por razón de orientación sexual. A empresa considera acreditado que o traballador se dirixiu “de xeito continuado e reiterado” ao Xefe de Recursos Humanos con expresións homófobas (que non imos reproducir) e constitutivas dun ataque á súa dignidade humana.
A mercantil aprobara non só un Código Ético senón tamén un plan de Prevención de delitos (o coñecido como “compliance”), exixindo a todas as persoas do cadro de persoal o seu coñecemento. Instalaran unha política de tolerancia cero con calquera acto de acoso, pola razón que for, a través dunhas pautas que foron adicional e extensamente comunicadas ao traballador no momento do despedimento.
O traballador acode á Xustiza e o Xulgado do Social Nº2 de Lugo vaille dar a razón parcialmente. Declárase o despedimento como improcedente, apreciando defectos na carta de despedimento, e condena á empresa á readmisión ou a unha indemnización de 11.876,09€.
Argumentos das partes
A empresa vai presentar recurso de suplicación. Defenderá que existiron causas suficientes para un despedimento, dados os feitos cometidos polo traballador; e que a carta de despedimento era suficientemente ilustrativa dos motivos desta medida disciplinaria. O traballador, pola súa banda, vai argumentar que a carta, pobremente redactada, impediu coñecer fielmente os feitos que se imputaban e, por tanto, foi fonte de indefensión para el.
Decisión do Tribunal
O TSX vai entender que a carta de despedimento non cumpriu cos requisitos da Lei. Esta debe responder a unha tripla finalidade: dar a coñecer os feitos para que a persoa traballadora poida impugnalos se o considera, determinar os motivos para o despedimento (ou da súa oposición) e delimitar os feitos dunha posíbel controversia xudicial.
Indica o órgano xudicial que a empresa non delimitou axeitadamente os feitos que se imputaron ao traballador. Non consideran que existise detalle cronolóxica abonda, e tampouco definición cuantitativa ou das circunstancias.
A carta de despedimento non pode conter, en verbas do TSX, expresións vagas e imprecisas. A defensa da persoa traballadora debe poder coñecer con precisión que feitos se lle imputan, en que data se produciron… e, neste caso, non parece terse dado o detalle necesario a este instrumento. Non se cuestionan os feitos, pero si se obxecta á forma en que foron postos en coñecemento do traballador. Di expresamente:
- “Impútaselle o feito de empregar unha serie de expresións homófobas execrábeis contra do seu xefe, mais non se datan, nin se contextualizan ou identifican os momentos nos que se teñen realizado”